Primeiros tres puntos merecidos

O Compos xa ten tres puntos despois de superar ao Coruxo nun partido dominado polos de Fredi de principio a fin. Vitoria máis que merecida nun encontro no que o único erro en defensa provocou o gol vigués. Manuel Castiñeiras pasou de ser un descarte ao principio da tempada a ser o autor do primeiro gol do equipo esta tempada. Jordan e Manu Rodríguez completaron os tres goles dun equipo que, agora si, convence.
Dende o primeiro minuto de xogo e ata o descanso, o equipo foi unha apisoadora. Numerosas chegadas á área visitante pechando ao Coruxo no seu propio campo e sen deixar ao rival nin un segundo de descanso. Un primeiro tempo moi bo, con moita intensidade e chegadas importantes que Manu Rodríguez, Joselu e Yahvé, principais autores, non conseguiron transformar.
Para o primeiro gol fixo falta a aparición do gran dono da defensa. O xefe do Compos, que fixo un gran partido no centro da zaga, apareceu en labores ofensivas superada a media hora e cunha gran volea tras un mal rexeite da defensa, ante a que nada puido facer o porteiro, fixo o primeiro. Gran gol de Manuel Castiñeiras que pasou de ser un descarte da directiva a ser o autor do primeiro gol deste Compos que xa convence sobre o terreo de xogo, se este está en condicións.
Tras o paso por vestiarios, o Compos non saíu coa intensidade do primeiro tempo e pronto se pagou. En menos de dez minutos, no gran erro do partido en defensa, Antúnez aproveitou para poñer un pase a Chaco e que este igualase o partido. Sen embargo, o gol só serviu de aviso aos de Fredi que non tardaron en recuperar o xogo e a intensidade do primeiro tempo merecendo unha vez máis o gol.
O equipo repúxose e a base de chegadas fixo outra vez que os vigueses volveran a meterse no seu campo. Ademais, a banda esquerda foi o lugar polo que o equipo creou as mellores xogadas e os dous últimos goles. 
Manu Rodríguez quixo tomar o control pola banda e para completar un bo partido o de Moraña puxo o pase para o segundo gol da tarde. Centro do centrocampista dende o lateral do terreo de xogo e Jordan, que se foi cara o corazón do área, fixo o segundo obtendo así un premio máis que merecido. Segundo gol dun equipo que se mereceu rematar a primeira metade cunha gran goleada. 
E de novo, xa con Joselu pola banda e con Nacho no centro do ataque, o Compos aumentou a intensidade e buscou pechar o encontro ou polo menos alonxar o esférico da meta ben defendida por Adrián, que apareceu ben no pouco traballo que volveu a ter. E xa no tempo engadido, nova chegada pola banda, centro que cae a Joselu e este déixalle o balón a Manu Rodríguez que marca a pracer completando así un partido inmellorable unha vez máis demostrando nivel máis que suficiente para a categoría de bronce dun xogador que leva na Esedé dende Preferente. 
O vindeiro encontro do equipo branquiazul será este mércores ás 20 horas en San Lázaro contra o Celta de Vigo, equipo de Primeira división, en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Angrois. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús, Manuel Castiñeiras, Taboada, Jimmy; Gonzalo; Jordan (Nacho, min. 72), Manu Rodríguez, Peláez (Jacobo, min. 80), Yahvé (Germán, min. 80); e Joselu. 
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo, Taboada e Adrián. 
GOLES: 1-0 33' Castiñeiras, 1-1 53' Chaco, 2-1 69' Jordan, 3-1 91' Manu Rodríguez.
ESTADIO: San Lázaro. 1.100 espectadores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario