Faltaron goles

 A estrea do Compos en Luanco deixounos un primeiro empate sen goles nun campo sempre complicado como é Miramar. Unha parte para cada equipo, sen ocasións de claro perigo para os de Manel Menéndez e no que Pato tivo traballo no segundo tempo. Bo traballo en defensa pero erros en ataque na primeira proba seria na que se acusou, aínda, a falta de ritmo. 

 O encontro comezou cos dous equipos tanteándose, mais co Compos buscando meter ao Marino no seu campo pouco a pouco. Non obstante, cada intento dos branquiazuis remataba nun saque de esquina que non supuxo perigo algún para a portería asturiana. 

 Pouco a pouco, ata o tempo de lecer, foron sucedéndose as chegadas sobre a meta local. Coas bandas como protagonistas, con Parapar como un puñal pola dereita, a mellor ocasión tivo que chegar en segunda xogada, con Pablo Antas chegando desde atrás pero pegándolle mal ao esférico. Tamén o extremo coruñés tivo opcións de facer un primeiro gol que mereceu algo máis o conxunto galego. 

 O segundo tempo foi totalmente diferente. O Marino de Luanco, a base de trocos, foise arriba e atoparon ocos nunha defensa adiantada. Nos primeiros intres do segundo tempo, chegaron a enlazar dúas ocasións perigosas ás que puido respostar Parapar con algo de perigo. 

 Co paso dos minutos, e coa chegada dos trocos, sucedéronse os intentos de mover o marcador. Hugo Matos e Pato convertíronse nos protagonistas co extremo buscando a Manu Barreiro, moi cuberto e limitado. 

 Finalmente, un punto que sabe a pouco pero merecido para os dous equipos nun primeiro encontro de tempada que deixa mostras do bo traballo defensivo dos santiagueses aos que, de momento, lles falta pólvora en ataque. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario