Goleada ao líder

O Compos non tivo piedade do Zamora, aínda líder da categoría, no partido da sexta xornada. Un partido onde os branquiazuis pasaron por enriba dos casteláns vingándose así da goleada recibida polos zamoranos fai catro tempadas. Encontro onde Joselu volveu a demostrar o seu nivel con dous goles e dúas asistencias para Jordan, moi activo os noventa minutos, e Jimmy.
Partido totalmente controlado polo Compos dende o comezo ante un Zamora descoñecido, que provocou grandes dúbidas despois da súa presenza no verde de San Lázaro, onde por momentos non parecían nin buscar o balón. Iso sumado á fame do equipo de Santiago fixo que en menos de dez minutos de partido no luminoso xa se puidera ver un 2-0 sorprendente.
Joselu recibiu un balón para facer o primeiro cun disparo dende dentro da área rival. E só minuto e medio despois o de Palmeira errou á hora de marcar de chilena pero o esférico chegou a Jordan e este non fallou ante Imanol. Dous goles en cuestión de sete minutos cos que deixar a vitoria moi preto. 
O Compos era unha apisoadora. O Zamora estaba a ser un mero espectador do xogo local, que volveu a ser do mellor. E coma xogadores máis destacados hai que falar, unha vez máis, de Joselu. O '9' da Esedé puxo as mellores ocasións sobre a porta zamorana de tódalas formas posibles aliándose á perfección con Jordan. Ademais, antes do descanso Jacobo estivo a piques de marcar cun disparo dende fóra da área.
Xa na segunda metade chegou a polémica do partido. Despois de numerosos erros arbitrais contra o Compos na primeira, na segunda o colexiado pitou un penalti un tanto estraño. Imanol ten o balón nas mans e Jesús Varela vai por él pero é derribado. O colexiado non dubidou en sinalalo e Joselu en transformalo convertíndose así no máximo goleador do equipo por enriba de Manu Rodríguez. 
Tres goles de diferenza non frearon aos homes de Fredi, que fixeron disfrutar á afección con grandes ocasións na busca de aumentar a goleada. Sen embargo, o cuarto non chegou ata que Joselu deixou só a Jimmy dentro do área e este superou ao porteiro cun disparo raso ante o que nada puido facer. 
4-0 ao líder e aumento da confianza do equipo. Ascenso tamén de catro postos na táboa igualados co Burgos e o Marino de Luanco. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Taboada, Catú, Jimmy; Gonzalo (Castiñeiras, min. 81); Jordan, Manu Rodríguez (Borja, min. 74), Peláez (Julen, min. 65), Jacobo; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy, Gonzalo e Taboada. 
GOLES: 1-0 6' Joselu, 2-0 7' Jordan, 3-0 62' Joselu, 4-0 74' Jimmy. 
ESTADIO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario