O Anxo Carro, imposible

O Compos caeu por primeira vez dende outubro, case unha volta enteira despois, nun campo que segue a ser imposible para o cadro santiagués. Un partido complicado, que se definiu para os locais por dous erros defensivos dos nosos e que non se puido mellorar malia intentalo aínda con tempo, mais xa cunha vantaxe local importante. E de novo, o equipo non foi quen de marcar nunha derrota a domicilio encaixando a maior diferenza de goles dende o mes de abril do ano pasado. Nesta ocasión, para o filial lugués, os goles foron obra de Morais por partida dobre aproveitando dous erros defensivos.

Efectividade total. 
Hoxe puidéronse ver sobre o verde do Anxo Carro dous partidos moi diferentes. Un que durou ata os quince minutos do segundo tempo e o outro, xa co resultado favorable para o conxunto local, na media hora final na que o Compos buscou, con insistencia, meterse no partido e, como mínimo, facer un gol contra unha defensa moi poboada. 
O primeiro tempo contou con moita igualdade. Sen chegar balóns ás áreas, foi o cadro branquiazul o que máis buscou propoñer en accións ofensivas lonxe da portería defendida por Julen. Nin sequera Primo, que o intentou en dúas ocasións, foi quen sequera de internar na área sendo freado con faltas na frontal. 
Máis do mesmo dun Lugo B que nin sequera chegaba a zona de tres cuartos. Non obstante, na primeira que tiveron non perdoaron. Unha xogada que comezou en campo propio, coa pasividade do Compos na presión, cun pase perfecto de Alex Rey para Morais, unha parella que demostrou estar a gran nivel, e definición ante Pato. Un gol que chegaba escasos minutos antes do tempo de lecer supoñendo un golpe duro, aínda con tempo para correxir. 
Non obstante, non comezou mellor o segundo tempo. Seguiron os problemas no último cuarto do campo e as cousas non foron mellores en defensa. Tal foi así que nin quince minutos tardou o Lugo B en facer o segundo e definitivo aproveitando un novo erro en defensa. Gol de Morais e asistencia de Alex Rey. 

Yago cambia o xogo. 
Media hora por diante. Tempo suficiente para, como mínimo, meterse no partido. E comezaron uns trocos que deixaron sobre o verde só dous defensas, Saro e Casas. Coa entrada de Hugo Sanmartín melloraron as acometidas sobre a portería local e con Josiño chegou unha conexión polas bandas que fixeron pensar que o Compos podería, polo menos, recurtar diferenzas. 
O partido pasou a xogarse no último cuarto do campo. Media hora de fútbol ofensivo do Compos fronte a unha defensa moi poboada, que case nin saiu de área propia. Pero, de novo, ante tanta xente foi imposible conseguir meter a pelota na portería luguesa malia intentalo con insistencia tendo Hugo Sanmartín, coa testa, a mellor oportunidade aínda que sendo incapaz de superar ao muro defensivo albivermello.

Finalmente, unha derrota despois de 4 meses. 17 xornadas consecutivas sen perder que rematan nun campo de Segunda. Agora, a pensar na UD Ourense e a asinar outro récord histórico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario