SOMOS DE SEGUNDA B!

O Compos xa é equipo de Segunda B despois dunha temporada espectacular. 11 meses de traballo diario e moi duro tiveron os seus froitos o último domingo do mes de xuño deste 2013. Un partido onde en ningún momento estivo en perigo a diferenza de goles dun equipo que non deixa de superar obxectivos ano tras ano. E, como non, houbo que romper unha nova estadística. E é que o Cieza non perdera ningún partido na casa... ata que chegou a Esedé. 
Valía o empate, valía perder por un gol de diferenza e, como non, valía gañar. O equipo saíu coa porta en mente. A vantaxe conseguida en San Lázaro non existía para os nosos e desde o primeiro minuto buscaron un gol co que confirmar ese ascenso tan soñado, polo que loitaron ata agora e que merecen máis que ninguén. 
Só medio minuto necesitaron os nosos para achegarse por primeira vez á portería defendida por Rojo. Presión en campo contrario con Joselu moi activo en cada xogada ofensiva. Un partido que dende o comezo estivo do lado compostelán evitando pasar por problemas en ningún momento. De feito, os primeiros minutos do partido, a primeira case media hora, foi un dominio constante dos homes moi ben dirixidos por Fredi e comandados polo gran capitán Manuel Castiñeiras. 
Do Cieza pouco máis que os últimos minutos da primeira metade. Os murcianos víanse moi superados e só podían facer perigo a base de ocasións rápidas ao contraataque e a balón parado, onde o Compos demostrou ter o único erro. 
A segunda metade comezou da mellor forma posible. Na primeira chegada do conxunto branquiazul Jordan aproveitou un rexeite da defensa e, dende fóra da área, elevouna marcando unha gran vaselina ante a que Rojo non puido facer nada para evitar un golazo. 
Co resultado da volta tamén favorable, todo era máis fácil para a Esedé. Sen embargo quedaba moito tempo por diante e, aínda que o Cieza necesitaba catro goles, non era momento de celebrar nada. Pero os murcianos baixaron os brazos, o partido perdeu intensidade e acadar o obxectivo era só cuestión de tempo. 
Os minutos pasaban e o máis importante que se podía ver sobre o terreo de xogo eran os cambios cos que Fredi buscou dar minutos aos suplentes sabendo que o ascenso non estaría en perigo. E con Marcos, Christian e Mariño sobre o campo chegou o segundo. 
Jimmy disparou un centro dende a banda pero topouse co pau. No rexeite apareceu Marcos Suárez para firmar un novo gol confirmando unha gran rolda de ascenso dun equipo para a historia que loitará polo ascenso á Segunda división a vindeira tempada. 

ALIÑACIÓN: Adrián (Christian, min. 81); Borja, Manuel Castiñeiras, Rendo, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez; Yahvé, Jordan, Franqueira (Mariño, min. 64); e Joselu (Marcos Suárez, min. 74).
CARTÓNS: Amarelos para Jordan e Mariño.
GOLES: 0-1 48' Jordan, 0-2 82' Marcos Suárez.
ESTADIO: La Arboleja. 4.500 afeccionados e boa chegada de siareiros branquiazuis. 

1 comentario:

  1. Grande a afección de Cieza. Fora do campo e dentro del sempre foron grandes. Noraboa Cieza

    ResponderEliminar