O Compos volverá a casa cun punto merecido nun partido aburrido, sen demasiada intensidade e sen dono. Un partido no que calqueira puido levarse a vitoria sobre todo nun final non apto para cardíacos con ocasións nas dúas porterías e no que Marqueta fixo méritos para ser o mellor do equipo en Santa Ana.
Unha das mellores ocasións para achegarse aos postos de promoción de ascenso que non puido aproveitar a Esedé nun campo onde non parece ter a sorte precisa para gañar despois de sumar un punto nas dúas visitas ata o momento a Tanos. Sen embargo, no partido desta tarde de domingo, os homes de Iñaki Alonso tampouco encaixaron goles a diferenza da tempada pasada.
O inicio aumentou as expectativas do enfrontamento grazas ás ocasións xeradas polos atacantes da Esedé nos primeiros intres do encontro con dous disparos de Jordan e outro de Borja ben freados polo porteiro. O Tropezón, que parecía renunciar á posesión da pelota tivo boas ocasións para responder á contra sen excesivos problemas para Marqueta, que cumpliu con creces por segundo partido consecutivo defendendo a portería branquiazul.
Despois dunha mala primeira metade, a segunda tampouco chamou moito a atención. Comezo moi trabado no centro do terreo de xogo con faltas que o colexiado saldou con tres cartóns, un deles para Josu, e que rematou co troco de Catú, amonestado na primeira metade, nun momento de dureza sobre o terreo de xogo.
Por sorte para os espectadores o partido mellorou os quince últimos minutos. Cuarto de hora onde os homes de Iñaki tiveron tres ocasións ante o porteiro que non chegaron a máis por moi pouco. Pola súa parte, o Tropezón tamén probou sorte nos cinco minutos finais poñendo á Esedé contra as cordas e mostrando a mellor versión de Marqueta, que fixo dúas paradas de moito mérito para manter a porta a cero.
Finalmente, reparto de puntos merecido e a pensar xa no partido ante o Coruxo do vindeiro domingo ante un rival da zona alta da táboa ao que gañar sería moi importante.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Catú (Iván Moya, min. 64), Alcañiz, Jimmy; Marcos; Jordan, Teles, Fondevila, Quim Araujo (Moreira, min. 69); e Borja (Mensha, min. 84).
CARTÓNS: Amarelos para Catú, Josu, Jordan e Iván Moya.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Santa Ana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario