O Compos recupera a normalidade na casa. Chegou a primeira vitoria da tempada e, para non variar o guión, cunha vitoria traballada, sufrida e para nada fácil. Un recén ascendido que non chegou a Santiago de turismo e, a pesar de estar baixo o mando do equipo galego, gozou das mellores ocasións do partido para levarse algo máis. Un gol de Gerard Oliva, aproveitando un erro imperdoable do porteiro, foi suficiente para rematar con algo positivo por fin. Ademais, cabe destacar que hoxe o noso gran lateral Jimmy xogou o seu partido número 250 co primeiro equipo aumentando a súa lenda.
Despois da gran derrota recibida en Logroño, era o momento de mostrar melloras ante a familia branquiazul tres meses máis tarde. O encontro comezou coa Esedé buscando un dominio do esférico e crear ocasións a base de xogo de toque, sen presas pero sen pausa. Dominio total do centro do campo, algo desaparecido na primeira xornada. Cada pelota pasaba polos pés da columna vertebral deste equipo que promete dar moita guerra ata o final da campaña coa promoción de ascenso como obxectivo principal.
Ante un gran muro vermello, o Compos non foi capaz de meter man. Xogadas en zona de tres cuartos pero sen ocasións claras de perigo exceptuando un testarazo de Gerard Oliva aos dez minutos que saiu por enriba do longueiro da portería defendida por Jorge. Por contra, no outro lado do campo, Pato tivo que intervir para evitar que unha falta botada polos navarros rematase no fondo da portería.
Na segunda metade, un pouco máis do mesmo. Pero nesta ocasión si chegou a recompensa ao traballo ben realizado dende o primeiro tempo. Con pico e pala buscando un oco na defensa navarra, Gerard Oliva o que atopou foi un erro do porteiro para facer o seu primeiro gol en partido oficial nesta tempada, un de moitos.
Co gol, o Compos mantivo o esférico pero agora sen arriscar o máis mínimo e buscando perder todo o tempo posible, algo que acabou custando dous cartóns amarelos. Xogando co reloxo, os nosos gozaron dalgunha oportunidade para aumentar diferenzas. E, de novo, apareceu Pato baixo os paus da nosa portería para salvar o empate ante un equipo que non quixo baixar os brazos en ningún momento.
Finalmente, a Esedé mellora a súa imaxe a catro días de visitar ao Tudelano en Copa do Rei e o Peña Sport perde o seu primeiro partido oficial dende o ascenso á categoría de bronce despois de dúas vitorias.
ALIÑACIÓN: Pato; Jesús Varela (Josu, min. 60), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos; Javi Moreno, Dani Hernández, Fondevila (Jordan, min. 52); Orbegozo e Gerard Oliva (Joaquín, min. 69).
CARTÓNS: Amarelos para Pato, Catú, Jesús Varela, Marcos e Josu.
GOLES: 1-0 50' Gerard Oliva.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario