O posiblemente equipo máis perigoso da categoría chega a San Lázaro coa vista posta no primeiro posto. Segundo clasificado, o Murcia visítanos prometendo un encontro duro, difícil e moi vistoso, onde a afección debe tirar polo equipo. Tres puntos en xogo moi importantes para os dous equipos xa que un xógase a primeira praza mentres que outro podería achegarse moito aos postos de ascenso.
O Murcia comezou a tempada con problemas coa LFP. O equipo pimentonero loitaba por manterse na Segunda división ante o Mirandés, equipo que debía ocupar unha praza no grupo I da Segunda división B. Finalmente, a loita nos despachos rematou co equipo murciano ocupando o posto dos casteláns na categoría de bronce e viceversa deixando ao Murcia case sen tempo para confeccionar unha nova plantilla deixándoo cun equipo para loitar na Segunda división e co que asustar nunha categoría inferior.
Só por detrás do sorprendente Logroñés e por enriba dun moi ben reforzado Real Oviedo, o Murcia chega despois de sumar 8 vitorias e só 2 derrotas en 10 partidos. 12 goles a favor, só en tres encontros superaron os dous goles, e só tres en contra, dous deles remataron con derrotas para o equipo murciano. Ás ordes de José Manuel Aira só caeron ante o Celta B e o Logroñés coa curiosidade de que os dous partidos foron na Condomina, ningún deles lonxe da casa, e recibindo os goles no primeiro cuarto de hora da segunda metade. A nivel individual, un equipo envexable conta con dous grandes goleadores como son Acciari e Arturo, ambos suman catro goles na actual tempada.
En canto á historia, o Murcia visitou San Lázaro por última vez no 2003 rematando con vitoria branquiazul por 1-0 con gol de Maikel. Ademais, na 2000-01, os homes de Zoran Maric gañaron 2-0 con goles de Jose Carlos e Aguado. Antes, na 93-94 tamén en Segunda, dirixidos por Fernando Castro Santos, Moure e Lucas, por partida dobre ambos, golearon ao Murcia asinando un 4-0 importante na tempada do ascenso a Primeira. Tres de tres en canto a vitorias, cero goles en contra e sete a favor... Manteremos a xeira tan positiva?
En canto a este encontro, o Compos chega despois de empatar ante o Langreo e tras tres encontros puntuando. Pola súa parte, o Murcia suma cinco vitorias nos últimos cinco encontros, ademais de oito goles a favor e cero en contra esmagando a todo o que se pon por diante.
O encontro será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Durante toda a semana o clube puxo entradas a 5 euros para acompañantes de socios no Fondo Norte e a 10 para os que quixeran ver o encontro na Preferencia. Os que finalmente non poidan asistir ao campo poderán ver o encontro pola TVG2.
Ningún comentario:
Publicar un comentario