Inauguramos a liga

O cuarto ano consecutivo, e oxalá que derradeiro, do Compos na Terceira división dá comezo este mesmo sábado. Un arrinque oficial despois de acadar o pase á Final da fase territorial da Copa RFEF contra un dos rivais que podería ser directo na pelexa pola promoción de ascenso. Visitaremos ao Alondras, no Morrazo, para abrir unha liga que se presume complicada á par que emocionante e fermosa con rivais da talla do propio Alondras, Fabril ou Bergantiños entre outros aos que engadir a Paiosaco e Estradense, equipos que xa estiveron no camiño dos nosos este verán na competición antes nomeada. 


Medio equipo novo. 
O Alondras, que arrincou a súa pretempada hai algo máis dun mes, tivo que facer fronte a un verán cheo de baixas e altas, con moito traballo para os responsables en canto ás fichaxes. E é que do equipo que pelexou na Terceira o pasado curso só continúan 10, entre eles os ex da Esedé Jesús Varela e Iván Pérez coa saída de Yahvé rumbo ao Rápido de Bouzas. Para cubrir ditas posicións, moitas chegadas dende equipos da zona así como a volta de Javi González á entidade canguesa. Ademais, troco no banco coa marcha de Antonio Fernández e a chegada de Alberto Valladares procedente do xuvenil. 
En canto á preparación do equipo morracense, a preparación foi longa mais contra rivais de nivel un tanto inferior ao que se atoparán nesta categoría. Comezando contra o Cultural Areas no mes de xullo, enfrontáronse a Céltiga, Pontevedra B, Atios, Gran Peña, O Grove e finalmente superando ao Celta B no trofeo local. A todo o anterior hai que engadir que, malia inscribirse, non chegaron a xogar ningún partido na Copa RFEF superando a rolda de cuartos de final na que estaban emparellados co Coruxo, contra o que tamén xogaron un amigable, pola clasificación directa dos vigueses á fase estatal e renunciando en semifinais antes do partido que os mediría ao Ourense CF.
Un verán con moitas vitorias, incluíndo a conseguida contra o filial celeste, e que queren aumentar esta mesma fin de semana na estrea na competición oficial que os dous equipos esperan pechar entre os catro primeiros postos. 

Unha longa historia. 
Hai máis de 50 anos que comezaron os enfrontamentos entre Compos e Alondras con máis de 30 citas entre os dous conxuntos. Santiagueses e morracenses convertiron os seus partidos nunha constante ao longo dos 60, logo da fundación do noso equipo. Un emparellamento que se repetiu durante varias tempadas na década dos 80 e que, despois de 20 anos, volveu repetirse para, unha década máis tarde, vivir por 35 ocasión un partido entre eles. 
O Campo Massó, Santa Isabel, o Campo do Morrazo e o Vero Boquete acolleron grandes tardes de fútbol con cangueses e picheleiros nos que os nosos comezaron a súa conquista en Cangas en 1964, cunha vitoria cómoda dos nosos. Non obstante, non foi un campo que historicamente se lle dera moi ben aos nosos con 5 triunfos e 10 empates aos que sumar outras 2 derrotas, dun total de 3. 
Na última década, os enfrontamentos repetíronse en numerosas ocasións sendo esta a quinta tempada na que se enfronten dende 2010. Un tempo onde os nosos non sufriron ningunha derrota comezando cun 8-3 no Vero Boquete, 2 empates no Morrazo e outras tantas vitorias en terras canguesas con resultados axustados e moitos goles. 

Unha semana de preparación.
Logo dun verán cheo de partidos, os dous equipos por fin tiveron toda unha semana para preparar un partido, algo que semella que non vai ser habitual aínda nos plans do equipo dirixido por Yago Iglesias xa que entre a vindeira semana e a seguinte terán que xogar a Final territorial da Copa RFEF, adiada no seu momento xa que estaba marcada para o pasado mércores. 
Como xa todos sabemos, o Compos chega de enfrontarse ao Paiosaco nun partido que tivo que decidirse dende os once metros. Non obstante, nesa cita houbo dúas novidades importantes e que, por sorte, non terán influencia neste primeiro encontro de liga. E é que tanto Jimmy coma Soto foron expulsados e, no caso do segundo, había dúbidas cunha posible sanción superior que tería que cumprir na liga. Non obstante, o lateral só se perderá a final fronte ao Ourense CF mentres que o central cumprirá 2 partidos de sanción nesa competición. 
Pola súa parte, o Alondras chega de gañar pola mínima ao Celta B no Morrazo facéndose co Trofeo Vila de Cangas, súa 21 edición, revalidando o título conseguido un ano antes contra o Pontevedra. 

Comezo con baixas. 
Durante a pretempada, como é habitual, houbo problemas físicos. Unha preparación dura, con ata 10 partidos en menos de 1 mes, na que Yago Iglesias tivo que tirar de xogadores do Zona Vella e do xuvenil branquiazul para cubrir as convocatorias. E é que Sergio Pereira segue de baixa dende o final do pasado curso mentres que Alberto e Hugo Sanmartín caeron nesta pretempada e aínda non se coñece cando poderán estar de novo ás ordes do adestrador. O que si estará xa dispoñible, como xa o estivo na Porta Santa, é Mon despois de superar os seus problemas físicos. 
Ao anterior hai que engadir que será a oportunidade de ver xa en condicións ás novas fichaxes do equipo chamadas a facerse cos postos chave do once titular. 

Abrimos a competición.
Hai xa tres anos, dende 2016, que o Compos non xoga o partido inaugural da liga na Terceira división. Naquela ocasión foi tamén a domicilio, en Abegondo, e o resultado foi moi negativo cunha derrota dos nosos por 5 goles a 1 cunha exhibición de fútbol de Óscar Pinchi que non será doada de esquecer. 
4 tempadas máis tarde volvemos abrir a competición. Será este sábado ás 18 horas no Campo do Morrazo e con entradas a 10 euros como xa é habitual nesta categoría. Non obstante, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario