Pola mínima

O Compos levouse os tres puntos grazas a un único gol nos noventa minutos. Un partido moi disputado e igualado onde os dous conxuntos buscaron o triunfo e no que valeu o tanto de Samu no segundo tempo. Diante, un Bergantiños que mostrou unha imaxe moi diferente á dos últimos anos, querendo a pelota e presionando en campo contrario, coa intención de forzar erros. E son xa doce vitorias na casa no que vai de curso, sen empates nin derrotas, quince xornadas consecutivas sen perder e cinco triunfos seguidos. Nada máis se pode pedir. 

Por centímetros. 
No primeiro tempo podería dicirse que o gañador nunha pelexa aos puntos foi Lemos. O adestrador do Bergantiños tiña moi ben estudado ao Compos e soubo frear a saída de balón branquiazul, freando a zona de creación así como unhas bandas que non serviron para fabricar perigo sobre a portería defendida por Canedo malia intentalo, sobre todo, pola esquerda. 
Pouco a pouco, aínda sen ter a posesión do esférico nin ser quen de pechar ao rival no seu campo como é habitual, o perigo chegou no bando branquiazul. De feito, entre as numerosas interrupcións do primeiro tempo, a mellor oportunidade do partido tivo como protagonista a Primo. O cántabro foise en velocidade de todos os seus perseguidores, desfíxose do gardameta e, a porta baleira, quedouse curto de forza. Na liña puido sacar o balón Iago López sen grandes complicacións cando a bancada xa cantaba o gol. 
Ata o tempo de lecer, pouco máis que destacar nun partido tenso, igualado, mais sen oportunidades entre os tres paus por parte dos dous equipos, con Yelco como autor da única ocasión carballesa que nin sequera foi a portería. 

Cambio de idea.
Durante o segundo tempo, o Compos cambiou de plantexamento táctico co que superar ao rival. Un troco que axudou pero que non foi tan terminante como o que pasou aos nove minutos da reanudación. E é que a falta de ocasións co sistema habitual, foi precisa unha nova idea. Aí apareceu Samu, que fixo un bo partido no centro do campo, para pegarlle dende lonxe facendo o que sería o único gol legal do enfrontamento. E dicimos iso porque uns minutos despois chegaría un segundo tanto que anularía o colexiado por fóra de xogo. 
A vantaxe no marcador serviu para que a Esedé pasara a ser algo máis superior sobre o verde, sen pasar riscos en defensa e, agora si, creando máis ocasións de perigo nun dos partidos máis difíciles dos xogados no Vero Boquete. 
Brais Abelenda, Bicho, Miki e Hugo Sanmartín protagonizaron as mellores acometidas do treito final dun partido moi duro. Mais, de novo, a pelota non quixo entrar na portería visitante repetíndose o resultado máis habitual nos Compos-Bergantiños, mais neste caso co sorriso nas caras dun plantel branquiazul que segue a facer historia e superando o seu 'tourmalet' particular. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario