O Compos fixo ante o Zamora o mellor partido do que vai de tempada. Un encontro onde os de Iñaki Alonso mostraron un xogo de toque moi diferente ao realizado ata o de agora esta campaña con goleada incluida. Jimmy, Jordan, Teles e Borja Navarro foron os goleadores da Esedé no primeiro partido oficial no once inicial de Marqueta, que non puido facer máis no gol de De la Nava.
De principio a fin o manexo do encontro foi dun Compos moi superior e coa necesidade de rematar coas dúbidas xeradas despois do partido en Astorga. Os locais non deixaron ocos nin permitiron ningún erro aos zamoranos, que só puideron defenderse ante o asedio constante que comezou a dar os seus froitos superados os cinco minutos cun disparo de Fondevila que non atopou portería por moi pouco.
O xogo durante toda a primeira metade monopolizouse no campo castelán. A Esedé non só estaba a ser mellor senón que ademáis xogaba moi preto da área rival. Consecuencia disto chegou unha falta na frontal da área. Teles pasa por enriba do esférico e Jimmy dispara poñendo a pelota lonxe do alcance do porteiro, mal situado.
Co resultado xa favorable, o Compos baixou notablemente a intensidade do xogo permitindo ao Zamora achegarse, sen perigo, á portería ben defendida por Marqueta, un seguro baixo paus. Os homes de Roberto Aguirre non quixeron baixar os brazos e ata en dúas ocasións achegáronse á área con dous intentos que non foron nin entre os tres paus.
Como reacción aos intentos dos zamoranos, o Compos foi a polo segundo antes do descanso. Nova falta en zona de tres cuartos, o balón chega a Jordan e este bate a Cantero cun disparo frouxo ante o que o porteiro puido facer moito máis para evitar que os nosos chegasen á segunda metade cunha diferenza cómoda.
Co encontro en marcha de novo, o conxunto branquiazul mantivo a intensidade a pesar da alta presión do Zamora. Os visitantes buscaron saír con moita forza pero o intento de reacción rematou cun bo gol de Teles aos nove minutos do segundo tempo. Rouba Fondevila un balón na banda, éste xoga para Quim de forma maxistral e o catalán cede o esférico para o portugués, que só ten que empurrar o esférico ao fondo da portería.
Máis de media hora por diante e a vitoria case pechada. O espectáculo estaba servido e a xente en San Lázaro gozaba do mellor encontro do que vai de ano ante un rival que por segunda tempada consecutiva rematou cun bo momento en San Lázaro. Sen embargo, co paso dos minutos, e como se supoñía, o equipo baixou a intensidade xa case pensando no partido ante o Tropezón da semana que vén.
A emoción volveu nos dez últimos minutos co gol do Zamora. Córner que bota Prada e De la Nava asina o tanto da honra poñendo o único pero do encontro para un Compos que a falta de dous minutos e medio pechou a goleada co gol de Borja Navarro. Balón á área de Manu Rodríguez, que entrou a falta de vinte minutos do final, e o dianteiro asturiano fixo o cuarto e definitivo.
Golpe de autoridade sobre a mesa do noso equipo que terá agora dúas saídas consecutivas a Tanos, para visitar ao Tropezón, e a Coruxo.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Catú, Portela, Alcañiz, Jimmy; Marcos; Jordan (Iván, min. 77), Teles (Manu, min. 70), Fondevila, Quim (Moreira, min. 62); e Borja.
CARTÓNS: Amarelo para Quim.
GOLES: 1-0 12' Jimmy, 2-0 43' Jordan, 3-0 54' Teles, 3-1 82' De la Nava, 4-1 87' Borja.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario