Que comece o espectáculo!

 Despois de meses de espera, logo da derrota ante o Tarazona, o Compos está de volta en competición oficial para buscar ese ascenso á Primeira Federación que tan difícil se lle está a facer. Os de Manel, con moitas caras novas, arrincan este novo curso na casa do ex equipo do adestrador branquiazul, un campo sempre difícil. Unha gran apertura á competición que, de novo, terá lugar lonxe de San Lázaro. 

 Moitas caras novas. 

 Despois de salvar a categoría a tempada pasada, o Marino de Luanco refixo un equipo mantendo unha pequena base e cambiando, incluso, a un adestrador que deixou Asturias por Santiago ao comezo do verán. Un equipo que, aínda así, soubo repoñerse e estará na final da fase asturiana da Copa Federación, onde se medirá ao Llanera de Terceira división. 

 Con pezas como Lora, Guaya ou Nacho Matador, o equipo luanquín sumou a experiencia de Canella ou Cases, dous xogadores que coñecen ben o fútbol profesional. Tamén, moita xuventude dentro das ata quince chegadas ao cadro dirixido por Sergio Sánchez. Con isto, superaron durante o verán a equipos como Titánico, Colunga ou Caudal, ao que superaron para acadar ese último paso antes da fase estatal da segunda competición do KO, a cal xogarán en algo máis dunha semana. 

 Mellores sensacións que resultados. 

 Mentres que o Marino foi superando o seu camiño na Copa Federación, o Compos tivo unha pretempada con moito nivel. Rivais como Celta, Depor ou Lugo deixaron resultados que pouco reflexan o nivel deste equipo, que puido superar a Atlético Arteixo e Cultural Leonesa e que caeu dende os once metros ante Lugo e Racing Villalbés. 

 Só o Celta se amosou claramente superior aos de Manel Menéndez mentres que o Depor foi quen de gañar con dous erros en defensa aos que engadir a lesión de longa duración de Pablo Crespo nun lance con Lucas Pérez. Pontevedra e Celta Fortuna, o filial olívico, tamén conseguiron facerse co triunfo pola mínima. 

 Un verán onde as incorporacións, que deron un gran aumento ao nivel do equipo, desmotraron un moi bo nivel, con diferentes plantexamentos e moi centrado na defensa. Tamén os xogadores da base demostraron que se pode contar con eles, con especial atención en Dani Varela e Hugo Matos, a gran sensación da pretempada. 

 Campo difícil. 

 Seis ocasións foron nas que o Compos visitou Miramar, todas elas dentro deste século. Só desas seis acabaron en triunfo dúas, en 2001 e 2014, deixando, ademais, a porta a cero nas dúas citas. Outras dúas acabaron con vitoria para os locais, en 2013 e 2022. E tamén dúas remataron con reparto de puntos, sen goles en 2021 e cun tanto por equipo o curso pasado. 

 Nesa última cita, os de Manel Menéndez quixeron poñer punto e final a unha boa primeira volta cun triunfo que encamiñaron grazas a un gol de Fagir. No segundo tempo, nun campo difícil nesas datas, conseguiu empatar Darío volvendo cun punto para Santiago.

 Tres xeiras que pechar. 

 Imos cun pouco de historia e tres xeiras que poderían racharse este mesmo domingo. Unha, recente. As outras dúas, históricas. As tres, negativas. Falemos de derrotas. 

 Os inicios son sempre complicados e máis se son lonxe da túa xente. Así encadeará o Compos o quinto ano consecutivo. As catro citas anteriores, unha en Terceira, outra en Segunda B e as dúas restantes na Segunda Federación, só nos deixaron un triunfo e foi, xustamente, na primeira. Contra o Alondras, os de Yago Iglesias arrincaron un camiño que remataría na categoría de bronce. As visitas a Salamanca e Oviedo nos deixaron dúas derrotas mentres que de Pontevedra volveu un punto. 

 Tan difícil é gañar a domicilio na primeira xornada para os branquiazuis que, nunha categoría por riba da Terceira división, non chega isto dende 1995. Sería, xustamente, en Primeira e nun derbi en Balaídos. A mellor tempada da historia, cun segundo posto ao final da primeira volta, arrincou no feudo vigués cun gol de Bellido e unha porta a cero, algo que se repetiu durante tres xornadas máis incluíndo unha goleada ao Deportivo en San Lázaro. 

 Para rematar, unha volta máis a isto. E é que ésta será a cuarta ocasión na que os nosos abran o curso en Asturias. Antes, visitas a L'Entregu en 1969, Mieres en 1977 e Oviedo en 2022. Tres estreas na terra veciña... e tres derrotas. Ademais, só a última contou cun resultado pola mínima e na segunda non se conseguiu nin marcar un gol. 

 Baixas. 

 Para esta primeira cita do campionato, Manel conta con dúbidas por molestias e sobrecargas pero sen ningunha baixa confirmada a falta dun último adestramento, deste sábado. Fran López, que non puido entrar en convocatorias durante a pretempada, apunta a ser unha das ausencias pero non a única. Tamén apuntan á lista Hugo Matos e Dani Varela, xogadores da base que foron habituais nos onces titulares deste mesmo verán. 

 PPV. 

 O partido deste domingo, que dará comezo ás 18:00 no Municipal de Miramar, suporá a primeira saída e xa temos, tamén, o prezo das entradas para o mesmo. 18 euros na tribuna, 15 euros na bancada xeral para adultos, 5 euros para rapaces entre 12 e 18 anos e de balde para menores de 12 anos. 

 Non obstante, para quen non poida desprazarse a Luanco, o partido poderá verse a través de FootballClub, plataforma PPV na que emitirán algúns rivais e que non conta con partidos soltos polo que habería que mercar un mes completo por 9,99 euros. Tamén se poderá escoitar en Gaxarte Radio e seguir nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e o clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario