Dominio sen goles

O Compos sumou en San Lázaro un punto máis ante un rival que mantén o casilleiro de derrotas sen estrear no primeiro partido onde Adrián non encaixou ningún gol. Un partido sen goles no que unha vez máis dominaron os homes de Fredi. Joselu e Peláez, unha vez máis, foron os xogadores máis destacados en ataque pero sen a fortuna suficiente para superar a Ángel. 
Na primeira metade as bandas foron as protagonistas das mellores chegadas da Esedé. Peláez e Joselu puxeron en apuros ao porteiro asturiano nos primeiros corenta e cinco minutos de claro dominio branquiazul nos que a peor nova chegou aos dez minutos. Yahvé mancouse na busca dun balón e a falta de parte médico oficial augúranse dúas semanas sen o vigués por unha escordadura no ligamento lateral interno. 
Do Avilés no primeiro tempo máis ben pouco. Os asturianos non fixeron practicamente nada por achegarse á porta de Adrián e limitaron o seu xogo a defender as numerosas chegadas dos xogadores locais, que se toparon cunha gran defensa difícil de superar. 
Na segunda parte máis do mesmo. O Compos foi mellor, tivo o balón e monopolizou o xogo en campo rival pero sen atopar o camiño á porta. Numerosas chegadas onde destacaron sobre todo dúas de Manu Rodríguez e Jimmy que non conseguiron transformar por falta de fortuna, algo que parece non estar do lado compostelanista esta tempada. 
Sen embargo, na segunda metade si apareceu en ataque o Avilés. Nos últimos minutos de partido chegaron as únicas ocasións de perigo do conxunto rival. A base de contraataques, os de Uribe tiveron tres oportunidades que soubo defender ben a zaga branquiazul. 
Un empate que sabe a pouco para o Compos pero que deixa contento ao equipo visitante, que soubo aguantar a apisoadora galega. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo; Jordan (Fran, min. 72), Manu Rodríguez (Julen, min. 78), Peláez, Yahvé (Jacobo, min. 11); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Manu Rodríguez.
GOLES: 0-0. 
ESTADIO: San Lázaro. 700 espectadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario