Vén o líder

Este sábado chega a San Lázaro o líder da categoría. O Zamora vén a Santiago como líder do grupo I da categoría, algo simplemente anecdótico a estas alturas da tempada. Un partido entre dous dos grandes equipos da Segunda B que loitarán ata o final por entrar entre os catro primeiros. 
Un novo partido no coliseo branquiazul do que Fredi non quere saír sen os tres puntos aínda sabendo o nivel do vindeiro rival da Esedé. Un equipo que suma 12 de 15 puntos posibles, líder en solitario, despois de perder só o partido no Sardinero contra o Racing de Santander fai dúas xornadas. Un equipo que, ademais, anota moitos goles, máximo goleador da categoría con 11 goles a favor, e encaixa poucos, só 4. Un rival do que sacar poucos peros neste tramo de liga que levamos e se hai un é o seu xogo lonxe da casa, onde sumaron a súa única derrota. 
En canto ás baixas, Fredi mantén as de Yahvé, Fondevila, Diego Rey e Nacho e recupera a Borja Facal, que podería estrearse na categoría, e Santi Taboada. Pola súa parte, o adestrador do Zamora deixa na casa a Ángel, Manu Arias, Cristian, Píriz e Iñaki. 
Tendo en conta as dúas últimas visitas do conxunto roxibranco a San Lázaro as cousas non pintan coma deberían. Os agora adestrados por Roberto Aguirre superaron á Esedé ata nas dúas ocasións que viñeron a Santiago na anterior tempada do equipo na categoría de bronce. 1-2 na Copa do Rei e un importante 2-5 na liga. 
O partido será este sábado ás 19 horas en San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario