O Compos volveu de Astorga cun bo carro de goles en contra despois dun mal partido onde varios erros remataron nunha nova derrota un mes máis tarde. O gol de Quim Araújo non foi suficiente para, polo menos, puntuar en La Eragudina. Un mal encontro onde a peor nova chegou coas lesións de Ramón e Teles, os mellores do que levamos de tempada e que tiveron que retirarse antes de tempo con problemas físicos. David Bandera por partida dobre, Víctor e Ivi Vales fixeron os goles locais completando a goleada.
Baixo a chuvia de Astorga e ante unha bancada pequena pero con boa representación chegada desde Santiago, onde se situaron ata catro das peñas da Esedé, o equipo saltou ao terreo de xogo con intención de ter o balón e chegar á portería aproveitando o segundo partido consecutivo coa dianteira formada por Mensha e Borja Navarro, que non chegaron a poñer en perigo ao porteiro astorgano.
Nos primeiros minutos, a pesar de contar coa posesión do esférico, non puido facer nada ante un Astorga moi ben situado no seu campo agardando un erro para saír á contra. Unha igualdade sen ataques que cambiou cun disparo de Teles aos vinte minutos topándose co porteiro. Un disparo que foi rapidamente respondido pola primeira ocasión local. David Bandera disparou desde lonxe, o esférico botou diante de Ramón e entrou na portería.
A reacción branquiazul foi instantánea e en só catro minutos chegou o gol do empate. Xogada pola banda de Óscar Fondevila, balón para Quim Araújo, este desfaise dun contrario cun toque e pégalle desde a frontal da área poñendo o esférico lonxe do alcance do porteiro local. Un gol co que pensar nunha máis que posible remontada e sumar así tres puntos máis.
Sen embargo, lonxe de manter a superioridade, o Compos regalou balóns a un Astorga decidido a facer un bo xogo e a provocar perigo sobre a porta de Ramón con moi pouco traballo que facer para conseguilo. Un centro desde a dereita ao segundo pau, balón que peina un xogador e Víctor, posiblemente cometendo falta sobre o porteiro xa no chan, marca o segundo gol. Un gol que tivo como consecuencia o troco de Ramón por Raúl Marqueta por lesión.
Despois do gol e ata o descanso, os de Iñaki Alonso buscaron de novo o gol co que chegar á segunda metade con igualdade no marcador. Xa con Jordan na banda e sen Borja Navarro, que non tivo ocasións para marcar nos primeiros corenta e cinco minutos, o Compos mellorou e atopou o camiño á área astorgana aínda que sen producir máis perigo sobre a porta defendida por Javi, algo que de novo rematou pagando o equipo branquiazul.
Mediada a segunda metade chegou a polémica do encontro. Xogada pola dereita, centra un xogador do Astorga e o balón toca na man de Castiñeiras. O asistente, que estaba nunha situación privilexiada para ver a acción, non o dubida e sinala penalti por man do central. Desde os once metros, David Bandera asinou o seu doblete cun disparo directo á escadra e ante o que nada puido facer Raúl Marqueta sentenciando practicamente o encontro a prol do conxunto castelán.
Caendo por dous goles de diferenza, o Compos non se foi abaixo e os dez xogadores de campo meteron aos locais no seu campo. Superioridade durante un cuarto de hora pero sen materializar en ningún momento. Sen ter ningunha ocasión para recurtar diferenzas, o Astorga decidiu saír á contra e rematar definitivamente co encontro. Xogada rápida pola banda, balón para Ivi Vales e este supera a Marqueta facendo o cuarto e definitivo dun partido que provoca dúbidas no equipo branquiazul.
ALIÑACIÓN: Ramón (Marqueta, min. 39); Catú, Castiñeiras, Portela, Jimmy; Marcos; Mensha, Teles (Moreira, min. 72), Fondevila, Quim; e Borja (Jordan, min. 46).
CARTÓNS: Amarelos para Borja e Catú.
GOLES: 1-0 21' David Bandera, 1-1 25' Quim, 2-1 32' Víctor, 3-1 70' David Bandera, 4-1 93' Ivi Vales.
ESTADIO: La Eragudina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario