Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 21 22. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 21 22. Amosar todas as publicacións

Dous seguidos

 Continuamos coa preparación. Logo de recuperar a moitos dos lesionados para o partido anterior, o Compos terá unha nova proba para ir collendo ritmo de cara á visita a Pasarón. Nesta ocasión, haberá que visitar Abegondo para a que será a sexta cita deste verán buscando un gol que se lle resiste aos nosos, así como mellorar en traballos defensivos e por a punto a xente como Parapar ou Jimmy, que non puideron estar na maior parte dos partidos ata o de agora. Ademais, o sábado chegarán eles a Santiago para enfrontarse por segunda vez en tres días.

 Xa con todos. 

 Como todo filial, Óscar Gilsanz tampouco puido contar ata agora con todos os seus efectivos. Aínda así, o segundo equipo deportivista vén dunha boa pretempada para preparar a nova 3ªRFEF con ata sete amigables con equipos tanto da súa categoría como da Segunda RFEF, véndose as caras con Bergantiños e Arenteiro. En canto a resultados, un bo verán para os fabrilistas cun total de 4 vitorias, empate contra o Arenteiro e derrotas fronte a Bergantiños e Ourense CF.

 Menos sorte e puntería tivo ao longo deste tempo un Compos que só puido xogar cinco partidos. Unha derrota, con boas sensacións malia a goleada, contra o Lugo para empezar e que continuou coa, polo momento, única vitoria branquiazul fronte ao Noia grazas a un gol de Joel. De novo, derrotas contra Racing de Ferrol e Estradense pola mínima para acabar, o pasado sábado, cun empate fronte ao Arosa no Vero Boquete grazas a un gol de Roque. 

 Moita historia. 

 Entre Compos e Fabril hai moita historia. Dous equipos que se coñecen moi ben despois de enfrontarse un total de 34 veces. Un encontro con resultados moi favorables para os nosos, con 20 triunfos branquiazuis e só 9 para os coruñeses. Unha diferenza que desaparece nos partidos na Coruña, con 7 triunfos para cada un e 3 empates. 

 Sería tamén en Abegondo onde os nosos sumarían por última vez fóra da casa na Terceira división antes da pandemia, naquel partido polémico coa expulsión de Bicho e unha arbitraxe que deixou moito que desexar. 

 Á mesma hora. 

 Tanto o mércores en Abegondo coma o sábado en Santiago, o partido será ás 19 horas. Nos dous casos, estará permitida a entrada de afeccionados pero aínda se descoñece se haberá que pasar polas billeteiras no caso do encontro en terras coruñesas, mentres que en Santiago será de balde para os aboados. 

 Nos dous casos, os partidos poderán seguirse nas contas oficiais de Twitter tanto do clube como da Curva Branquiazul. 


De volta ao templo

 A preparación para o novo curso continúa e a quinta proba dos nosos chega a Santiago. Na casa, onde non poderemos ver liga ata a segunda xornada, recibiremos a un dos grandes rivais para esta nova tempada e que ben seguro dará que falar. Un Arosa que asinou o ascenso este verán e que, da man de Jorge Otero, buscará mellorar a súa historia. 

 Sen Copa. 

 Compos e Arosa arrincaron esta pretempada coa Copa RFEF nos seus calendarios. Cada un por un lado diferente do cadro, repartido entre norte e sur, pero acabando do mesmo xeito: eliminados na primeira fase. 

 Comezamos polos nosos, que o pasado mércores non puideron co Estradense no Novo Municipal da Estrada. Un duro partido con prórroga incluída fronte ao equipo de Alberto Mariano e que se levaron os de vermello grazas a un gol de Brais Calvo de penalti nos primeiros intres do tempo engadido. Foi a cuarta cita dun Compos que segue sen gol pero con boas sensacións malia as numerosas baixas. 

 Pola súa parte, o Arosa arrincou cunha derrota fronte ao Racing de Ferrol e só uns días despois caeron diante do Rápido de Bouzas na Copa RFEF. A terceira cita rematou con vitoria do conxunto arlequinado diante do Céltiga levándose o Trofeo Concello da Illa-Memorial Alejandro García. 

 Vellos coñecidos. 

 Branquiazuis e arlequinados son xa vellos coñecidos. Dende a primeria vez que se enfrontaron alá por 1963 ata agora, van xa 35 enfrontamentos sendo un dos rivais máis habituais dos nosos, algo do que falaremos outro día. Non obstante, en pretempada non é tan normal ver un partido entre os dous sendo a última vez en 2018. 

 En Pontevea, e xunto ao Coruxo, xogaron un triangular do que os nosos saíron como campións. Contra os vilagarciáns, os corenta e cinco minutos acabaron con empate sen goles sendo a vitoria para os nosos dende os once metros. Despois, o Arosa caería contra os vigueses e o Compos sumaría a última vitoria da tarde. 

 Cambio de última hora. 

 Para esta fin de semana, nun primeiro momento era o Celta B o equipo que visitaría o Vero Boquete. O filial celeste sucedería ao Lugo sendo o segundo en pisar o verde do teatro branquiazul. Non obstante, o filial vigués suspendeu as súas citas desta semana e será o Arosa o que, no mesmo día e mesma hora, volverá a San Lázaro. 

 O partido comezará ás 19 horas e as entradas terán un prezo de 10 euros. De balde, para os que xa teñan o seu abono, que se pode facer na tenda oficial. Por contra, para quen non poida asistir, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Estrea oficial

 A falta de dúas semanas e media para arrincar a nova Segunda RFEF, o Compos ten a súa primeira proba oficial. Chega a Copa RFEF na súa fase autonómica e entra o único equipo que quedou exento na primeira fase por un lado do cadro no que xa se coñece tamén ao rival de semifinais, no caso de superar esta eliminatoria. Diante estará un Estradense moi forte, ben reforzado e con ganas de volver facer unha gran tempada da man de Alberto Mariano. 

 Segunda proba para os locais. 

 O Estradense xa sabe o que é xogar esta competición e o que é superar unha eliminatoria. Os de Alberto Mariano recibiron o pasado venres pola noite ao Arzúa no Municipal e, despois de acabar os noventa minutos regulamentarios sen goles, gañaron dende os once metros. 

 Un Estradense con moitos vellos coñecidos na familia branquiazul comezando por Alberto Mariano no posto de adestrador e Mateo, Ander, Juanín, Javicho e Borja Míguez sobre o verde. Grandes pezas que a piques estiveron de ascender á Segunda RFEF e deixar atrás a Terceira división por primeira vez na súa historia. 

 Boas sensacións.

 En canto a resultados, a pretempada do Compos non está a ser a mellor. Aínda así, o bo xogo do equipo e as sensacións están a dar bos resultados. Tres partidos que xa quedan atrás, cun triunfo e dúas derrotas, e moitas baixas que permiten a algúns xogadores do Sigüeiro seguir participando nos partidos de preparación dos nosos. 

 Á derrota fronte ao Lugo e a vitoria diante do Noia, hai que sumar unha nova derrota. En Viveiro, o Racing de Ferrol levou a XLIII edición do Trofeo Cidade de Viveiro grazas a un so gol de Luis Chacón. Un partido no que Primo acabou expulsado e Fer Beltrán tivo que retirarse lesionado na primeira metade. 

 Terceiro ano consecutivo. 

 Por terceiro ano, Compos e Estradense enfróntanse polo verán na Estrada. Será, ademais, a segunda vez que o fagan na competición que dá acceso á Copa do Rei. 

 Dita primeira vez foi en 2019. Tamén en cuartos de final da Copa RFEF, Samu adiantaría aos nosos no primeiro tempo. Borja Míguez e Juanín deron a volta ao marcador a falta de cinco minutos para o tempo regulamentario e Queiruga, no engadido, forzou os penaltis. Dende os once metros, goles de Soto, Casas e Samu para estar na seguinte fase. Unha competición que os nosos gañarían pouco despois na súa fase autonómica superando a Paiosaco en semifinais e Ourense CF na Final. 

 No verán de 2020, no primeiro amigable da pretempada, chegaría unha vitoria pola mínima grazas a un gol de Jimmy. O partido serviría para ver a estrea de Borja Rey, Juampa e Vesprini así como a presenza de varios xuvenís que contaron para Yago durante toda a tempada e que este ano estarán defendendo as cores do Sigüeiro, novo filial da Esedé. 

 Noite de mércores. 

 Nesta semana que se pechará no Vero Boquete contra o Celta B se nada cambia, os nosos terán que visitar o Novo Municipal da Estrada este mércores ás 21 horas. Un partido que para os aboados do Estradense será de balde mentres que para os que non o sexan terá un prezo de 10 euros. O aforo estará limitado a 1.000 afeccionados e na propia billeteira haberá que dar os datos persoais. 

Proba de nivel

 Faltan tres semanas para o comezo da liga e este Compos, ao que parece que non chegarán novas incorporacións agás sorpresa de última hora, ten a súa terceira proba antes de arrincar o seu camiño pola Copa RFEF. Un terceiro partido, nesta ocasión en terras luguesas, contra un rival de nivel e que podería dicirse que pode supoñer o desempate logo de dous empates no pasado curso. Diante, un Racing de Ferrol moi ben reforzado para a súa primeira campaña na nova categoría, a 1ªRFEF. 

 Unha semana de diferenza.

 Os dous equipos contan con diferente tempo de preparación para este xogo xa que o equipo ferrolán comezará a súa competición unha semana antes que os nosos. Con isto, o Racing suma xa catro partidos, con tres vitorias e unha derrota, neste verán no que Parralo está dando cun bo resultado para o seu equipo. Pola súa parte, Rodri encadea unha derrota e un triunfo antes de afrontar unha semana na que podería haber ata catro partidos en sete días. 

 A primeira proba para o equipo de Rodri non puido ter un bo final. O Lugo visitou San Lázaro e, despois dun primeiro tempo moi igualado, levou o triunfo e o V Memorial Antonio Bermúdez. Dez días terían que pasar para a segunda cita branquiazul medíndose ao Noia no Julio Mato 'Matito'. Un partido que levaron os nosos pola mínima grazas a un gol de Joel, que debutou despois dun ano da mellor maneira posible. 

 Pola súa parte, o Racing comezou perdendo contra o Sporting de Xixón en Avilés. Na segunda proba asinarían a súa primeira vitoria goleando ao Lugo e seguirían pola mesma liña contra Arosa e Pontevedra nunha dura pretempada. 

 A polo desempate. 

 Se por algo se caracterizou o Compos de Yago Iglesias na súa estrea na Segunda B foi polo xogo vistoso e o gran número de empates. E contra o Racing chegarían dous empates, tanto no Vero Boquete coma na Malata repetindo nos dous casos o mesmo resultado. Dous grandes partidos nos que os dous equipos deron o mellor e deixaron un gran espectáculo. 

 A maiores, tamén se trata dun enfrontamento habitual de pretempada nos últimos anos entre amigables e Copa Deputación, torneo que non se xogará por segundo verán consecutivo, e que nos deixaron tamén moi bos partidos incluíndo a final do mesmo en 2018 que acabou con empate no tempo regulamentario e vitoria branquiazul nos penaltis. 

 A lei do ex. 

 Moitos foron os xogadores que pasaron ao longo da historia polas filas dos dous equipos e varios terán que enfrontarse aos seus ex este domingo, algún por primeira vez. 

 No Racing está, un ano máis, Joselu. O segundo máximo goleador histórico do equipo verde volverá enfrontarse ao Compos, no que superou os 60 goles en dous cursos, logo de marcar xa na Malata na pasada tempada. 

 Mentres, o Compos conta con varios ex Racing. A Baleato hai que sumarlle outros tres xogadores que defenderán as cores branquiazuis contra os seus ex. Joel, que malia levar un ano no Compos non puido xogar en toda a tempada pasada; Rafa Mella e Fer Beltrán, que cambiou A Malata polo Vero Boquete este mesmo verán, terán a oportunidade de medirse aos seus ex e, incluso, marcar algún gol. 

 Unha semana complicada.

 Hoxe, venres, xógase o partido aprazado entre Estradense e Arzúa do cal sairá o rival do Compos nos cuartos de final da Copa RFEF. Dita eliminatoria estaba marcada no calendario para xogarse este mesmo domingo pero, con isto, terá que aprazarse para a vindeira semana. A maiores, sumar tamén o partido contra o Celta B marcado para o día 21 e, no caso de pasar de rolda, xa espera o Somozas en semifinais marcadas para o día 22, polo que, de non haber cambios, habería dúas citas en 48 horas e 4 en 8 días. 

 Cantarrana, un campo histórico. 

 Cantarrana, campo do Viveiro, acollerá este domingo un dos grandes partidos do fútbol galego que, malia non poder vivirse durante a competición regular, chegará en pretempada. Partido que non será televisado e que poderá seguirse, a partir das 19 horas, a través das contas de Twitter tanto dos clubes coma da Curva Branquiazul.

Festa de aniversario

 A conta atrás para o comezo da liga segue correndo e, a falta dun mes para que a Segunda RFEF bote a andar, chega a segunda proba para o Compos de Rodri Veiga. Un partido cun sabor especial, contra outro rival habitual nos veráns branquiazuis dos últimos anos, que servirá de celebración polos 25 anos da AD Nicrariense. Encontro que se ía xogar en Negreira pero que nas últimas horas sufríu un cambio de sede. 

 Diante estará o Noia. Un equipo que vén de pasar as tres últimas tempadas na Preferente galega e que volve á Terceira logo dunha tempada diferente e chea de polémica con ex do Compos como Angelo, Alberto Freire, Pedro Leis ou Jacobo Tato adestrados por Iván Carril, encargado de ComposTEC. Pola súa parte, Samu e Saro volverán verse as caras co seu anterior equipo antes de chegar, no verán de 2016, á Esedé. 

 Outro verán máis. 

 Nos últimos anos, xa sexa en amigables ou ben na Copa Deputación, que este ano volverá a non xogarse, Compos e Noia aseguran fútbol no verán para preparar da mellora maneira as súas tempadas. Unha serie de encontros que podemos comezar en 2014 coa Copa Deputación e que arrincou con goleada branquiazul cos tantos de Manu Rodríguez, Jordan, Quim Araujo, Jimmy e Teles. 

 Tamén en Noia e, de novo, na Copa Deputación chegaría outra cita en 2017, mesmo curso na que se verían as caras na Liga con dobre triunfo branquiazul. Por outro lado, no verán serían os noieses os que levarían o triunfo e o pase de rolda no trofeo grazas a un gol no primeiro minuto. 

 Un ano máis tarde, en Santiago, serían os de Yago Iglesias os que volverían gañar e conseguir o pase a cuartos da Copa Deputación grazas aos tantos de Miki e Brais Abelenda, éste por partida dobre. 

 E pechamos a serie na Escravitude, no verán de 2019. O tempo regulamentario acabaría con empate a un gol grazas a un gran lazamento de Pablo Antas no treito final. Nos penaltis gañaría o Compos por 4-2 para levarse o triunfo. 

 Segunda proba. 

 Malia o resultado, o Compos comezou a pretempada con boas sensacións. Diante dun Lugo que demostrou ter máis calidade e, sobre todo, estar máis rodado este verán, os nosos deron a cara e só faltou un pouco de sorte de cara á portería rival. 

 Pola súa parte, o Noia xa suma dous amigables. No primeiro caeron por 1-3 fronte ao Bergantiños e o segundo, só 24 horas despois, golearon ao Praíña por 5 goles a 0. Terceira proba para un equipo que rematou a tempada hai pouco máis dun mes.  

 Joel, xa co equipo. 

 Ausente no comezo da pretempada por confinamento, Joel podería, por fin, estrearse como xogador branquiazul logo dun ano de baixa por lesión. Ademais, os xuvenís seguirán tendo a oportunidade de contar con minutos e aprender co primeiro equipo ás ordes de Rodri no que será o seu segundo partido. 

 Cambio de última hora. 

 Nun primeiro momento, o partido ía xogarse no Municipal García Calvo de Negreira. Non obstante, como anunciou nas súas redes sociais a AD Nicrariense, clube que organiza o partido con motivo do seu 25 aniversario, era imposible dado o mal estado do terreo de xogo polo que houbo que buscar unha solución a só 4 días do partido. Por sorte, o Noia puido ofrecer o seu campo e non hai que modificar data nin horario polo que o partido xogarase o sábado ás 19 horas no Julio Mato 'Matito' de Noia. O aforo está restrinxido a 400 afeccionados, con entrada de balde pero hai que inscribirse previamenete na web do Nicrariense para poder asistir. 

Boa imaxe para comezar

 O proxecto de Rodri xa tivo a súa primeira proba e o resultado non foi para nada malo. Malia o resultado, o Compos deixou moi boas sensacións na estrea do curso contra un Lugo que demostrou ter máis efectividade tanto en ataque coma en defensa así como maior calidade nos seus xogadores e máis tempo de preparación, arrincando a pretempada dúas semanas antes que os nosos. 

 O encontro non puido comezar de peor maneira. Un erro nos primeiros segundos de partido en campo contrario permitiu a Manu Barreiro roubar o esférico e, logo dunha boa carreira, anotar diante de Pato. Medio minuto e os nosos xa estaban por debaixo no marcador contra un rival de maior categoría. Non obstante, o equipo quixo dar unha boa imaxe e plantou cara da mellor maneira estando a piques de darlle a volta ao resultado no primeiro tempo, con Parapar deixando unha moi boa estrea pola banda dereita e sendo autor das mellores oportunidades dos nosos no partido diante de Varo. 

 Na segunda parte sería o Lugo quen tomaría o mando do partido metendo ao Compos en campo propio. Campabadal e Juanpe anotarían os dous goles, en dúas grandes chegadas dos lucenses, cos que pechar a vitoria mentres que Pablo Durán buscaría deixar pisada na súa estrea, sendo incapaz de superar a Julen. 

 Un partido do que sacar boas sensacións, sobre todo polo pouco tempo que levan os xogadores adestrando, e no que xente como Jimmy, Parapar, Jordan ou Pablo Durán deixaron boas mostras de calidade. A nota negativa foi a retirada de Baleato no primeiro tempo por molestias. 


ALIÑACIÓN: Pato; Roque, Baleato, Casas, Jimmy; Samu, Jordan; Parapar, Josiño, Salado; e Primo. Tamén xogaron: Borja Rey, Saro, Queiruga, Guille Torres, Rafa Mella, Izan, Pablo Durán, Fer Beltrán, Escudero, Antas, Mario, Santiso, Yosi e Diego. 
CARTÓNS: Ningún. 
GOLES: 0-1 1' Manu Barreiro, 0-2 67' Campabadal, 0-3 73' Juanpe. 
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro.

Un verán máis

 Logo dunha semana de adestramentos, chega a primeira proba para este Compos 2021/22. As novas fichaxes estrearanse coa camisola branquiazul na que será a primeira proba coas equipacións de Adidas. Un partido que xa se está a converter nun fixo dos veráns e que este ano abrirá a pretempada branquiazul no Vero Boquete tres días despois do aniversario do ascenso á Segunda B.

 Diante, como xa é costume, estará o Clube Deportivo Lugo. Un rival que estará, de novo, dúas categorías por enriba dos nosos logo de asinar a permanencia en Segunda división. Dito enfrontamento repetirase outro ano máis logo de comezar con esta serie no verán de 2015, con dous enfrontamentos que levaron os lugueses por 3-1 e 4-0. Un ano despois, na Fonsagrada, volverían abrir a pretempada con triunfo albivermello por 2-0. No 2017 pelexarían pola II edición do Memorial Antonio Bermúdez, que levaría o cadro visitante por 0-4. En 2019, logo dun verán sen cita, medirían forzas en Taboada cunha vitoria pola mínima para os de Lugo sendo, ata este ano, a última vez que se viron as caras, pasando o difícil verán de 2020 sen poder coincidir sobre o verde. 

 Oportunidade para ver aos recén chegados. 

 A nova camisola do Compos, que xerou diversas opinións, non será a única novidade que poderemos ver sobre o verde. Á volta de Queiruga despois dun ano en Arzúa, hai que sumar as máis que posibles estreas de Fer Beltrán, Pablo Durán, Jordan, Parapar, Rafa Mella, Antonio Salado e Escudero, que acompañará a Primo na punta do ataque. Ademais, tamén suporá a estrea de Rodri como primeiro adestrador do equipo cun corpo técnico renovado.

 Quen apunta a ser baixa nesta estrea é Joel. O ferrolán non puido comezar os adestramentos cos seus compañeiros por estar confinado, por mor dun contacto directo, e a súa estrea como xogador do Compos despois dun ano de baixa terá outra data. 

 Sen grandes cambios. 

 Se falamos das novidades no equipo branquiazul, hai que contar que no Lugo case non se poden ver novidades. Con algún que outro xogador do filial adestrando co primeiro equipo, como é o caso do ex do Compos Vesprini, no cadro que dirixe Rubén Albés case non hai novidades. Volveron á casa os cedidos e chega Chris Ramos, cedido a pasada tempada, en propiedade. Tamén forman parte deste novo Lugo Mayoral, procedente do Cádiz; Juan Antonio Ros, do filial do Villarreal, e Whalley, novo gardameta logo da saída de Cantero. 

 Moito máis rodados. 

 Este mércores chega a primeira proba para os nosos este verán. Non obstante, non é así para un Lugo que leva en marcha dende o día 8 deste mesmo mes e que xa se enfrontou a Burgos, Ponferradina e Pafos chipriota, sendo a cuarta cita na que buscarán a súa segunda vitoria, logo de superar pola mínima aos bercianos.

 Nese Lugo haberá xogadores que xa saben o que é enfrontarse ao Compos. Moitos o fixeron hai dous veráns en Taboada, algún que outro hai dous cursos co filial lugués e Hugo Rama co Fabril na estrea de Yago Iglesias. Daquel partido de 2019 tamén hai moitos repetidores nas filas branquiazuis, con ata seis integrantes daquel equipo titular aínda no cadro santiagués. Ademais, tanto Matías Vesprini como Fernando Seoane volverán á que algún día foi a súa casa. 

 Quinta edición, segunda cos mesmos protagonistas.

 Este partido, que entra dentro das Festas do Apóstolo, será a V edición do Memorial Antonio Bermúdez, torneo amigable que non puido xogarse a pasada tempada. Por segunda ocasión, como xa pasou en 2017, pelexarán por un trofeo que só quedou en Santiago na súa terceira edición, contra o Pontevedra. 

 A entrada para o partido será libre pero con aforo limitado a 1.000 afeccionados. Dará comezo o mércores ás 19 horas no Vero Boquete e será a primeira proba para poder ver aos nosos na casa por primeira vez en case tres meses. Ao igual que durante a liga, haberá que presentar a declaración responsable, que se pode descargar na web oficial do clube.