O Compos saiu de Abegondo cun empate que o deixou algo máis preto da clasificación matemática para a fase de ascenso mais sen marxe de erro con respecto ao Ourense CF polo posto máis alto da táboa. Por tanto, no Vero Boquete terán que facer bo o empate fronte ao Fabril superando a un Rápido de Bouzas que non gaña dende que arrincou a segunda volta e que pasa por problemas para salvar a categoría.
Moitas dificultades.
O Rápido de Bouzas volveu á Terceira división dous anos despois de estrearse no fútbol estatal con algún que outro problema, sobre todo no económico, chegando a un acordo co Pontevedra asinando un convenio de colaboración o pasado verán. Non obstante, sobre o verde non cesan as dificultades para un equipo que apuntaba a pelexar polos postos altos e que, lonxe dese obxectivo, ocupa un dos postos de descenso, a tres puntos da permanencia e atravesando un momento moi mellorable con 4 dos últimos 18 puntos en xogo conseguindo a súa mellor puntuación dende a chegada de Milo Abelleira ao cadro vigués no mes de novembro.
Antepenúltimos na clasificación, os aurinegros suman un total de 23 puntos, 14 deles dende a chegada do novo adestrador superado o primeiro terzo do campionato. Con 6 triunfos, 5 empates e 13 derrotas, sendo xunto co Pontellas o equipo con máis derrotas da categoría, trátase dun equipo con problemas para gañar mais non para marcar goles, sendo de lonxe o equipo máis anotador da zona baixa con 35 tantos a favor, sendo o terceiro con máis acerto dos que pelexan pola permanencia e superando a algún equipo importante coma o Fabril. Por outro lado, tamén se trata do segundo equipo que peor defende con 46 goles en contra, só 2 menos que o Pontellas, e deixando a súa porta a cero fronte a Arenteiro e Silva.
Un equipo que no Baltasar Pujales foi quen de conseguir gran parte dos seus puntos pero que se trata dun dos peores visitantes do grupo con só 8 puntos asinados polo de agora. Só foron quen de gañar en San Campio e a Porta Santa mentres que os dous empates que conseguiron chegaron en Santa Mariña e Espiñedo sumando tres saídas consecutivas sen perder.
A nivel individual hai que ter moi en conta a xogadores coma Adrián Mouriño, autor de 6 goles, ou o sempre perigoso Pablo Carnero nun equipo onde se pode contar con moita experiencia na Segunda B e a Terceira división con dous ex branquiazuis nas súas filas como son Yahvé e Fondevila, dos que haberá que falar a parte.
De novo, a lei do ex.
Case cada fin de semana, o Compos enfróntase a algún ex integrante do conxunto santiagués. E nesta fin de semana non será para menos. Ata dous xogadores do Rápido de Bouzas volverán á que foi a súa casa e na que chegaron a compartir un ano ás ordes de Fredi Álvarez na Segunda B. Non obstante, tamén nas filas compostelanistas podemos atopar algún que outro ex xogador do cadro vigués como é o caso de Pablo Antas e Miki, dúas pezas fundamentais e que apuntan á titularidade.
E cos dous dos nosos comezamos. Miki comezou a súa carreira deportiva 'senior' nas filas do conxunto aurinegro. Máis de 50 partidos na Terceira galega que lle abriron as portas do Pontevedra na Segunda B. Por outro lado, Pablo Antas chega á Esedé o pasado verán procedente do Baltasar Pujales co que xogou a segunda tempada na división de bronce un total de 24 partidos de liga e outro da Copa do Rei. Agora, os dous son fixos nos plans de Yago Iglesias e apuntan a titulares o domingo.
Da súa segunda etapa en Bouzas chegaba en 2013 ao Vero Boquete Yahvé co obxectivo de axudar na pelexa polo ascenso. Un ano e medio ás ordes de Fredi no que foi quen de marcar goles importantes coma o que asinou fronte ao Cieza na final polo ascenso. De volta a Vigo, son xa máis de 2.000 minutos e 4 goles, todos en Bouzas.
E foi medio ano despois da chegada do vigués cando chegaría Óscar Fondevila, aínda que éste permanecería na Esedé tres cursos. Máis de 80 partidos na Esedé e nos que faría un total de 2 goles. Agora, nas filas do Rápido de Bouzas, podería superar os mil minutos de xogo no Vero Boquete.
Uns grandes da Terceira.
Compos e Rápido de Bouzas mediron forzas durante a segunda metade da década dos 60 para, logo de 40 anos, volver a facelo a finais da dos 2000 e coincidindo de novo nas últimas campañas. Sempre na Terceira división.
Ao longo dos 60, os primeiros enfrontamentos entre vigueses e santiagueses comezaron con algo de igualdade, cun empate e un triunfo para cada equipo nas tres primeiras citas. Non obstante, a década rematou con tres goleadas dos nosos por 0-4, 5-0 e un 0-8 que é unha das maiores goleadas a domicilio dos nosos en liga.
Pasaron corenta anos e o equipo nese momento adestrado por Baleato, volveu ser superior gañando os dous partidos do curso. Unha superioridade que non se repetiu con Fredi, o cal non foi quen de gañar en Bouzas, nin con Yago Iglesias, o cal sumou 4 de 9 puntos posibles.
En terras santiaguesas, o gañador foi o Compos con claridade. 6 encontros con 4 triunfos locais, unha vitoria para os vigueses en 1966 e un empate na última ocasión, na última visita aurinegra ao Vero Boquete no que Óscar Pardavila e Mitogo anotaron os goles. Maior vantaxe houbo na primeira volta, onde os nosos gañaron con goles de Baleato, Rodri e Brais Abelenda.
Menos do merecido.
Compos e Rápido de Bouzas chegan a este partido despois de non conseguir os tres puntos a pasada fin de semana malia ser mellores que os seus respectivos rivales. Un empate dos nosos en Abegondo, con consecuencias máis alá do resultado, e unha derrota pola mínima dos vigueses na casa.
En terras coruñesas, os nosos non puideron facer moito máis que sacar un empate dun gran partido, moi difícil es fronte a un rival que, malia non estar ao seu mellor nivel, puxo as cousas moi complicadas. Aínda así, houbo que loitar contra un máis que se propuxo darlle o triunfo aos locais. Por sorte, os goles de Bicho e Primo foron suficientes para traer un punto que facer bo este domingo.
Pola súa parte, o Rápido de Bouzas perdoou un bo número de ocasións fronte ao Alondras nun partido que se definiu cun gol de Jonas no segundo tempo permitindo aos cangueses encadear a súa segunda vitoria consecutiva.
Unha xeira coa que acabar.
Os dous equipos pasan por un momento bastante positivo. Os nosos só conseguiron gañar no que vai de curso no Vero Boquete mentres que o Rápido de Bouzas suma tres saídas consecutivas sen perder. Dúas xeiras positivas e que unha rematará este mesmo domingo. Ademais, hai que falar dun precedente común.
Por San Lázaro pasaron esta mesma tempada xa 12 equipos en liga sen a posibilidade de facerse con ningún punto. Unha xeira que comezou a pasada tempada co triunfo fronte ao Somozas. Ademais, hai que engadir que só se encaixaron 3 goles no que vai de curso na casa, sendo o último na vitoria fronte ao Estradense por 3-2.
Pola súa parte, o Rápido de Bouzas asinou 5 dos últimos 9 puntos xogados a domicilio. Un triunfo por goleada na Porta Santa e dous empates, repetindo resultado nos dous casos, en Santa Mariña e Espiñedo, para un equipo que foi quen de ver portería en todas as súas saídas agás unha.
E aquí chega o dato curioso: o Racing Vilalbés foi o último que gañou no Vero Boquete e o último que deixou sen marcar a domicilio aos vigueses significando tamén a última derrota aurinegra polo momento.
Consecuencias.
A actuación de Extremadura Hernández deixou tocado ao Compos no que a equipo se refire. Bicho, que terá un partido de sanción, ve freado o seu gran momento e volverá na Cheda deixando o seu posto a Josiño. Pola súa parte, pensando tamén na cita fronte ao filial lugués, Primo, Soto e Pablo Antas chegan con catro cartóns amarelos cada un, polo que non estarían na seguinte xornada de ver un este domingo.
Pechando a xornada.
Nunha fin de semana onde a xornada se xoga case ao completo o sábado, o Compos-Rápido de Bouzas será o domingo ás 17 horas no Vero Boquete. Un partido importante e para o que as entradas xa están dispoñibles na web a un prezo de 10 euros.
Por contra, para quen non poida asistir, poderase seguir o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, poderase escoitar a través de 'Esedé Radio', na web oficial.

Ningún comentario:
Publicar un comentario