Día de grandes novas en San Lázaro

Hoxe comezamos a semana con grandes novas chegadas de San Lázaro. Confirmáronse xa os prezos dos abonos, dúas renovacións importantes e a primeira fichaxe. Prezos asequibles con numerosos descontos e tres nomes propios: Jordan, Yahvé e Santi Taboada. 
Comezando cos prezos dos abonos, o clube confirma que abrirase a Preferencia e haberá máis variedade para tódolos petos. En canto á Tribuna, o abono xeral manterase a 95 euros. Ademais cada matrimonio poderá sacar dous por 160 euros, os maiores de 65 anos por 75 euros, parados, universitarios e estudantes de FP por 70 euros, rapaces de ata 10 anos por 10 euros e de 11 a 17 anos por 35 euros. Tamén haberá un desconto para empresas retirando 4 por 300 euros. En canto á Preferencia as modalidades son as mesmas pero por 20 euros menos en cada unha, excepto para empresas que o desconto será de 50 euros. Ademais tamén se coñece que as entradas estarán a 20 euros en Tribuna e 15 en Preferencia e 8 e 6 euros para menores de 17 anos respectivamente
En canto ás renovacións, Jordan e Yahvé xa deron o si ao Compos e a falta de días para o comezo da tempada confirman a súa presenza na categoría de bronce. Con estas dúas novidades máis xa quedan só por coñecerse as decisións de Adrián, Borja, Manu Rodríguez, Tachi e Joselu. 
Para rematar, hai que dar a benvida a Santi Taboada. Centrocampista defensivo procedente do Deportivo Alavés, onde xogou tanto co filial coma co primeiro equipo. Un xogador que aos seus 20 anos xa pasou polas categorías inferiores do Valladolid e do Real Madrid antes de chegar ao clube vitoriano. Chega con ficha de xogador sub-23. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario