O Compos está noventa minutos máis preto de ascender a Segunda B despois de empatar en El Carmen nun partido moi complicado. Un partido onde o Compos tivo que loitar contra un CD Ebro que foi de máis a menos, o terreo de xogo e o vento, que se fixo notar en El Carmen. Joselu aumentou o seu idilio co gol e suma dous máis nun novo partido marabillando esta vez as terras aragonesas.
O CD Ebro adiantouse en menos de dez minutos coa intención de lograr unha remontada histórica. Un gol despois dun córner, algo que intentou aproveitar o conxunto maño durante todo o partido, ante o que pouco se puido facer para evitalo.
Por parte do Compos tivemos que agardar vinte minutos nada máis e nada menos para poder presenciar a primeira chegada do equipo santiagués cun disparo de Jordan que non foi entre os tres paus. Primeira ocasión para confirmar a melloría dun equipo que non se atopou cómodo en ningún momento nun campo de herba artificial e de proporcións máis pequenas que a alfombra de San Lázaro.
E apareceu el, o artífice de facer soñar a unha afección, a unha cidade. Joselu volveu a demostrar que a el non lle importa o estado do campo nin o tempo que faga. El só ten na cabeza a portería contraria e unha vez máis puxo en pé á representación branquiazul no campo de El Carmen.
Despois do gol, o Compos mellorou aínda que sen atopar comodidade nun campo moi diferente a San Lázaro pero sen deixar ao Ebro poder manexar o esférico ao igual que no encontro de ida.
A segunda metade comezou igual que a primeira, co Ebro superior, máis lanzado e buscando a portería de Adrián. E só tres minutos despois da reanudación chegou unha acción que puido cambiar o rumbo do partido. Penalti a prol do equipo local e Germán expulsado por dobre amonestación despois de haber visto o primeiro cartón na primeira metade. Por sorte, demostrando unha vez máis o seu gran nivel, Adrián parou o penalti aumentando a ledicia da afección compostelanista.
Por desgraza, só cinco minutos máis tarde o equipo aragonés errara un penalti, chegou o segundo gol. Un novo gol tras unha xogada a balón parado. Un novo córner que ninguén do Compos despexa e aproveita un xogador do Ebro para facer o segundo.
A pesar do segundo, o Compos mantivo unha certa tranquilidade pensando no partido da vindeira semana, partido de ida da segunda ronda da promoción. E de novo apareceu Joselu cunha xogada individual e un golazo para avisar que veña o que veña a San Lázaro nas seguintes rondas terá que verse con el.
A partir de aí non houbo nada máis comentable. De feito a mellor nova dos últimos minutos foi a volta de Nogueira a un terreo de xogo ocupando o posto do gran Joselu.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo, Germán; Yahvé, Jordan -Peláez, min. 66-, Joselu -Nogueira, 78-; e Marcos Suárez -Manu Rodríguez, min. 55-.
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy e Yahvé. Expulsado Germán por dobre amonestación.
GOLES: 1-0 9' Arribas, 1-1 37' Joselu, 2-1 53' Bressel, 2-2 71' Joselu.
ESTADIO: El Carmen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario