O Compos quere seguir deixando atrás marcas do pasado a base de man dura e, sobre todo, bo fútbol. Con Yago Iglesias ao mando, o equipo branquiazul superou a un Rápido de Bouzas sen capacidade de reacción grazas, en boa parte, a un gran encontro en accións ofensivas. Goles de Primo, Brais Abelenda, Josiño e Miki para manter a primeira posición da táboa mentres que Alex Rey fixo o gol da honra para os vigueses.
Nin dez minutos.
O partido non puido arrincar mellor. Primeiro minuto de xogo e chega un erro importante da defensa viguesa. Rouba o balón Primo, mandouno ao espazo para Miki e éste asistiu de novo ao cántabro que facía o seu décimo gol da tempada a porta baleira. Un premio rápido e que tivo unha resposta moi rápida con, unha vez máis, Miki como protagonista dende a banda poñendo un centro ao segundo pau, onde non desaproveitou a oportunidade de marcar Brais Abelenda. Nove minutos e dous goles por diante contra un Rápido de Bouzas que non era quen de entrar no partido.
Co paso dos minutos, a superioridade do Compos foi a máis. Agás unha oportunidade que soubo solventar sen grandes problemas Pato, o Rápido non foi quen de pasar sequera do seu propio campo salvando, con apuros, as acometidas branquiazuis na busca do terceiro gol. E neste caso non foi Miki senón Primo o que de novo rouba un balón perigoso á defensa, a pelota queda sen dono e cae a Josiño, que non perdoou chegando dende atrás. Tres goles de vantaxe ao tempo de lecer.
Baixando a intensidade.
Logo do paso por vestiarios, o Compos saltou ao campo cun marcha menos, aínda que mantendo a superioridade sobre o verde e sen deixar opcións aos homes de Milo Abelleira. Con isto, o Rápido gozou dalgunha oportunidade máis diante de Pato aínda que sen a fortuna suficiente para superar ao gardameta uruguaio, que deixou unha gran tarde malia encaixar, xa case co tempo cumprido, o primeiro gol na casa dende outubro.
Antes, o mellor do partido obtivo o seu premio despois de dúas asistencias. Roubo de Brais Abelenda nunha saída de balón moi problemática e Miki non perdoa no segundo pau o cuarto da tarde e que deixaba aos de Yago Iglesias cun novo triunfo na casa, e van xa 13 de 13.
Non obstante, coa goleada xa no marcador, tivo que aparecer Pato. O equipo baixou aínda máis a intensidade e o uruguaio deixou mostras do seu gran nivel baixo paus parando case todo. Só un disparo cruzado de Alex Rey foi imposible para el. Un golazo do Rápido de Bouzas que marcha cara Vigo sen saber facer un bo traballo nun Vero Boquete imposible.
Agora, o equipo terá que preparar a visita ao filial do Clube Deportivo Lugo coa intención de manter o bo camiño. Unha cita na que non poderá estar Soto por acumulación de amoestacións e para o que volverá ao once Bicho.

Ningún comentario:
Publicar un comentario