Derbi entre irmáns

Compos e Celta B xogarán este mércores o terceiro derbi da tempada para os pupilos de Fredi nunha semana importante. Segundo partido en sete días nos que a Esedé podería ascender varios postos de sumar os nove puntos en xogo. Sen embargo, para esta primeira xornada entre semana visita San Lázaro un dos poucos equipos que puido puntuar no coliseo santiagués a pasada tempada. 
Dous equipos da zona media da táboa veranse unha vez máis as caras en San Lázaro para un partido moi igualado. Décimo contra oitavo con tres puntos en xogo moi importantes para achegarse aos postos altos da clasificación catro días antes da visita da Esedé a Ferrol, onde se xogará o último derbi da primeira volta. Unha vitoria que podería facer que o gañador entrase nos postos de promoción de ascenso, se os demais resultados acompañan aproveitando que o Zamora, cuarto, non xogará esta xornada. 
Primeira xornada entre semana de Liga, xa que o Compos tivo que xogar a Copa RFEF tamén os mércores, para un dos mellores partidos da tempada. Nova visita do Celta a San Lázaro, aínda que esta vez será ante o filial, para demostrar que o equipo santiagués reencontrouse co gol ante o Caudal esta fin de semana. 
Do rival pódese destacar que é un equipo que non marca moitos goles, nove en dez partidos, e que encaixa o dobre, dezaoito dende o comezo da tempada. Un equipo que foi de máis a menos chegando a recibir ata trece goles en tres partidos, dez deles lonxe de Barreiro. Un conxunto que fóra de Vigo só sumou catro de quince puntos posibles, tres goles a favor e trece en contra... Algo moi diferente á pasada campaña na que os olívicos asustaban alá por onde pisaban. 
Un derbi entre irmáns que se repetirá en San Lázaro despois de que fai uns meses Joselu e Santi Mina, merecido xogador do primeiro equipo, impartisen xustiza ante máis de 1.000 siareiros. Non poderán estar Germán, Diego Rey nin Julen por lesión, Catú, expulsado inxustamente ante o Caudal por cartón vermello directo, e Taboada por acumulación de cartóns. Pola súa parte, son baixa no Celta B Kevin e Javi Rey por lesión. 
O partido será este mércores ás 20:30 horas. Para os que non poidan achegarse a San Lázaro, as cámaras da TVG2 emitirán o partido en directo por televisión. 

2 comentarios:

  1. Lo veré x internet. Por cierto, mi próximo desplazamiento será a Burgos, ¿os veré allí?

    ResponderEliminar
  2. Por desgraza só poderemos ir aos partidos de Galiza...

    ResponderEliminar