Un novo punto chegado de Langreo

A terceira vitoria consecutiva da Esedé non puido chegar ante o Langreo. O equipo dirixido por Iñaki Alonso foi superior ao rival nos noventa minutos pero os erros á hora de finalizar as ocasións ante o porteiro saíron moi caros. Mendi fixo o primeiro do encontro nunha xogada a balón parado mentres que Teles asinou o empate menos de dez minutos despois cun disparo desde máis de 25 metros.
O encontro arrincou co Langreo anotando un gol que sería anulado por fóra de xogo. Unha acción que serviu de aviso a un Compos que a base de paciencia e xogo en curto foi na busca da portería contraria. Sen embargo, Mensha non foi capaz de superar a Adrián Torre, o mellor do seu equipo sen dúbida.
As ocasións perigosas chegaban a base de xogadas de perigo polas bandas e finalización de Mensha, titular en liga oito xornadas máis tarde deixando no banco a Borja Navarro nun partido complicado sobre todo polo estado do terreo de xogo, de herba artificial. Un tras outro, cada disparo do Compos era repelido polo cancerbeiro local conseguindo incluso varios saques de esquina que non chegaron a bo porto. Pola súa parte, o Langreo non puido poñer en apuros a Ramón na primeira metade.
A segunda metade estivo máis igualada. A Esedé comezou avisando cun disparo que saiu por enriba do longueiro da porta asturiana. Pola súa parte, o Langreo adiantouse no marcador na primeira xogada ofensiva con perigo do encontro cando o ritmo parecía estar baixando notablemente. Dito gol chegou nunha falta mal defendida pola Esedé que bota Robi e que remata Mendi sen oposición.
A reacción branquiazul foi case momentánea. Buscaron subir o ritmo do encontro de novo e ir a pola porta rival canto antes. Sen embargo, o Langreo mellorou poñendo en perigo as posibilidades dun gol que chegou a vinte minutos para o final por obra de Teles. Un dos mellores goles do ano por non dicir o mellor obra do portugués desde case 30 metros de distancia axustado lonxe do alcance do porteiro, que non agardaba o disparo.
De novo coa igualada no luminoso, o Compos volveu ser titular levando o perigo á porta defendida polo porteiro asturiano. Por desgraza, Moreira nin Quim, autores das mellores ocasións, non foron capaces de facer o segundo rematando o encontro co empate a un gol.
A vindeira semana, o domingo, chega a San Lázaro un dos equipos máis duros da categoría: o Real Murcia. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Castiñeiras, Portela, Jimmy; Marcos; Manu Rodríguez, Jordan (Moreira, min. 65), Fondevila (Quim, min. 83), Teles; e Mensha (Borja, min. 78).
CARTÓNS: Ningún aos xogadores do Compos.
GOLES: 1-0 63' Mendi, 1-1 70' Teles.
ESTADIO: Nuevo Ganzábal. 783 persoas.

1 comentario:

  1. O compos este ano ten un problema, a falla de gol, falta ese dianteiro rematador, un 9 puro, ese xogador que marque diferenzas e q marque goles arriba, a ver qué pasa, gústame o equipo, pero non acabo de ver ese rematador

    ResponderEliminar