O espectáculo volve a casa

O fútbol volve a San Lázaro dez días despois do espectáculo do amigable benéfico do 4 deste mesmo mes ante o Celta. Volve a Liga sete días despois da derrota contra o Marino de Luanco en terras asturianas. Esta vez o rival volve ser asturiano, o Real Avilés, ante o que o Compos buscará a segunda vitoria desta tempada en competición oficial.
Un partido que se prevé interesante e emocionante entre un dos equipos que mellor fútbol fan de tódala categoría e outro que todavía descoñece o que é perder esta tempada. Duodécimo é o Compos despois de tres xornadas na que se sumaron só tres puntos e quinto o Avilés despois de sumar unha vitoria, a pasada semana ante o SD Logroñés, e dous empates. Dous grandes equipos que loitarán por rematar a tempada nos postos de promoción de ascenso. 
En canto ás baixas, Fredi mantén as de Borja Facal, Diego Rey, Óscar Fondevila, Santi Taboada e Nacho por lesión mentres que recupera a Jorge Rodríguez, ex xogador do equipo rival deste sábado. Pola súa parte, Josu Uribe perde a Nacho López, Berto Toyos e Ito por lesión. 
Para falar do derradeiro enfrontamento entre ambos, e único, hai que botar un ollo á tempada 1991-92 cando se viron as caras na estrea do equipo santiagués na Segunda División. Naquela temporada, en Santa Isabel, o Compos superou aos asturianos cun importante 5-1 grazas aos goles de Moure, Juanito, Bellido e Pichi Lucas por partida dobre. 
O partido será este sábado ás 19 horas en San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario