Un ex de Primeira chega a San Lázaro

Este mesmo domingo o Compos recibirá a un equipo que fai só dous anos xogaba na Primeira división. Nun mal momento chega o Racing de Santander a San Lázaro nun partido onde se xoga un posto na zona alta da táboa. Sétimo contra quinto. Dous equipos con dous puntos de diferenza entre ambos... O partido máis destacado despois do mazazo da Copa RFEF.
Só catro días máis tarde de caer ante o Ourense por segunda vez na tempada, o Compos recibe a un grande da categoría, a un dos favoritos para loitar polo ascenso. Un partido para o que Fredi mantén a baixa de Diego Rey e súmase a de Yahvé. Pola súa parte, o adestrador do equipo cántabro Paco Fernández perde a Koné por sanción e a Nieto por lesión. 
Esta será a quinta vez que o Compos reciba ao Racing en San Lázaro despois das catro visitas cántabras, que remataron sempre con bos resultados para os nosos. Tres vitorias e un empate con, ademais, bos números. E é que neses catro encontros a Esedé firmou ata oito goles e encaixou tres. Goles de grandes xogadores como Popov, Fabiano, Ohen, Villena, Christensen e Pichi Lucas, nomes que serán difíciles de esquecer no templo santiagués. 
En canto ao rival, o Racing ocupa a quinta praza tras sumar 11 puntos en sete partidos. Único equipo, xunto co Avilés, que todavía descoñece a derrota esta tempada. Dúas vitorias e cinco empates, once goles a favor e sete en contra. 
O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Como promoción especial, cada socio poderá retirar unha entrada por 5 euros para Preferencia e 10 para Tribuna antes do domingo. Quen non poida asistir tamén poderá seguir o partido a través da TVG2. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario