Despois duns días de relativa calma, chegaron máis novas desde San Lázaro. Unha baixa máis, unha posible renovación e a primeira renovación confirmada. Como resumo, Julen deixa o equipo, Adrián podería continuar e Catú seguirá un ano máis defendendo as cores que leva no corazón.
Julen chegou ao comezo da tempada chegado do San Juan navarro. 22 anos e con moito fútbol por diante, apenas puido gozar de 266 minutos divididos en 10 encontros. Deixa o equipo despois dun ano difícil, onde as lesións foron constantes, e no que non puido facer ningún gol.
Adrián recibiu unha primeira oferta para seguir na Esedé unha tempada máis. Despois de dous anos defendendo as cores do equipo da capital, o porteiro coruñés podería manterse outro ano. Chegou para loitar pola titularidade con Christian e rematou como amo da portería merecidamente e mantendo a porta a cero en vinte encontros. Pola súa parte, esta tempada participou en 29 encontros encaixando 29 goles. Unha tempada un tanto irregular pero máis que suficiente para gañar o posto a Lorenzo, a diferenza da tempada que compartiron os dous no Pontevedra.
E de momento podemos anotar o primeiro nome do equipo para a vindeira tempada. Catú seguirá un ano máis no Compos despois de aceptar a oferta de renovación proposta fai unha semana. A piques de cumplir 24 anos, podería xogar a quinta tempada no equipo. Un dos capitáns da Esedé e con moito futuro por diante, é o primeiro xogador do plantel 2014/15.
Ningún comentario:
Publicar un comentario