A directiva do Compos está limpando unha vez máis o equipo de cara á vindeira tempada. Oito baixas máis e só unha oferta de renovación son os resultados do segundo día de negociacións. Ademais, hoxe pasou polas oficinas Joselu, que escoitará á Esedé antes de confirmar un rumor que confirmou o presidente do Almería, quen afirmou ter case firmado o acordo co de Palmeira.
Borja Facal, que chegou á Esedé fai dous anos para ocupar a praza vacante que deixou Rego no lateral, foi o único que saiu hoxe da casa branquiazul cunha oferta de renovación sobre a mesa para que continúe por terceira tempada consecutiva, algo dos que poucos poden presumir neste equipo nos últimos anos.
Por contra, Lorenzo e Jacobo deixarán o equipo despois dunha tempada sen moitos minutos. O segundo xa tivo a porta de saída aberta en xaneiro pero unha lesión fixo que non puidera voltar ao Pontevedra, equipo que buscou o seu retorno. Jorge e Nacho tampouco pasaron por un bo momento no equipo e, como era previsto, tampouco seguirán vestindo de azul e branco a vindeira tempada.
Germán non firmará por cuarto ano consecutivo despois de que a directiva non lle ofrecese a renovación. O central, que non tivo minutos desde a chegada de Catú e Castiñeiras, é un dos poucos que pode presumir de ser un dos protagonistas no ascenso tanto á Terceira como á Segunda B.
En canto ás sorpresas, Jesús, Yahvé e Gonzalo deixan o Compos despois de dous anos de bo fútbol. No caso do lateral, indiscutible con Fredi, chegou para loitar na Segunda B. Gañou o posto a Borja Facal e o cariño da familia branquiazul con cada carreira pola banda demostrando un gran nivel. Yahvé non contou para Fredi nos últimos partidos e a súa marcha parecía un pouco máis probable nas últimas semanas. O extremo vigués marcha sen a confianza da directiva pero con moito cariño desta gran familia. E por último, a máis sorprendente é a marcha de Gonzalo. O coruñés foi o director dunha orquesta desde o centro do terreo de xogo sendo un dos imprescindibles. Baixa moi difícil de suplir dun xogador que podería rematar nalgunha categoría superior.
Mañá máis e agardemos que mellor. Sen embargo, o capítulo das altas non comezará ata rematar as reunións con todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario