Saída dura

 Un día máis que pasa e un día máis no que hai que falar dunha saída complicada no Compos. Brais Abelenda non acepta a oferta de renovación do clube e abandona o Vero Boquete despois de tres grandes cursos defendendo a camisola branquiazul. Unha baixa moi importante e que supón a marcha dunha das grandes figuras dos últimos anos, chegando a converterse nun dos grandes favoritos por parte da afección compostelanista. 

 Procedente do Racing de Ferrol, onde non contaba con moitas oportunidades, chegou para ser un referente ofensivo no Compos. Capaz de xogar en calquera posición do ataque, superou os 3.000 minutos na súa primeira campaña. Un total de 39 partidos nos que acabaría anotando 12 goles e sendo o terceiro máximo goleador do equipo, só superado por Aythami e Alex Ares. 

 Na segunda campaña, na que cobraría aínda máis importancia e que pecharía como máximo goleador do equipo, sumou outros 28 partidos e un total de 14 goles aos que engadirlles tamén unhas cantas asistencias aos seus compañeiros e un ascenso á Segunda B na que se volvería saír. 

 25 partidos máis e 5 goles sendo o referente ofensivo dun equipo con problemas en ataque por mor dos problemas físicos de Primo. Os seus goles serían moi importantes sobre todo na vitoria contra o Coruxo, que supoñía o 3-2 definitivo, e no empate contra o Pontevedra, ambos os dous no Vero Boquete. 

 Agora só queda darlle as grazas por todo e desexarlle un gran futuro lonxe de Santiago. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario