Volvemos a un campo de Segunda

O Compos quere seguir sumando no seu camiño á categoría de bronce e para iso terá que visitar ao segundo filial da categoría, o Clube Deportivo Lugo B. Un partido que terá como escenario un campo de fútbol profesional como é o Anxo Carro e no que os nosos buscarán os tres puntos nunha saída complicada á par que interesante. Un filial contra o que nunca se perdeu e ante o que aínda non se gañou a domicilio, ao que engadir un campo onde non se gaña dende 1980. 


Sen pasar riscos. 
A diferenza do primeiro equipo, o filial lugués non está a pasar por grandes problemas para salvar a categoría esta campaña. Os homes de José Durán, que terán este domingo o seu terceiro partido en oito días, non van de todo mal encamiñados a polo obxectivo da permanencia na Terceira galega. Tal é así que a día de hoxe, xa coa clasificación igualada cos partidos adiados polo temporal xogados, ocupan a novena posición da táboa cunha vantaxe importante sobre o descenso. 
Na metade da táboa cun total de 32 puntos, o filial lugués supera en 6 puntos os postos de perigo e queda a 9 do cuarto posto, a día de hoxe practicamente imposible. 9 vitorias, só 5 empates e 11 derrotas para un Polvorín que chega a esta cita sendo o segundo equipo máis goleador do campionato con só 1 gol menos a favor que os nosos. Por outro lado, encaixaron un total de 32 goles mantendo a porta a cero en 9 ocasións no que vai de curso. 
Na casa, na Cheda neste caso, fanse fortes asinando un total de 24 puntos sendo o sexto mellor local da categoría superando neste aspecto a equipos coma Arosa, Choco e Arzúa, agora mesmo loitando polos postos de promoción de ascenso. Un total de 7 vitorias e 3 empates fan do equipo lugués un duro rival na súa casa conseguindo goleadas coma o 6-0 ao As Pontes ou o 5-0 fronte a UD Ourense. Por contra, só Ourense CF, Barco e Fabril conseguiron saír cos tres puntos, todos antes do mes de novembro. 
A nivel individual, hai que destacar a gran tempada que está a facer Rayco. O canario chegou hai ano e medio ao Lugo e xa superou de longo os 4 goles da pasada campaña. Ata o de agora suma un total de 16 goles sendo o segundo máximo goleador da liga, superado por Iker Hurtado. A parte, Morais suma 10 goles, a case 1 por partido de media. Unha parella moi difícil de frear sen dúbida nun dos ataques máis fortes da liga e que conta con ata 10 autores diferentes. 

99 goles. 
Compos e Lugo B suman entre os dous un total de 99 goles no que vai de liga, máis que se sumamos os dos catro equipos dos postos de descenso. Unha gran cantidade que asegurarán unha pelexa entre os dous mellores ataques da categoría e nun campo moi favorable para o xogo do equipo de Yago Iglesias, o que pode axudar algo máis á hora de dar espectáculo. 
50 goles para o equipo con máis acerto do grupo 1 da Terceira. 2 goles de media por xogo e unha puntería envexable. Un ataque con xogadores coma Primo, Brais Abelenda, Miki, Hugo Sanmartín, Josiño ou o recén chegado Bicho, que podería estar no once titular logo dunha semana fóra por sanción que ben podería verse na Segunda B. Un Compos no que ata 14 xogadores de campo diferentes conseguiron ver portería quedando só por marcar Casas, Queiruga e Sergio Pereira. Ademais, a pasada fin de semana chegou ás dúas cifras o dianteiro cántabro en só 888 minutos de xogo. 
Menos repartidos están os 49 do filial albivermello. Con Rayco e Morais sumando máis da metade dos goles, con 16 e 10 respectivamente, ata 8 son os autores dos seus tantos. Entre eles atópase o dianteiro de Nigrán Antón Escobar, que anotou xa 6 goles e que sabe ben o que é facer gol contra o Compos logo de facelo na primeira volta. 
A todo o anterior hai que engadir que o Compos quedou sen ver portería en 4 partidos, sempre a domicilio, mentres que o Lugo B fixo o propio en 5 partidos. 

Dende outubro. 
O mes de outubro supuxo un cambio e unha mellora en certos aspectos para os dous equipos. E é que a última derrota do Compos ata o momento, hai case unha volta enteira, e a última caída do filial lugués na casa coinciden no mesmo mes con dúas semanas de diferenza.
A UD Ourense, seguinte rival que visitará o Vero Boquete, foi o segundo e último equipo capaz de gañar á Esedé ata o momento. Unha derrota pola mínima o 13 de outubro no Couto e que supuxo o comezo dunha serie de partidos sen perder que chega a 17 actualmente, con 4 empates a domicilio. 
Pola súa parte, foi o Fabril o último capaz de gañar na Cheda. Un triunfo visitante pola mínima sendo a segunda vez que caían por un tanto de diferenza e é que só o Barco foi quen de gañar por máis dun gol en Lugo, superando ao filial por 2-4. 

Máis tempo de preparación. 
Compos e Lugo B chegan a esta cita con diferente tempo para preparar a cita e, sobre todo, para descansar da última cita. E é que malia xogar a última xornada o domingo os de Yago Iglesias e o sábado os de José Durán, o filial lugués tivo unha cita o martes de Entroido fronte ao Racing Vilalbés recuperando o partido da xornada 17 adiado no seu día polo temporal. 
Comezamos co que pasou o domingo sobre o verde do Vero Boquete de San Lázaro. O Compos non atopou rival nun Rápido de Bouzas con carencias en defensa. Os gol de Primo, Brais Abelenda, Josiño e Miki supuxeron unha nova goleada para un equipo que sumaba a súa décimo terceira vitoria consecutiva na casa igualando o feito na 1979-80, tempada na que os nosos conseguirían 18 vitorias e 1 empate na casa contra o Arosa e que supoñía o comezo da xeira só quince días despois. 
Pola súa parte, o Lugo B pechaba a fin de semana o sábado no Morrazo fronte a un Alondras de menos a máis. Un partido que comezou perdendo mais que acabou remontando o filial albivermello no segundo tempo para volver igualar o Alondras escasos minutos despois. Mais a súa semana de fútbol continuou o martes na Cheda contra o Racing Vilalbés, ao que golearon con goles de Chiqui, Alex Rey e dous de Rayco.

O Anxo Carro, campo difícil. 
Compos e Lugo B vanse ver as caras por segunda tempada consecutiva nunha cita que xa se puido ver o curso pasado, na Cheda, que promete ser complicada. Non obstante, este ano teremos un cambio que, aínda que historicamente non é favorable para os nosos, fai indicar que se poderá ver un mellor espectáculo facilitando o xogo do equipo dirixido por Yago Iglesias. 
Un Compos obrigado a gañar chegaba na xornada 20 á Cheda coa intención de facerse cos tres puntos. Un campo de herba artificial e con medidas inferiores ás do Vero Boquete onde non se puido facer o mellor partido. Aínda así, Santi conseguiría adiantar aos nosos mentres que Antón Escobar asinaría o empate. 
Foi tamén Antón Escobar o que anotaría o primeiro gol visitante da tempada no Vero Boquete este curso. Non obstante, en Santiago a cousa é moi diferente e o equipo branquiazul conseguiría darlle a volta ao resultado con goles de Brais Abelenda e Saro. 
Mais esta vez hai que falar doutro tema. E é que o partido vaise xogar nun campo xa moi coñecido polos nosos. Volvemos a un Anxo Carro visitado xa en varias ocasións para medirse ao primeiro equipo do Lugo e que, dende a súa inauguración en 1974, recibiu aos nosos en 12 ocasións. Numerosas foron as visitas dos nosos pero escasas as veces que volveron con resultados positivos, con só 1 triunfo visitante e 6 empates, ademais de 5 triunfos locais. 

Unha volta e outra baixa. 
A piques de chegar ao último terzo do campionato e as baixas por acumulación de amoestacións está á orde do día. Por isto, Soto será baixa esta fin de semana dando a posibilidade a Queiruga de aparecer no once titular como xa fixo fronte á UD Ourense e contra o rival diante o que debutou esta tempada, na primeira volta. 
Por contra, volverá ao equipo, e posiblemente ao once titular, Bicho despois da súa sanción. Unha sanción pola que pasarían Bicho ou Pablo Antas, os dous apercibidos, de ver un cartón amarelo este domingo perdendo a importante visita da UD Ourense ao Vero Boquete. 

Moito que madrugar. 
Logo dun cambio no horario e na sede do encontro, marcado nun primeiro momento para o domingo ás 12:15h na Cheda, o partido será finalmente no Anxo Carro o domingo ás 11 da mañá. Un horario moi diferente ao habitual e que obrigará a madrugar algo máis. En canto ás entradas, a 10 euros, poderán mercarse no Vero Boquete ata o venres para todos, incluíndo a menores de idade tamén. 
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario