Un Compos que apunta a favorito por ser campión de liga inaugurou o campionato cunha vitoria cómoda e moita autoridade fronte a un Alondras que puxo as cousas moi complicadas por momentos malia o que poida indicar o resultado. Un partido que mellorou coa entrada no terreo de xogo de Gabri Palmás, que se estreou con gol, e no que Miki se destacou como goleador con dous tantos. Ademais, Brais Abelenda fixo o gol máis importante, o que abría a lata, e Mauro buscou manter con vida aos cangueses xa tarde.
Un arrinque inmellorable.
O partido arrincou co Compos dando o mellor sobre o céspede sintético do Morrazo. Un comezo que nos deixou moi boas sensacións e cinco minutos nos que puido caer máis dun gol. Non obstante, Brais Abelenda si foi quen de superar a portería defendida por Martín logo dunha boa chegada de Jimmy pola banda e unha asistencia para o de Bembibre, que non perdoou coa dereita.
Por diante xa moi cedo, a intensidade do Compos foi de máis a menos sendo ao contrario no caso dun Alondras que arrincou o encontro durmido. Non obstante, durante os primeiros corenta e cinco minutos non houbo grandes problemas para un Pato que salvou a única oportunidade dos morracenses antes do tempo de lecer. Por outro lado, Martín tamén tivo que actuar de novo ante unha dobre ocasión de Brais Abelenda e Miki, que non foron quen de superalo.
Quince minutos con dúbidas.
A segunda metade comezou coas mesmas dúbidas coas que se pechou a primeira. O Alondras foi de menos a máis contra un Compos que pasou a xogar co resultado a favor e a superioridade que se demostrou sen case problemas. Non obstante, esas dúbidas e esa superioridade local durou uns vintecinco minutos con dúas oportunidades claras dos homes de Pereira que salvou Pato demostrando unha vez máis que ten un nivel de categoría superior.
E apareceu Gabri Palmás.
A vinte minutos para o final chegou o primeiro troco de Yago Iglesias. Gabri Palmás, unha das mellores pezas deste verán, saltou ao terreo de xogo e non precisou máis de dous minutos para facer ver a súa calidade. O ex do Choco iniciou a contra cun pase cara Pablo Antas e este devolveulla para que non perdoase de cara a gol. Un xerro de auga fría para os cangueses que non tardou en mellorar para os intereses branquiazuis.
E é que os primeiros minutos de Gabri sobre o verde do Morrazo coa elástica branquiazul foron unha marabilla. Non só fixo o segundo gol do xogo senón que, ademais, asistiu a Miki para que anotase o terceiro dous minutos despois sentenciando así un partido que se puxo moi de cara coa gran superioridade dos nosos na área.
Xa baixando a intensidade, no treito definitivo do xogo, chegou o gol de Mauro que non servía para meter ao Alondras no partido mais si para evitar que Pato se puidera estrear este curso coa porta a cero. Ademais, o gol local serviu tamén para que o Compos o intentase de novo xa no tempo engadido nunha contra que se pechou cunha asistencia de Josiño e un gol de Miki no segundo pau asinando así o seu primeiro dobrete.
O Compos xa é o primeiro líder da Terceira, polo menos ata á tarde do domingo que se complete o resto da xornada demostrando que ten un nivel moi alto para unha tempada que se presenta chea de emoción e ilusión.

Ningún comentario:
Publicar un comentario