O Compos sumou un punto máis que importante na visita do Murcia a San Lázaro. O mellor encontro da tempada en canto a xogo pero que non puido rematar de mellor forma, a pesar das numerosas ocasións. O Murcia non puido facer moito máis pero con pouco fixo cousas moi perigosas. Baixo paus, Ramón volveu a dar un recital de paradas evitando, incluso, que os visitantes se adiantasen desde os once metros. Albiol polos granas e Mensha polos branquiazuis fixeron os goles dun encontro con emoción ata o final.
Ante un dos mellores rivais da competición, xunto con Logroñés e Oviedo, a Esedé saiu a manter a posesión do esférico, a non deixar ocos e a meter ao Murcia no seu campo. A pesar de algunha contra, os de Iñaki Alonso foron moi superiores e crearon ocasións de moito perigo sobre a porta rival destacando un disparo de Fondevila que desviou o porteiro por moi pouco.
O Murcia apenas conseguiu crear ocasións perigosas pero na primeira chegada lograron un penalti por man de Portela dentro da área. Garmendia detrás do esférico e Ramón baixo paus. E unha vez máis, o porteiro andaluz amosou o seu gran nivel parando o penalti e aumentando as opcións do Compos cun só cuarto de hora de xogo.
A intensidade do encontro, sempre alta, deixou sobre o terreo de xogo un gran espectáculo con boas xogadas nos dous campos pero con dominio branquiazul. Sen embargo, nos últimos dez minutos o ritmo baixou, o fútbol pasou a xogarse no medio do campo e o número de faltas multiplicouse.
Despois de rematar a primeira metade sen goles, algo positivo para a Esedé, os dous equipos saíron á segunda metade cunha marcha máis. Portela avisou cunha nova chegada perigosa cando o Compos conseguiu meter aos rivais no seu propio campo xogando en zona de tres cuartos da cancha.
Sen embargo, na primeira perigosa do Murcia nos segundos corenta e cinco minutos chegou o gol. Falta lateral case sen ángulo a prol do equipo grana e Miguel Albiol, irmán do ex xogador do Real Madrid, non dubida nin un momento en metela moi axustada entre o primeiro pau e Ramón, que non puido facer máis ante a sorpresa.
Golpe moi duro pero con reacción instantánea dun equipo que tivo en Quim o gol do empate nunha das numerosas xogadas a balón parado coas que gozou a Esedé. Oito minutos despois foi, por sorte, Mensha quen igualou o partido, quen fixo algo máis de xustiza. Teles, despois dunha boa xogada individual pola banda dereita, asiste a Mensha e este fusila ante Iván Crespo, que nada puido facer para evitalo.
Algo más de dez minutos por diante ata o final e o Compos deixouse todo sobre o campo sen sorte para facer un segundo gol e deixar os tres puntos en San Lázaro. Finalmente, o Murcia empata por primeira vez esta tempada e a Esedé cae ao undécimo posto pero manténdose a dous puntos do sexto clasificado e a tres do quinto.
ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Castiñeiras, Portela, Jimmy; Marcos, Teles; Mensha, Quim (Moreira, min. 81), Fondevila; e Borja (Jordan, min. 63).
CARTÓNS: Amarelos para Portela, Marcos e Fondevila.
GOLES: 0-1 70' Albiol, 1-1 77' Mensha.
ESTADIO: San Lázaro. 1.225 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario