A 90 minutos do soño

Maís dun ano despois de comezar esta tempada, a Terceira galega baixa o telón este sábado coa final polo ascenso á Segunda B na que o noso Compos medirá forzas co Ourense Clube de Fútbol. Primeiro contra segundo na que podería ser a final máis xusta logo do visto ao longo da tempada regular, ata que o coronavirus freou todo. Noventa minutos, máis un engadido que se presume longo e duro, de bo fútbol e emoción entre dous equipos que queren estar a vindeira tempada nunha categoría de bronce moi dura. 


Un segundo moi forte. 
O Ourense Clube de Fútbol fixo unha tempada inigualable. Con case un terzo da liga por diante, o cadro da Cidade das Burgas estivo a piques de igualar en puntos o feito o curso anterior sendo un rival que levou ao Compos a buscar sempre dar un paso adiante, a non baixar os brazos en ningún momento. Un equipo que ata o último momento puido ser campión e que buscará o soño de ascender por primeira vez na súa historia á terceira categoría do fútbol español logo de tres anos na Terceira división. 
60 puntos de 81 posibles. Trece puntos de vantaxe sobre un Arosa ao que superaron na pasada fin de semana nun gran partido e dezasete sobre o Choco. Un equipo que gañou un total de 18 partidos, empatou 6 e caeu en 3 ocasións sendo o equipo que menos partidos perdeu, pechando así a liga cun resultado que privaría aos ourensáns de ser campións fronte ao Silva. 
Un equipo que, curiosamente, fixo os mesmos puntos tanto na casa coma a domicilio, perdendo unicamente contra Fabril, Barco e o propio Silva. Un dos tres equipos, xunto a Compos e Lugo B, capaz de anotar os 50 goles ao longo da tempada conseguindo unha goleada por catro goles de vantaxe sobre o Rápido de Bouzas no Couto e outra, pola mesma diferenza, no derbi da cidade contra a Unión Deportiva Ourense. Por contra, tratouse dun equipo ao que facerlle gol foi tarefa complicada e que só encaixou un total de 21 tantos recibindo, como máximo, dous goles en ata cinco encontros, dos que curiosamente só perderon un. 
A nivel individual trátase dun dos mellores equipos da Terceira división. Comezando cun gran gardameta, e peza fundamental na semifinal, como é Cristian Parra, un gran capitán que non é outro que o ex do Compos Portela e algunhas das mellores pezas que se viron polos campos galegos durante o curso como son Renan Zanelli, Iker Revuelta, Pibe, Martín Lamelas por non esquecer ao máximo goleador do equipo Adri Castro, un perigo constante para as defensas. 

Que gañe o mellor. 
Quedou claro ao longo da tempada que estes dous equipos non tiveron rival. Non obstante, queda por saber cal dos dous, máis alá da clasificación, é mellor, por dicilo dalgunha maneira. De feito, estes dous equipos só puideron medir forzas este curso nunha ocasión, que foi no Couto no final da primeira volta. Un partido que tivo de todo, incluso repercusión a nivel estatal, e que se pechou cun empate de infarto. 
O encontro comezou co Compos moi ben metido no xogo e adiantándose aos cinco minutos, grazas a un gran gol de Hugo Sanmartín a pase de Brais Abelenda. Non obstante, igualaría contas Cassio Goes logo dun córner que non atinou a despexar a defensa branquiazul. E da asistencia ao gol antes do tempo de lecer para un Brais Abelenda que promete dar serios problemas de novo á zaga ourensanista. 
No segundo tempo, lonxe de chegar a sentenza compostelanista, foi o Ourense o que acertou a marcar o que sería o 2-2 definitivo xa co tempo practicamente cumprido e sen ningunha opción máis para os nosos de arranxar o partido. O segundo sería, ademais, de Cassio tamén logo dun córner que confirmaba os problemas da defensa do Compos a balón parado. 

Un rival sempre complicado. 
Hai xa case tres anos que se enfrontaron por primeira vez na liga Compos e Ourense Clube de Fútbol. Tres tempadas de enfrontamentos que poden rematar este mesmo sábado e nos que o cadro ourensán foi mellor sobre o verde, non así no xeral das tres tempadas nas que os nosos quedaron sempre mellor clasificados. 
Fran Justo chegou ao banco do Ourense CF alá polo ano 2016 e asinou o ascenso do equipo á Terceira división. A partir de aí, enfrontáronse a un Compos que só foi quen de gañar nunha ocasión, en 2018, grazas aos goles de Primo, Rubén e Santi. A parte, dúas derrotas e outros tantos empates que servirían á Esedé para estar a vindeira campaña na Segunda B. 

Gañando sen balón.
Tanto Compos coma Ourense conseguiron a súa clasificación, na que un empate era suficiente para ambos os dous, grazas a un bo inicio conseguindo adiantarse antes dos vinte minutos, obrigando ao rival a facer, mínimo, dous goles para superar a eliminatoria. A partir de aí, o balón para o rival. 
Comezamos co que pasou o sábado sobre a alfombra de Balaídos. O Compos non puido ter un mellor comezo de encontro anotando dous goles, obra de Jimmy e Primo en menos de vinte minutos. O pase á final na man contra un Barco obrigado a facer tres goles e que só foi quen de crear perigo a balón parado sobre unha defensa moi forte e que non deixou ocos en ningún momento. Tal foi así que o único gol do cadro valdeorrés chegou cun córner que entrou directamente na portería sen tocar antes ningún outro xogador. O terceiro, a sentenza definitiva, foi obra de Gabri Palmás a pase de Josiño nunha gran contra no engadido cando só levaban tres minutos no campo. 
E o guión do domingo foi un tanto semellante. O Ourense adiantouse fronte ao Arosa aos quince minutos de xogo gracias a un gol de Martín Lamelas. A partir de aí, xogando un pouco coa vantaxe, a pelota pasou a poder dun Arosa que o intentou de todos os xeitos posibles mais topándose cun Parra insuperable conseguindo marcar a dous minutos para o final logo de que o Ourense fixera o segundo dende os once metros nunha xogada polémica, cunha falta fóra da área e que supuxo a expulsión de Catú. 

Un segundo premio. 
Todos sabemos a recompensa que terá o gañador desta eliminatoria pero non hai que esquecer que para o perdedor hai un segundo premio non tan interesante como un ascenso pero que á vez paga a pena aproveitar. E é que o que non ascenda terá a posibilidade de recibir no seu campo, oxalá que con seareiros nas bancadas, a un equipo de Primeira división na Copa do Rei co que facer algo de caixa logo destes momentos tan complicados.
Por outro lado, se é o Compos o que cae, haberá unha segunda oportunidade de ascender nun formato aínda sen coñecerse no que se medirán os campións derrotados por dúas prazas máis. Segunda rolda que, polo momento, xogarían Linares, Lealtad e Marino logo de caer na primeira fase.

Unha cita que ninguén se quere perder. 
De non haber ningún susto ao longo da semana nos adestramentos, todo fai indicar que tanto Yago Iglesias como Fran Justo terán a posibilidade de contar con todos os integrantes dos seus respectivos equipos. Sen sancionados nin lesionados, con todo para o partido do ano. 

Coa axuda do Apóstolo.
Que mellor día para poñer punto e final a esta tempada que o Día de Galiza? O sábado, 25 de xullo, o Compos pode finalizar a súa longa estancia na Terceira división. Catro anos consecutivos que non pasaba o equipo da capital galega dende 1990, conseguindo tres ascensos en catro anos e o resto é historia do fútbol español. 
O partido comezará ás 19:30h en Balaídos, sen seareiros nas bancadas xa de xeito oficial, e poderá verse en directo a través da TVG2 ademais de escoitarse a través de 'Esedé Radio' e seguirse no perfil de Twitter da Curva Branquiazul. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario