Os tres puntos marchan de Santiago

O Racing de Santander é o primeiro equipo esta tempada que consegue marchar de San Lázaro cos tres puntos despois dun partido sen moitas ocasións onde os cántabros aproveitaron os dous únicos erros defensivos. Un partido onde o empate sería máis xusto pero premio para un dos mellores equipos que pasaron polo coliseo branquiazul.
Baixo unha intensa chuvia, os dous equipos intentaron saír con intensidade. O Compos mantivo o seu xogo de toque, aínda que errando á hora de dar o último pase, mentres que o Racing limitouse a facer un xogo máis directo e efectivo con balóns para Koné, estrela do equipo e claro referente en labores ofensivas. 
Durante a primeira metade as ocasións puideron contarse cos dedos dunha man. Por parte do Compos, a mellor chegou antes de cumprirse os vinte minutos por obra de Joselu, que non contou con balóns suficientes para incomodar ao porteiro contrario. Pola súa parte, Koné buscou a porta de Adrián durante os corenta e cinco minutos aínda que topándose cunha defensa segura que fixo que os santanderinos non chegasen por diante ao descanso. Ademais, o colexiado do partido permitiu moito aos visitantes. 
Xa na segunda metade, o Racing tardou algo máis de cinco minutos en sumar o primeiro gol. Erro da defensa branquiazul que aproveita Koné para abrir a lata. Co resultado en contra, o Compos foi de máis a menos e iso aproveitouno o equipo cántabro, que puido controlar o partido. E en menos de dez minutos confirmaron a vitoria cunha falta lateral que non puido atrapar Adrián e transformou Juampe. 
O Compos buscou o gol na última media hora pero sen acerto. As ocasións non chegaron, o último pase non chegou e finalmente o Racing volve a casa cos tres puntos. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús, Catú, Taboada (Julen, min. 81), Jimmy; Gonzalo; Jordan (Borja, min. 62), Manu Rodríguez (Nacho, min. 62), Peláez, Jacobo; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Taboada. Expulsado Jimmy por dobre amonestación. 
GOLES: 0-1 52' Koné, 0-2 60' Juampe. 
ESTADIO: San Lázaro. 1.300 espectadores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario