Un punto de León

Tres días despois de conseguir o pase á Final territorial da Copa RFEF en Pontevedra, a Esedé voltou do Reino de León, onde fai uns anos sorprendeu cun 2-4 nun mal momento, cun punto que sabe a pouco despois do xogo realizado polo equipo branquiazul. Moi bo partido dos galegos en terras leonesas. Gonzalo e Catú fixeron os goles. 
O Compos dominou o esférico dende a saída ao terreo de xogo facendo o primeiro gol moi cedo. En cuestión de sete minutos, unha falta preto da área local remata cun bo disparo de Gonzalo moi axustado á madeira ante o que nada puido facer o porteiro. Un bo gol do centrocampista coruñés demostrando un gran momento do equipo, que se mantivo durante gran parte do primeiro tempo. 
Unha vez máis, en ataque destacaron os mesmos tres nomes propios. Joselu, Diego Peláez e Manu Rodríguez buscaron porta durante media hora pero sen acerto. Pola súa parte, a Cultural foi de menos a máis empatando o partido xusto antes do descanso. Sen embargo, o gol foi de Santi Taboada en propia porta despois dun centro dende a esquerda. 
A segunda metade comezou cun novo disparo de Joselu. O Compos tivo outra vez o balón pero o partido estivo máis dividido e espeso con chegadas nas dúas porterías, máis perigosas por parte do equipo santiagués. Sen embargo, o gol non chegou ata mediada a segunda metade cando Catú, a centro de Gonzalo, marcou coa cabeza o segundo. Novo gol a balón parado, esta vez de córner, e de novo que sae dos pés do centrocampista coruñés.
Pero a ledicia branquiazul non durou máis de minuto e medio. A reacción local foi moi rápida e na primeira xogada de perigo ao seu favor chegou o gol do empate definitivo. Saque de falta lateral que ningún xogador do Compos atina a despexar e o balón entra sen que ninguén faga nada para evitalo. 
Ata o final puido chegar un terceiro gol nun final de partido aberto con chegadas nas dúas porterías. Pero, aínda que non sexa o máis merecido, o resultado final é un empate que fai que o Compos acade xa o sétimo posto na clasificación por detrás do Celta B, sexto, e do Racing de Santander, quinto e vindeiro rival da Esedé. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús, Taboada, Catú, Jimmy; Gonzalo; Jordan (Borja, min. 73), Manu Rodríguez (Yahvé, min. 46), Peláez, Jacobo (Nacho, min. 55); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy, Jesús, Taboada e Peláez. 
GOLES: 0-1 7' Gonzalo, 1-1 40' Taboada en p.p., 1-2 68' Catú, 2-2 70' Góngora. 
ESTADIO: Reino de León. 1.600 persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario