Chega a segunda xornada do campionato e o Vero Boquete de San Lázaro abre as súas portas por primeira vez nun partido oficial neste novo curso. Un partido forte e complicado neste 'tourmalet' particular dos nosos que chega para o mes de setembro contra o Somozas, rival que malia perder pezas fundamentais promete dar moita guerra.
Un Somozas con moita cara nova.
Hai tempo que o Somozas non pasa polo seu mellor momento. Dende a súa volta á Terceira, o equipo da Ferrolterra está lonxe dos postos altos da clasificación, pelexando a pasada tempada para non descender á Preferente. E esta tempada non promete moito mellor con baixas moi importantes como as de Gonzalo rumbo ao As Pontes ou Gerardo e Manu Cedrón, ao Viveiro. A parte, moitas fichaxes procedentes de bases importantes que arrincarán de xeito oficial a súa carreira 'senior' na Terceira galega. Moita xuventude para buscar mellorar o 14º posto do ano pasado, quedando só a 1 punto do descenso.
A día de hoxe, o equipo somocense conta cun equipo xoven e que xa foi quen de dar o primeiro susto no campionato, onde logo dunha xornada ocupan a 7ª posición, empatando no Candocia fronte ao Silva nun partido tolo con ata catro goles. Foi unha primeira mostra do que podería ser un novo Somozas dirixido por Manolo García.
A nivel individual, logo das saídas das pezas máis importantes, hai que destacar a presenza de futbolistas coma Luis Nuño, autor dos dous tantos fronte ao Silva, ou ben a continuación de Uzal, peza chave nas últimas campañas no equipo da Ferrolterra.
Primeira toma de contacto.
O campionato chega á súa segunda etapa neste primeiro domingo de setembro con aínda moito por mellorar, cos equipos lonxe do seu nivel real. Non obstante, no Morrazo, o Compos deixou unha clara mostra do que pode ser cando estean todos dispoñibles e con confianza.
En Cangas, contra un Alondras que ten aínda moito que mellorar, o equipo de Yago Iglesias deixou mostras claras da calidade coa que conta o equipo. Pero xa non só a calidade, senón a efectividade de cara á porta. E é que Brais Abelenda puxo a primeira pedra mentres que Gabri Palmás, gran revulsivo, e Miki, por partida dobre, completaron unha goleada inmellorable para arrincar o campionato.
Máis tivo que sufrir o Somozas para facerse cun resultado positivo na visita do Silva ao Alcalde Manuel Candocia. Un partido que tivo dous protagonistas, un por equipo, encargados de manter con vida aos seus respectivos. Marcos fixo o primeiro para os coruñeses antes dos 10 minutos de xogo mentres que Luis Nuño igualou o resultado a piques de chegar ao tempo de lecer. E o mesmo ocorreu no segundo tempo co gol de Marcos que adiantaba de novo aos visitantes e o asturiano, nesta ocasión dende os once metros, asinaba o resultado definitivo de empate.
Unha década interesante.
Xa pasou algo máis dunha década dende que Compos e Somozas comezaron con esta serie de enfrontamentos cheos de emoción e bo fútbol entre a Terceira e a Segunda división B. Un total de 12 partidos que remataron con vitoria branquiazul a metade mentres que os verdibrancos só o fixeron en 2 ocasións, unha en cada campo. Ademais, outros 4 empates que deixaron moi igualada esta serie.
Non obstante, pouco máis igualado que o ocorrido o curso pasado, onde se repetiu o mesmo resultado nos dous campos. Os nosos non puideron sacar nada positivo do Candocia, onde o cadro somocense, con goles de Gerardo, Alex e Daniel, fixeron insuficiente o anotado por Alex Ares. Por contra, a goleada chegou a prol dos nosos no Vero Boquete cun doblete de Rubén e outro de Santi, mentres que Alex Díaz fixo o visitante.
Semana de 'Champions'.
Para o Compos, ésta non será unha semana de todo normal. Os nosos arrincarán este domingo co enfrontamento fronte ao Somozas mais, antes de recibir ao Barco na segunda xornada consecutiva na casa, haberá unha Final que xogar este mércores. Nunha competición que case non ten prestixio no fútbol español como é a Copa RFEF, a Esedé terá na súa man acceder á fase estatal e conseguir un bo premio económico.
Portonovo foi a sede escollida para que este mércores Compos e Ourense CF pelexen por facerse con ese triunfo que dea opción a seguir con vida nunha competición que cambiou de formato, pasándose a xogar agora a partido único no campo do equipo de inferior categoría dando algo máis de opción aos equipos un tanto inferiores nunha competición onde, como máximo, haberá rivais da Segunda B e que, lembramos, dá a oportunidade de clasificarse para a Copa do Rei do vindeiro curso aos catro semifinalistas.
Mesmas baixas.
A enfermaría do Vero Boquete segue con 3 xogadores aínda por recuperarse. Sergio Pereira, que segue de baixa dende o partido contra o Alavés B, terá aínda para outras 2 semanas máis de baixa. Pola súa parte, Hugo Sanmartín podería estar dispoñible contra o Fabril para a súa estrea oficial coa elástica santiaguesa mentres que Alberto, con molestias no pubis, terá un descanso.
Un bo comezo, a chave.
Se hai algo moi importante nas anteriores tempadas de Yago á fronte do equipo son os arrinques de tempada. Comezar ben foi sinónimo dun gran resultado e nas pasadas campañas foi quen de arrincar con 3 e 5 triunfos consecutivos respectivamente convertindo o Vero Boquete nun fortín do que só saíron 8 derrotas de 38 partidos.
A oportunidade de comezar con bo pé diante da parroquia santiaguesa chega contra un rival complicado este domingo ás 19 horas no Vero Boquete e as entradas poderán adquirirse, por primeira vez, na web oficial do clube. Unhas entradas, dispoñibles tamén nas billeteiras, que terán un prezo de 10 euros para os non aboados mentres que será de balde para quen xa teña o seu carné.
Por contra, para quen non poida asistir ao partido, poderá seguirse en directo a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube e escoitarse en 'Esedé Radio', onde darán como premio 2 entradas para o partido contra o Barco.

Ningún comentario:
Publicar un comentario