Distinta pel, mesmo resultado

O Compos, que estrou nova camisola para este curso, segue a deixar moi boas sensacións diante dun Céltiga que tivo opcións nos primeiros minutos e que se desinchou co primeiro gol local. Un partido interesante, no que os nosos souberon defender moi ben e atacar mellor deixando claro que en traballos ofensivos se fan moi ben as cousas.
Sergio Pereira, Brais Abelenda e Aythami, que se estreou en partido oficial, sumaron as tres dianas para un equipo que segue gañando e que durmirá líder. Ademais, hai que engadir que esta é só a primeira cita desta semana na que haberá ata tres partidos oficiais en oito días, coa estrea na Copa do Rei o mércores en terras canarias.


Tempo para defender.
O Céltiga saltou ao terreo de xogo coa intención de sorprender á defensa branquiazul. Con Canhoto como xogador máis ofensivo, os da Illa de Arousa gozaron de boas oportunidades para adiantarse contra un Lorenzo que reaccionou á perfección na única ocasión que se foi entre os tres paus da porta branquiazul.
Vinte minutos nos que os nosos tiveron que deixar mostras do bo traballo defensivo nunha zaga liderada, un ano máis, por David Uña e nos que non houbo case ocasións na porta arousá. A iso hai que sumar que os dous primeiros cartóns amarelos foron para futbolistas do cadro santiagués.

Melloría total.
Dos primeiros minutos nos que houbo que sufrir un pouco a unha superioridade importante en moi pouco tempo. Dous corners consecutivos serviron aos de Yago Iglesias para coñecer o camiño á portería de Marcos, camiño que tomaron ata en dúas ocasións antes do tempo de lecer.
Á media hora de xogo, unha chegada perigosa de banda a banda, pelota para Aythami, o canario xoga con Santi e este manda a pelota directa ao longueiro. O máis listo na ocasión foi Sergio Pereira que, adiantándose á defensa visitante, mandou á pelota ao fondo das mallas cun bo testarazo, lonxe do alcance do gardamallas.
Co resultado favorable, as cousas foron moito mellor. A pelota pasou a ser dominio branquiazul e xusto antes do final do primeiro tempo chegou o gol que abría unha diferenza case insalvable. Unha xogada que arrincou nas botas de Sergio Pereira, na banda dereita, e que finalizou Brais Abelenda cun gran remate. 

Segunda parte sen complicacións.
O segundo tempo, que comezou con Alex Ares tocado nunha carreira en defensa, foi moito máis tranquila. Co Compos mandando claramente no marcador, non houbo moito que destacar. Escasas ocasións, nada de perigo por parte do conxunto arousán e facilidades á hora de facer un fútbol de toque que convenceu aos seareiros. 
A mellor nova dos segundos corenta e cinco minutos, marcados pola baixada de temperatura ao igual que do ritmo de xogo, foi o gol co que se estreou Aythami. O '9' canario materializou unha boa asistencia de Miki, que contou con minutos por segundo partido consecutivo, conseguindo o seu primeiro gol en liga. O primeiro de moitos. 
Media hora por diante e cun parón para beber, o partido non contou con nada máis que destacar pensando xa na seguinte cita, importante á par que ilusionante, nas Illas Canarias contra o Mensajero. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Piscu, Uña, Naveira; Mon (Ube, min. 56), Remeseiro (Josiño, min. 68); Santi, Alex Ares, Abelenda (Miki, min. 62); e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelos para Uña, Mon e Josiño.
GOLES: 1-0 29' Sergio Pereira, 2-0 44' Abelenda, 3-0 66' Aythami. 
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario