Un gran ambiente en Abegondo. Boa chegada de afeccionados dende Santiago e todo ben preparado para unha das citas máis importantes. Os dous equipos cos seus mellores homes e con gañas de dar un gran espectáculo. Non obstante, o protagonista foi outro, vestido de negro e que estragou unha gran mañá de fútbol entre dous equipos que o deixaron todo sobre o verde... ou o que lles deixaron. Un empate que deixa ao Compos sen posibilidade de erro no que queda de tempada e que racha a xeira negativa do Fabril, que segue sen gañar mais que consegue puntuar logo de tres derrotas consecutivas.
Máxima igualdade.
O primeiro tempo contou cos dous equipos buscando a portería contraria. Intensidade, tensión e igualdade en corenta e cinco minutos nos que se levou o triunfo ao tempo de lecer o que máis sorte tivo. E ese non foi outro que o Fabril. Un equipo que soubo responder moi ben á primeira aproximación dos nosos pouco antes dos cinco minutos de xogo e que se atopou, a maiores, cun erro de Pato, que esvarou cando ía polo balón sendo incapaz de evitar o gol.
A reacción, como é habitual neste equipo, foi instantánea. Con Bicho como xogador máis activo na volta á que foi a súa casa, as oportunidades sobre a meta defendida por Alberto sucedéronse sen a puntería suficiente para conseguir bater ao gardamallas local e chegando ao final da primeira parte cunha derrota pola mínima.
E superioridade.
Se o primeiro tempo, sobre todo nos primeiros intres, foi máis igualado, o segundo foi de claro dominio santiagués. Unha superioridade que levou aos nosos a igualar o resultado en cuestión de dez minutos grazas, en gran parte, ao asedio levado á área local. Con isto, nun dos intentos de disparo, chega un balón morto á frontal, control de Bicho co peito e disparo para marcar un gran gol e poñer as táboas no marcador.
Xa coa igualada no luminoso, facendo xustiza ao que se estaba a ver sobre o terreo de xogo, o Compos seguiu buscando a remontada sen saber que nos últimos vinte minutos entraría en acción outro protagonista que acabou por levarse todas as miradas... e algo máis que miradas.
O home de negro.
Minuto 65 de partido. O primeiro cartón amarelo é para Kanouté do Fabril por retrasar o saque dunha falta. Cinco máis tarde chegaría o primeiro para un dos nosos, Bicho, por protestar unha falta non sinalada a prol dos visitantes. Tamén o propio Bicho vería, un minutos despois, un novo cartón por unha falta deixando ao equipo cun home menos. E aquí chega o mellor: Saro, David Soto e Primo amoestados por protestar dita acción. Reanuda o encontro e outros dous cartóns para xogadores branquiazuis, Sergio por un agarrón e Brais, ollo, por protestar un córner.
A volta ao fútbol de verdade tivo, en algo máis dun minuto, dous goles. Parga, no córner protestado anteriormente, adiantou de novo aos seus mentres que na seguinte xogada sería Primo o que, cun disparo cruzado, batería a Alberto asinando o que sería o empate definitivo.
E chegou o engadido, onde tamén hai cousas importantes que contar. Comezamos cunha intervención de Alberto a un testarazo de Baleato, momento no que acabou o fútbol e arrincou o surrealismo. Nunha acción na área cae Sergio Pereira e queda tendido sobre o verde. O colexiado non para o xogo e Pato non saca quedando co balón nas mans. Como consecuencia, libre indirecto na área a prol do Fabril. Neste caso hai que falar da gran acción de Luisito pedindo aos seus xogadores que mandaran o balón fóra nunha acción que honra ao adestrador teense.
Agora, cun punto máis no peto e sumando outra xornada sen perder, o equipo pensa xa na visita do Rápido de Bouzas ao Vero Boquete coa obriga de gañar para manterse no máis alto da clasificación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario