Máis confirmacións

O clube xa confirmou as primeiras baixas e renovacións na plantilla. Ás renovacións de Catú e Gonzalo hai que sumar a Germán e Jimmy. E, por contra, Christian, Franqueira, Rendo e Nogueira deixan o Compos, estes dous últimos como cedidos ao SD Grixoa. 
Germán, central que chegou a xogar tamén no centro do campo en lugar de Mariño, foi o mellor substituto de Manuel Castiñeiras cando éste o precisou. Un central de calidade como demostrou estes dous anos que leva no equipo sumando xa dous ascensos e merecendo a renovación e demostrando que na Segunda B tamén pode ser titular cando Fredi o vexa necesario. 
Ao central podería unirse Jimmy. O lateral santiagués pode confirmar a súa presenza no equipo unha vez máis na Segunda B nas vindeiras horas, onde xa demostrou ter calidade suficiente para ser titular tanto na súa primeira etapa no Compos coma no Montañeros. De momento non hai confirmación oficial sobre a súa renovación pero en AXogada.com xa se dá por feito que dará o si ao equipo unha vez máis. 
Por contra, Christian deixará o equipo despois de tres tempadas. O porteiro arxentino, escollido mellor porteiro da Preferente a pasada tempada ademais de ser o menos goleado, non contou con minutos dende a chegada de Adrián á portería e buscará unha saída neste mercado tras non renovar.
Franqueira tamén deixará o equipo, aínda que poucos o incluían nesta lista. O xogador de Ordes deixará o Compos despois dunha tempada onde as lesións fixeron que non puidese ter continuidade no once. Aínda así foi o autor de catro goles e peza clave no retorno da Esedé á Segunda B.
Rendo e Nogueira, que non puideron contar con minutos esta tempada, serán xogadores do Grixoa a vindeira tempada en calidade de cedidos. O central non conseguiu gañar o posto a Catú e foi un habitual no banco de suplentes. Pola súa parte, Nogueira tivo o papel máis que complicado de disputar a titularidade a un grande coma é Joselu. Como resultado, o santiagués voltará ao Grixoa despois dunha tempada no Compos para ter minutos en Terceira e, se a directiva e o corpo técnico veno necesario e preparado, voltará á Esedé a vindeira tempada.
Aos catro últimos hai que agradecer o traballo neste ascenso loitando sempre por un posto no once inicial e desexarlles un gran futuro. E nas vindeiras horas agárdanse máis novidades, entre elas as respostas de Joselu, Yahvé e Manu Rodríguez. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario