Tres anos e medio leva Yago Iglesias á fronte do Compos e poucos equipos foron capaces de incomodar ao conxunto branquiazul. Un deses foi, sen dúbida, un Bergantiños que pode presumir de ser o primeiro equipo que gañou a esta Esedé histórica. Ademais, un rival que ten moi ben tomada a medida aos nosos e que non cae no Vero Boquete dende o ano 2016. Sen dúbida, unha proba importante para un equipo que quere seguir facendo de San Lázaro un fortín inexpugnábel.
Unha mala tempada.
Despois de tres tempadas consecutivas pelexando polo ascenso á Segunda B, o Bergantiños non está a pasar por un bo momento. Un equipo ao que non lle saíron as cousas ben e que, agora cun obxectivo moi diferente, quere gañar co seu terceiro adestrador do que vai de curso logo das destitucións de Miguel Figueira e Borja Facal. Agora, con Lemos ao mando, a permanencia é a prioridade para un equipo que deixou unha gran imaxe en Riazor fronte ao Sevilla na Copa do Rei.
A día de hoxe, despois de 22 xornadas, pódense ver dúas zonas moi diferenciadas nas clasificación. Unha pelexa pola fase de ascenso, con seis equipos na loita pola terceira e cuarta praza, e outra pola permanencia que mantén a sete equipos en só tres puntos de diferenza. E é esta segunda a actual loita dun Bergantiños que saiu esta fin de semana dos postos de descenso sumando un total de 24 puntos. 6 vitorias, unha delas contra os nosos na primeira volta, e outros tantos empates aos que engadir un total de 10 derrotas, cunha curiosidade importante neste caso. Un equipo que só fixo 19 goles, sendo o cuarto con menor acerto malia a goleada da pasada fin de semana, mais cunha defensa que, con 28 goles en contra, confírmase como unha das máis fortes da zona baixa.
Malia conseguir a maior parte dos seus puntos nas Eiroas, o Bergantiños caeu en menos ocasións a domicilio. Un equipo que só foi quen de gañar en Cangas e Vilalba, que empatou ata en 4 ocasións e perdeu outras tantas sufrindo no Couto a súa derrota máis dura na primeira xornada, caendo a mans do Ourense CF por tres tantos de diferenza. Por outro lado, un dato que non deixa en moi bo lugar aos carballeses, só marcaron 5 goles en total nas súas saídas, os mesmos que na pasada fin de semana fronte ao Alondras nas Eiroas. 11 foron os que recibiron mantendo a súa porta a cero a domicilio dende o mes de novembro.
En canto ao nivel individual deste Bergan, os seus resultados non van acorde co nivel do plantel. Grandes figuras coma Rubén Rivera, que non está a ter sorte de cara a porta; Yelco, Cano ou o ex do Compos Marcos Remeseiro que buscou un cambio de aires co que non saiu de todo beneficiado. Hai que destacar tamén o reforzo invernal Borja Cabanillas que xa deixou boas sensacións hai uns días cos seus dous primeiros goles.
Bergantiños e Lemos.
Sen dúbida, a Terceira galega conta este ano con grandes adestradores entre os que se atopa de novo, dende hai días, José Luis Lemos. O santiagués tomou o mando dun equipo que non se lle dá nada ben a Yago Iglesias... e a súa última visita ao Vero Boquete demostra que el tamén lle tomou a medida.
Hai que ir dous anos atrás. Xornada 5 da tempada 2017-18. Un Compos que chegaba de perder en Vilalba, e que gañaría a liga meses despois no Carballiño, recibía ao Boiro adestrado polo santiagués Lemos. Un duro encontro fronte un rival con xogadores coma Taboada, Yahvé e Marcos Remeseiro con pasado branquiazul así como a presenza tamén no once titular de Miki e Hugo Sanmartín, agora titulares no cadro dirixido por Yago Iglesias. Durante os noventa minutos, un dos peores xogos dos nosos nos últimos anos e un Boiro que non desaproveitou as súas ocasións adiantándose no primeiro tempo cun gol de Yahvé e que resolvería a pelexa con outros dous, xa na segunda metade, de Cano e Otero.
Ao anterior hai que engadir o feito por Miguel Figueira no banco do Bergantiños nos seus enfrontamentos ante o conxunto dirixido Yago Iglesias. Só en dúas ocasións, e non sen complicacións, foi quen de sumar de tres o Compos nestes últimos anos. No 2016 chegou o último triunfo dos nosos, segundo da historia deste enfrontamento, nun partido que se complicou máis do debido xa que, no arrinque do segundo tempo, o Bergantiños igualaría un 2-0 en contra con goles de Rubén e Tomás Abelleira. Por sorte, a vantaxe branquiazul non tardou en volver cun gol de Taboada e Mon pecharía a goleada. Un resultado moi diferente ao conseguido nas Eiroas un ano máis tarde, onde os tres puntos sairían cara Santiago grazas a un único gol de David Uña.
Se, por outro lado, miramos o feito entre os dous equipos na capital galega, as contas non saen moito mellor. Tanto en Santa Isabel coma no Vero Boquete chegan malos resultados para os nosos intereses. Seis enfrontamentos con 2 triunfos para os nosos, un empate por 1-1 e 3 derrotas pola mínima entre as que destacar o 2-3 da campaña pasada no que o Compos chegou a ir por diante no marcador ata en dúas ocasións e que se decidiu cun gol de Rivera a quinte minutos para o final.
Dez goles.
Se hai algo do que non se pode dubidar é que os dous equipos foron grandes protagonistas a pasada fin de semana. Os dous conseguiron golear ao seu respectivo rival polo mesmo resultado asinando as mellores goleadas da fin de semana. Triunfos que serviron ao Compos para manterse no máis alto da clasificación dúas semanas máis e ao Bergantiños para saír dos postos de descenso, aínda preto.
Este ano as estadísticas están para acabar con elas e así traballa o cadro de Yago Iglesias. Había máis dun ano que o equipo non encadeaba catro triunfos consecutivos, malia non perder dende o mes de outubro, e conseguiuse nun campo onde, ademais, nunca gañara a Esedé. Calabagueiros viviu un dos mellores xogos dos nosos e a goleada sobre o Barco, con cinco goles de diferenza na estrea de Bicho, foi a guinda perfecta.
Pola súa parte, foi nas Eiroas onde superou o Bergantiños a un Alondras que está a protagonizar as maiores goleadas en contra esta campaña. O equipo cangués non parece levantar cabeza e fronte o equipo de Lemos pouco ou nada puido facer. 5-0 con dous de Yelco, outros dous de Borja Cabanillas e outro de Cano. Un triunfo importante a nivel anímico e que permite aos carballeses durmir unha semana fóra dos postos de perigo.
Baleato e Remeseiro.
Moitas veces se pode falar de ex-xogadores do Compos na Terceira división e o caso do Bergantiños non é para menos. De feito, hai que falar hoxe da 'lei do ex' cun home por cada lado e que este curso poden ser pezas moi importantes nas filas dos seus respectivos conxuntos.
Comezamos con Remeseiro. O Compos na súa busca por mellorar o equipo o pasado verán decidiu non ofrecer a renovación ao coruñés e buscou minutos nas filas do Bergantiños, onde xoga nunha posición máis adiantada. Un fixo no equipo con xa case 1.500 minutos xogados pero que aínda non foi quen de ver portería na presente tempada. Volverá á que foi a súa casa durante unha tempada despois de facelo xa no pasado verán, na Copa Deputación.
Por outro lado, Baleato. Centrocampista con experiencia que pasou a ser unhas das pezas máis importantes nos plans de Yago Iglesias. Con Samu ou Pablo Antas ao lado, participou en todos os partidos de liga do curso sendo este domingo a primeira vez que non poderá estar sobre o terreo de xogo por acumulación de amoestacións, chegando sen problemas ao partido de Abegondo sendo, polo de agora, a única baixa coñecida.
Segunda proba.
O 'tourmalet' segue o seu curso e aínda que o Bergantiños non estea a pasar polo seu mellor momento, iso non quita que se trate dun equipo con moito perigo como xa deixou claro no partido da primeira volta. Un partido que rematou con triunfo local pola mínima grazas a un gol de Yelco no segundo tempo, que supoñía a primeira derrota dos nosos.
Mais agora as cousas son moi diferentes. O Compos está a un nivel altísimo e o Bergan, malia enlazar dúas xornadas sen perder e chegar de anotar a súa maior goleada dende abril de 2015, cando venceron polo mesmo resultado ao Bertamiráns; non está a pasar polo seu mellor momento. A iso hai que engadir que se xoga no Vero Boquete e aquí é imposible puntuar se non se xoga de branquiazul.
O teatro dos soños de San Lázaro está a acoller unha tempada inimaxinable a nivel global e perfecta a nivel local. Un 11 de 11 que deixa mostras da forza do equipo na casa e só 3 goles encaixados por Pato mantendo a porta a cero en 9 ocasións. Imposible facelo mellor e máis se engadimos os 23 goles a favor.
Volveu con forza.
Primo volveu a Santiago logo dun paso polo fútbol islandés. Un tempo adestrando cos seus compañeiros e estrea con gol na Magdalena. Non obstante, foi contra o Arzúa cando demostrou manter esa puntería de cara a gol co seu primeiro 'hat-trick' da tempada quedando sen ver portería por moi pouco ata as vacacións de nadal conseguindo un novo gol, o quinto en seis partidos, fronte ao Choco.
Chegou xaneiro e o dianteiro cántabro, con problemas físicos, non puido participar nos primeiros xogos do ano pasando Brais Abelenda ao centro do ataque. E volveu. Volveu contra o Barco en Calabagueiros para ver portería anotando os tres goles co balón en xogo. Novo 'hat-trick' que nos fai pensar en cantos goles será capaz de anotar Primo ata maio e, antes diso, cantos precisará para asinar 10 porque sendo un dos últimos en chegar xa é o segundo máximo goleador do equipo só superado polos 13 goles de Brais Abelenda.
De novo, horario habitual.
O partido entre Compos e Bergantiños dará comezo o domingo ás 17 horas nun Vero Boquete de San Lázaro que espera unha boa entrada para levar ao equipo a por un novo triunfo. Unha proba de lume para o que as entradas terán un prezo de 10 euros para non aboados mentres que, como é habitual, será de balde para aboados e menores de 18 anos.
Por contra, para quen non poida asistir, poderase seguir o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube así como escoitarse en directo a través de 'Esedé Radio'.

Ningún comentario:
Publicar un comentario