Volve o importante

O Compos comezará este domingo un novo curso oficial lonxe de San Lázaro. O mítico estadio de Las Gaunas acollerá o primeiro encontro entre a Esedé e o Logroñés, dous dos favoitos para rematar entre os catro primeiros no mes de maio. Primeiro examen serio para dous equipos que chegan despois dunha pretempada un tanto diferente xa que o equipo rioxano só sumou unha derrota ata o momento.
Iñaki Alonso inaugurará a súa segunda tempada á fronte dun equipo renovado e con altas esperanzas. Sen embargo, contará con dúas baixas importantes en defensa. Catú pasou polo quirófano e estará de baixa, polo menos, dúas semanas máis. Por outra parte, o clube non fixo público o parte médico de Portela, que se mancou no partido ante o Boiro en Camporrapado e que podería estar de baixa ata decembro ou xaneiro. O vasco Carlos Pouso chegará con todo o equipo nun gran estado de forma.
A pretempada dos dous equipos foi un tanto diferente. O equipo rioxano preparouse ante equipos de Segunda división, Segunda B e, incluso, un rival de Primeira. O Logroñés ten a vista posta no retorno ao máis alto e demostrouno na pretempada sumando vitorias ante o Peña Sport, primeiro rival do Compos en San Lázaro; Bilbao Athletic, novo equipo de Segunda, e o filial do Alavés. Ademais, saldou con empates os encontros ante o Alavés, Guijuelo, Izarra e Numancia e só coñeceu a derrota no encontro ante o Eibar de Primeira división pola mínima. 14 goles a favor, 4 de Carlos Fernández e 3 de Iker Alegre, e 7 en contra avalan a un equipo que busca mellorar o feito a pasada campaña, onde remataron cuartos caendo na promoción de ascenso.
En canto á última visita do conxunto branquiazul a Las Gaunas, o resultado foi de empate a tres goles. Un partido onde os dous equipos remataron con dez mostrando máis efectividade que fútbol. Cabe destacar o empate do equipo local en cuestión de dous minutos cando xa todo facía pensar que os nosos voltarían a casa cos tres puntos. Jimmy, que foi expulsado; Mensha e Jordan foron os autores do equipo branquiazul. Pola súa parte, Muneta, Santos e Uri, estes dous saíndo do banco de suplentes, igualaron o resultado sen tempo de reacción posible. 
O partido será este domingo ás 20 horas en Las Gaunas sen televisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario