Primeiro punto a domicilio

O Compos sumou o seu primeiro punto lonxe de San Lázaro este sábado ante o Guijuelo. Un partido en Salamanca difícil onde os de Fredi tiveron que empatar un gol moi cedo do equipo local. Joselu, goleador por excelencia do equipo, actuou esta vez de asistente e regalou o pase de gol a Manu Rodríguez, outro dos xogadores máis importantes esta tempada, para que fixera o empate. 
Os locais saíron ao terreo de xogo sabendo que o Compos ten por norma controlar o manexo do esférico dende o comezo. Os salmantinos, a base de control e intensidade, buscaron moi cedo a porta defendida por Adrián. Como recompensa, superados os cinco minutos de encontro chegou o primeiro gol. Saque dende a esquina, erro da defensa á hora de defender e gol de Jonathan de chilena. Un golazo ante o que o porteiro coruñés non puido facer nada. 
A reacción santiaguesa non se fixo agardar. Só dez minutos máis tarde do primeiro tanto chegou o empate nunha xogada moi sinxela. Adrián saca en longo para Joselu, este para Manu Rodríguez e o de Moraña supera a Wilfred. Nada máis. Un gol rápido nunha xogada efectiva e pouco común no xogo de toque branquiazul. 
Co empate o partido entrou nunha igualdade en canto a xogo ata o descanso que ningún dos dous equipos soubo romper. Poucas chegadas a portería pero intensidade no xogo por parte de ambos, algo que cambiou despois do paso por vestiarios. 
Na segunda metade o Compos foi mellor ante un equipo que parecía haber esgotado as súas cartas. Pero unha vez máis errou a definición. Boas chegadas sobre todo por parte de Joselu pero sen sorte á hora de finalizalas. Pola súa parte, Jonathan buscou a porta de Adrián topándose sempre cunha boa defensa imposta polo equipo galego. 
Os últimos vinte minutos non foron máis que un tempo no que os dous equipos intentaron buscar unha sorpresa, un erro do contrario que aproveitar para romper o empate co que se chegou ao final. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Catú, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo; Jordan (Germán, min. 88), Manu Rodríguez (Jacobo, min. 68), Peláez (Fran Pastor, min. 82), Julen; e Joselu. 
CARTÓNS: Amarelo para Manu Rodríguez. 
GOLES: 1-0 6' Jonathan, 1-1 16' Manu Rodríguez. 
ESTADIO: Municipal de Guijuelo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario