Algo máis que unha saída

E chegou. Chegou a saída máis dura á par que ilusionante desta segunda volta. Un partido con rivalidade, con emoción e con moito que ver no pasado, presente e futuro do Compos. E é que non só é un partido que pode deixar aos nosos moi ben situados na pelexa por entrar matematicamente na fase de ascenso canto antes senón que, ademais, supón a volta ao campo onde se estreou Yago Iglesias en partido oficial no conxunto branquiazul, cun resultado que sería máis que sorprendente de repetirse este domingo. Pero imos por partes, primeiro, o rival.


Prometían máis.
Comezamos polo pasado verán. A renovación de Yago Iglesias coa Esedé non era do máis segura e o Deportivo, segundo diversos medios, interesouse nos seus servizos para tomar o mando do Fabril. Non obstante, o adestrador aceptou seguir un ano máis adestrando no Vero Boquete e Luisito mantívose no filial deportivista. Ata aí todo ben. Mais os problemas comezaron dúas categorías por enriba e Anquela buscou solucións nas filas do filial, ascendendo a Mujaid pouco antes da visita fabrilista a Santiago e colocando a éste como titular, onde xa é un seguro. Con isto, o obxectivo de pelexar polo primeiro posto non tardou en desaparecer e o Fabril meteuse, sobre todo nas últimas datas, na loita por un terceiro posto que, de perder este domingo, podería estar moi complicado.
A día de hoxe, o filial coruñés ocupa a sétima posición da táboa con 34 puntos, aínda que co partido contra o Paiosaco sen xogar dende hai un par de meses e que retomarán nun días. Un equipo en horas baixas que suma un total de 10 triunfos, 4 empates e 8 derrotas, sendo tres delas nas últimas xornadas, e que tampouco pode presumir de ter un bo ataque logo de facer só 30 goles no que vai de campionato sendo o segundo dos oito equipos que pelexan polos postos de promoción que menos atinou co camiño á rede. Por outro lado, onde si que están a sacar mellores conclusións é na defensa, despois de encaixar só 21 goles situándose cuartos na clasificación de equipos menos goleados.
Sen moitas cousas positivas das que falar cando saen de Abegondo, na casa si que se trata dun equipo algo máis complicado. Gañaron a rivais coma Ourense CF ou Choco, sumando en total 7 triunfos diante da súa afección, empataron fronte ao Somozas e caeron noutras 3 citas, todas pola mínima.
E se antes falabamos do bo facer do Fabril en defensa non podemos non falar da figura de Alex Cobo. O gardameta catalán é un fixo baixo paus e unha das pezas máis importantes do equipo. Por outro lado, o que se encarga de facer boa parte dos goles do filial é Mario Losada, autor de 8 tantos no que vai de campionato servindo boa parte deles para sumar.

Camiños inversos.
Por se alguén aínda non se deu conta do que está a facer o Compos, que non cae dende o mes de outubro e que asinou 39 dos últimos 45 puntos en xogo, ten na súa man asinar a sexta vitoria consecutiva encadeando unha xeira de resultados imposible dende 2017, cando encadearon un total de 10 triunfos consecutivos. 
Arenteiro, Alondras, Somozas, Barco e Bergantiños xa quedaron atrás. 15 puntos de 15 posibles e, como dato aínda mellor, só 1 gol encaixado nesta serie de encontros. E, de feito, o equipo de Yago Iglesias só encaixou un total de 3 tantos deende o mes de outubro, sendo dous deles no empate no Couto fronte ao Ourense CF. Por outro lado, 12 goles que serven ao equipo para manterse no máis alto polo menos ata a visita do Rápido de Bouzas ao Vero Boquete. 
Por contra, o Fabril está metido nunha moi mala dinámica de resultados. Tres derrotas consecutivas que os apartan dos postos altos e só 7 puntos dos últimos 27 en xogo deixan en moi mal lugar ao filial deportivista, que non é quen de igualar nin de lonxe o momento polo que está a pasar o primeiro equipo. Ao anterior hai que engadir que a pasada fin de semana caeron no Morrazo pola mínima contra o Alondras nun partido onde o colexiado amosou un total de 12 cartóns amarelos expulsando incluso a David, do filial deportivista. 

Moi diferente. 
Un Compos moi novo, logo do descenso, e un dos mellores equipos cos que contou o Fabril nos últimos anos. Para nada foi digna de recordar a última ocasión na que o Compos visitou Abegondo para medirse ao filial coruñés. Un partido moi desigualado que se chegou con empate ao tempo de lecer pero que resolvería Óscar Pinchi no segundo tempo. O xogador coruñés, agora nas filas do Extremadura, asinou cinco goles nunha das peores citas dos nosos dende a chegada de Yago Iglesias ao banco branquiazul.
No global do enfrontamento, a superioridade compostelanista ao longo da historia é moi clara. 33 partidos entre os dous e 20 triunfos branquiazuis. Por outro lado, o filial coruñés saiu vitorioso en 9 ocasións mentres que o empate só se deu en 4 ocasións, rematando sen goles 2 citas. 
En terras coruñesas, a cousa está moito máis igualada polo de agora. 7 vitorias por equipo e 2 empates, sempre con goles. Non obstante, a última vitoria branquiazul en Abegondo chegou alá polo ano 1987 por 1-2. 
E botando un ollo ao pasado máis recente, na primeira volta, o Compos fixo un gran encontro para, no segundo tempo, levarse a vitoria grazas aos goles de Brais Abelenda e Josiño, dous xogadores que apuntan a ter minutos este domingo. 

Varios ex. 
A día de hoxe, nas filas da Esedé hai xa varios xogadores que coñecen ben o Deportivo logo de pasar polas filas do conxunto coruñés, xa sexa na base ou no Fabril. E é que agora mesmo hai catro xogadores do equipo dirixido por Yago Iglesias que pasaron pola Coruña.
Comezamos na portería. Anxo chegou hai ano e medio procedente do Pontevedra mais a súa carreira arrincou nas categorías inferiores do Deportivo chegando ao Fabril en 2015. E no mesmo momento no que chegaba o gardameta ao filial, deixaba o xuvenil Sergio Pereira dirección ao Silva, onde xogaría un ano para recalar despois no Somozas e, posteriormente, no Compos. Unha lista que hai case que deixar pechada con outro que non pasou da etapa xuvenil: Baleato. O dono do centro do campo deixou a base do Depor en 2009 para formar parte do Órdenes. 
Mención a parte para Bicho. O último en chegar ás filas do Compos e que estivo sen equipo dende o pasado verán, sendo Deportivo o seu último. Unha peza xa importante nos plans de Yago Iglesias e que deixou o clube co que debutou en categoría senior en 2019 logo de chegar ao Fabril en 2013 e encadear ata catro cesións, unha delas chegando a xogar durante medio ano no Compos. 

Volve o dono. 
Se hai algo que faltou o pasado domingo fronte ao Bergantiños foi autoridade no centro do campo. Un partido sen dono, no que Samu non tivo case opcións de aparecer, sobre todo no primeiro tempo, mais que rematou con triunfo santiagués e cunha clara superioridade. Non obstante, para esta cita si volve ese dominio ao centro do campo branquiazul coa volta de Baleato ao once logo dunha fin de semana de ausencia por sanción. 
A volta do centrocampista será unha novidade importante para un equipo onde Samu, Brais Abelenda e Miki volverán despois de xogar, e gañar, este mércores en Madrid a Euskadi co combinado galego que estará na Fase Final da Copa de Rexións da UEFA.

Á conquista! 
Esta xornada terá dúas citas moi importantes adiantadas. O sábado xogarase no Couto o derbi ourensán mentres que este domingo será a quenda dun Compos que terá que ir moi cedo á Coruña. Ás 12 da mañá dará comezo no Mundo do fútbol o partidazo do día para o que as entradas terán un prezo de 10 euros para os afeccionados santiagueses.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario