Marcos Rodríguez é o primeiro xogador que anuncia a súa marcha do Compos. O centrocampista de Marín deixa o equipo e o fútbol en xeral, polo menos coma xogador, despois de dous anos defendendo as cores da Esedé. Así o fixo oficial o clube despois de que o xogador o anunciase na cea co resto dos seus compañeiros posterior ao derradeiro adestramento desta tempada.
Marcos deixa o deporte rei despois de catorce anos loitando na Segunda B, categoría na que se estreou no ano 2001 co Celta B ante o Pontevedra en Pasarón. Dende ese momento e tras seis anos no filial celeste, pasou polas filas do Logroñés, Zamora, Lugo, Tenerife e Cartagena antes de recalar no Compos na 2014/15 coa difícil misión de cubrir o posto que deixaba sen dono Gonzalo.
Na súa primeira tempada xogou 32 encontros e case 2900 minutos sendo un dos homes máis importantes para os plans de Iñaki Alonso. Mentres que este ano foi de máis a menos perdendo o posto ante Javi Moreno na segunda parte do campionato. Aínda así xogou 26 partidos, 20 ao completo. Un total de 1990 minutos contando coa confianza total dos tres adestradores que pasaron polo Compos este curso.
Con 32 anos e case 15 xogando, Marcos retírase do fútbol con máis de 25.000 minutos nas súas pernas. 11 goles e máis de 100 cartóns amarelos, anque só un vermello esta mesma tempada visto ante o Guijuelo.
Agora só queda desexarlle moita sorte a un gran xogador e gran persoa na súa vida fóra dos terreos de xogo, polo menos coma xogador.
Esta só será a primeira baixa de cara á vindeira tempada. Comeza unha nova revolución nas filas da Esedé que nun mes comezará a coller forma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario