En vinte minutos

O Compos sumou a súa segunda vitoria consecutiva fronte ao Somozas no Vero Boquete nun partido que non tivo moita emoción. Unha goleada colleitada polos de Yago Iglesias a costa dun rival que non propuxo nada en ataque e que se viu superado no segundo tempo en tódalas liñas. Os tantos, obra de Brais Abelenda, Jimmy e Juan Gabriel en propia porta, serviron para manter o primeiro posto da clasificación, algo que a día de hoxe non deixa de ser máis ca unha anécdota, sendo, xunto co Arzúa, os dous únicos equipos que manteñen o pleno de vitorias. Ademais, Pato deixou a súa porta a cero por primeira vez neste curso nun partido onde non tivo sequera que esforzarse. 

Ben ordeados. 
Sabedores do nivel e da superioridade local, a sorpresa do Somozas no Vero Boquete pasaba por defender ben e buscar o gol á contra. Un plantexamento que se cumpriu durante os primeiros corenta e cinco minutos amosando un esquema ben ordeado, sen ocos polos que poder crear oportunidades de perigo. 
Ante esta situación, a idea de Yago Iglesias pasou por buscar crear perigo a través das bandas. Con Jimmy e Josiño pola dereita e Miki pola esquerda, Gabri e Brais Abelenda foron os encargados de buscar finalizar as ocasións mais sen a sorte posible fronte a unha zaga que freou con físico levando, ao tempo de lecer, 3 cartóns amarelos e algún que outro perdoado nunha actuación arbitral un tanto permisiva.

Comezo gañador. 
Se ben é certo que houbo serios problemas para achegarse á portería defendida por David no primeiro tempo, todo o contrario ocorreu no segundo. Pablo Antas abría a veda cun disparo á reviravolta directo ás mans do gardamallas e cinco minutos despois chegaría, logo de moito merecelo, o primeiro gol da tarde. Un tanto que chegaría na enésima intervención de Miki pola banda, centro ao segundo pau e aparece Brais Abelenda para, cun bo testarazo, mandar o esférico ao fondo das redes. 
Non obstante, cando aínda se estaba a celebrar o primeiro gol do encontro, chegou o segundo nunha xogada na que interviron os dous xogadores máis desequilibrantes. Gabri Palmás inicia a xogada cun centro que chega a Josiño e este asiste para Jimmy, que non perdoou poñendo a guinda ao seu gran encontro na volta á casa. 
Co partido encamiñado xa só sería cuestión de tempo que caera o terceiro gol. Un gol que rondou a portería somocense durante varios minutos e que chegou, finalmente, antes de cumprirse os 20 minutos do segundo tempo. Unha xogada que arrincou dende o curruncho, cun córner que bota Samu, e que remataría, sen fortuna, Juan Gabriel á súa propia portería. 
Agora si co resultado xa finiquitado, era o momento de efectuar os trocos necesarios para dar descanso a pezas fundamentais pensando no que se vén este mércores en Portonovo, onde o Compos medirá forzas co Ourense CF na final nacional da Copa RFEF onde o gañador, ademais dunha suma económica interesante, terá o billete para xogar a fase estatal. 

Ademais, a parte do partido contra os ourensáns, os de Yago Iglesias terán que preparar xa a cita de liga contra o Barco, de novo no Vero Boquete, para a vindeira fin de semana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario