A manter as boas sensacións

Compos e Céltiga, dous equipos que conseguiron os tres puntos na primeira xornada, buscarán manter as boas sensacións na segunda data do campionato, que repetirá escenario no caso dos nosos. Diante, un rival que non sabe o que é sumar de tres en San Lázaro e que non é quen de gañar á Esedé dende hai xa 30 anos.


En cadro.
O Céltiga chega a esta primeira fin de semana de setembro cun equipo aínda en construcción. Os de Manolo Núñez contan cun plantel curto e numerosas baixas tanto por lesión coma por sanción. Un equipo que, non obstante, buscará a súa segunda vitoria no campo branquiazul con Juanín nas súas filas, centrocampista que pasou polas filas do Estradense logo de saír de Santiago e antes de chegar á Illa de Arousa.
Cun equipo con ata seis estranxeiros, a maior cantidade na historia do clube arousán, o Céltiga arrincou a súa preparación para este curso cun triunfo diante do Umia. Superados tamén Estradense, O Grove e Celta B, os problemas do equipo foron superados a base de goles e fútbol. Aínda así, tiveron que comezar a competición oficial con só 18 homes, dos cales 4 non puideron participar na primeira xornada.
Superado o Paiosaco con remontada e dúas expulsións, hai que falar de pezas importantes para o equipo coma Marcos Bermúdez ou os goleadores Diego Lamas e Canhoto logo de baixas coma a de Paco, de novo nas filas dun Boiro con moito ex compostelanista.

Superando recén ascendidos.
A primeira xornada foi dura tanto para Compos coma para un Céltiga aínda na busca do seu estilo de xogo. Mais os dous conxuntos conseguiron os tres puntos que os colocan na parte alta dunha clasificación que lidera arestora o Somozas, seguido polos nosos no que será un curso moi igualado, duro e fermoso.
O Compos demostrou contra o Polvorín un gran nivel ofensivo comezando por un centro do campo liderado por Remeseiro. O ex do Boiro foi unha peza fundamental tanto na creación de xogo coma nos goles, asinando as dúas asistencias ás que engadir unha intervención defensiva máis que importante. Santi, que arrincou a súa terceira tempada na Esedé inaugurando o marcador, e Piscu, que non puido estrearse mellor, foron os autores dos tantos dun triunfo traballado á par que complicado.
Pola súa parte, o Céltiga tivo que agardar ao segundo tempo para meterse de cheo no encontro. Contra un Paiosaco que fixo historia co seu primeiro gol na Terceira división, os da Illa presentaron a súa mellor versión cando o equipo larachés se puxo por diante no marcador. Diego Lamas e Canhoto, en menos de dez minutos entre un e outro, fixeron os dous goles dun Céltiga que buscará a súa terceira tempada consecutiva na categoría, a 15ª da súa historia.

Un pasado positivo.
Dende o ano 1986, santiagueses e arousáns enfrontáronse nun total de 14 veces con resultados que non poden ser mellores para os intereses branquiazuis. De feito, dos 42 puntos que estiveron en xogo, os da Illa só se puideron facer cun total de 8 grazas a dúas vitorias, última hai xa 30 anos, e outros dous empates, un por vila.
En canto aos enfrontamentos na capital galega, o Céltiga só puido facer cun empate de sete enfrontamentos. O resto, seis vitorias branquiazuis con 11 goles locais e 3 visitantes. Uns datos que, sen dúbida, fan pensar en positivo de cara a unha gran cita que se repetirá menos de seis meses despois.
No último precedente, que data do pasado mes de marzo, os tres puntos quedaron en San Lázaro grazas a un gol de Primo no primeiro tempo. Unha vitoria pola mínima que aumentaba a distancia entre os nosos e o Bergantiños.

Sen máis baixas.
Rubén e Alberto seguirán sendo baixa unha semana máis. A eses dous haberá que engadir outras dúas ausencias que terá que decidir Yago Iglesias antes do encontro para confeccionar unha lista definitiva de 16 xogadores.

Vello coñecido.
O colexiado desta nova cita será o coruñés Cives Enjo. Con experiencia na categoría dende 2009, impartiu xustiza nun partido do Compos por primeira vez no ano 2013, na vitoria dos nosos contra o As Pontes. Tamén a domicilio, en 2016, estivo no empate entre Esedé e Choco. Por contra, foi tamén o árbitro do Compos-Barco do pasado ano con derrota local pola mínima.

Segunda consecutiva.
Esta será a segunda xornada consecutiva na que o Compos xogue en San Lázaro. Nesta ocasión o partido será o sábado, 1 de setembro, no teatro dos soños branquiazul. Os socios, coma sempre, entrarán de balde mentres que as entradas terán un prezo de 10 euros, 5 euros para rapaces de entre 13 e 18 anos e de balde para menores de 12.
Por contra, quen non poida achegarse ao estadio, o partido poderá seguirse a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario