Á conquista de Cantabria

Este ano o Compos só terá que viaxar nunha ocasión a terras cántabras. O Tropezón de Tanos, en Torrelavega, será o seguinte rival a superar pola nosa Esedé lonxe de San Lázaro no primeiro dos dous partidos consecutivos a domicilio. Unha visita complicada pero na que os de Iñaki Alonso buscarán sumar, unha vez máis esta tempada, dúas vitorias consecutivas ante un rival en postos de descenso. 
Este domingo Santa Ana acollerá a reedición dun encontro que a pasada tempada rematou con ata sete goles entre os dous equipos nun encontro moi disputado e con emoción ata o final onde o equipo local sumou os tres puntos cun gol no último minuto do encontro despois de dúas remontadas. Partido no que os pupilos de Fredi non puideron aguantar o marcador despois dunha gran remontada en menos de dez minutos na segunda metade. Juan Fresno e Rafa Prado superaron a Lorenzo en dúas ocasións superada a media hora de encontro para levar o 2-0 ao final da primeira metade. A reacción branquiazul na segunda metade foi letal e antes de cumprirse un cuarto de hora Jordan e Joselu, por partida dobre, meteron de novo ao equipo na loita adiantándose no marcador a media hora do final. Juan Fresno, unha vez máis, igualou o resultado quince minutos despois e Álex deixou os tres puntos na casa ademáis de provocar máis dun ataque ao corazón. 
Un Tropezón que recibirá ao Compos despois de sumar só 11 puntos nas trece primeiras xornadas. Décimo oitavo clasificado, os de Tanos acumulan cinco partidos sen coñecer a vitoria sumando só un punto dos quince últimos grazas ao empate na casa ante o Atlético Astorga. Un equipo que como local asinou 5 puntos de 18 posibles gañando só ao Marino de Luanco e perdendo ante o equipo artorgano e a Cultural na primeira xornada. Sen embargo, marcar en Santa Ana non é tarefa fácil. 4 goles a prol do equipo cántabro e 8 dos visitantes. Ademais, pódese destacar que só o Langreo, cun 0-3, gañou por máis dun gol de diferenza. 
Nesta ocasión, segunda visita da nosa Gloriosa Esedé ao campo de Tanos na historia, as cousas son moi diferentes. Con só catro xogadores que poderían repetir a súa presenza no encontro, dous deles xogarán seguro dende o inicio do encontro, os de Iñaki parten coma favoritos e con posibilidades de sumar unha nova vitoria a domicilio coa que facer esquecer a de Astorga de fais dúas semanas e ascender postos na táboa con vistas á promoción de ascenso. 
Para esta cita Iñaki conta coa baixa máis que segura de Lemos, que estivo esta semana en Madrid para tratarse das consecuencias xeradas pola artroscopia pola que pasou fai unhas semanas e que parece acarrear máis problemas do agardado. Ademais, Ramón e Portela serán serias dúbidas ata o último minuto, a pesar de que as novas que chegan desde San Lázaro non son moi positivas. Pola súa parte, Lolo Herrera non poderá contar co seu mellor xogador, Fresno, por sanción despois de ser expulsado ante o Zamora. 
En canto ao pasado máis recente, á pasada xornada, a vitoria do Compos ante o Zamora non pasa desapercibida. 4-1 cun bo ritmo de partido, posesión, bo xogo e mostrando a efectividade que noutras ocasións parecía ser a materia a mellorar polos de Iñaki Alonso. Jimmy, Teles, Borja Navarro e Jordan marcaron os goles demostrando que este ano o gol en San Lázaro está moi repartido ao contrario que nos dous anos anteriores onde Joselu arrasaba nas estadísticas. Pola súa parte, o Tropezón puxo contra as cordas ao Coruxo, o noso seguinte rival, no Vao. Os cántabros adiantáronse aos doce minutos cun gol de Primo pero antes do descanso os de Rafa Sáez puxeron o 3-1 no marcador achegándose unha nova vitoria para manterse nos postos altos da táboa. Na segunda metade, con tempo para lograr algo máis, Primo fixo o segundo, o 3-2 definitivo. 
O partido será este domingo en Santa Ana, Tanos, ás 17 horas. Asubiará o vasco Aritz Azpilikueta, colexiado que será a primeira vez que imparta xustiza nun encontro da Esedé. Quen non poida ir a Cantabria poderá ver o partido por PPV xa que o Tropezón emitirá o encontro na súa web oficial por streaming previo pagamento de 3 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario