Empate benéfico

O Compos e o Celta non pasaron do empate sen goles en San Lázaro no partido benéfico. Un partido para recordar onde a afección non fallou cunha entrada máis que notable enchendo Tribuna, Preferencia e Fondo Norte. Un ambiente espectacular con dúas afeccións irmandadas nun día no que se puido homenaxear ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois do pasado 24 de xullo.
A Esedé plantou cara a todo un equipo de Primeira, nestes momentos na parte alta da táboa. Bo partido dos pupilos de Fredi onde o Celta tomou o control do esférico de principio a fin. Boa defensa e gran actuación de Lorenzo, porteiro titular nesta ocasión, evitando que os vigueses puideran poñerse por diante en tódalas ocasións que tiveron na primeira metade, lideradas a gran maioría por Rafinha. 
O pequeno dos Alcántara foi o mellor dun partido onde o gardameta suplente en liga do Compos tivo gran protagonismo deixando a súa porta a cero. Por outra parte, Joselu e Nacho buscaron a porta de Sergio sen acerto suficiente tendo o ex do Ordes a mellor de todo o partido grazas aos rápidos contraataques do equipo local, que soubo xogar ao Celta. 
Na segunda metade máis do mesmo. Ocasións nas dúas porterías con algo menos de intensidade e co Celta superior contando cun libre indirecto dentro da área que non pasou da barreira. O Compos tamén tivo boas ocasións na porta defendida por Sergio pero sen a sorte precisa para poder rematar a homenaxe co resultado a favor.
Finalmente un empate sen goles que deixa aos dous equipos contentos despois do feito sobre o terreo de xogo. Ademais cabe destacar o debut de Julen Alustiza coa camiseta da Esedé e de Marcos, porteiro xuvenil, co primeiro equipo. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo (Adrián, min. 46); Catú (Jimmy, min. 70), Germán, Castiñeiras, Mateo (Manu Rodríguez, min. 70); Fran Pastor, Gonzalo (Taboada, min. 46); Julen, Jacobo; Joselu (Yahvé, min. 46) e Nacho (Peláez, min. 46).
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: San Lázaro. 10.000 espectadores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario