Amosando publicacións coa etiqueta Este ano si. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Este ano si. Amosar todas as publicacións

SOMOS DE SEGUNDA B!

Logo de catro anos, e varias horas dende que se conseguiu tal fito, o Compos volve á Segunda B. Unha Segunda B diferente, que de novo volverá ter unha boa representación de equipos galegos co ascenso do cadro santiagués e o descenso histórico, que aínda está por ver se se leva a cabo, do Deportivo. Unha Segunda B que contará con dúas fases e un calendario moi diferente pero que traerá de novo moitísima ilusión á cidade como xa o fixo o equipo dirixido por Yago Iglesias, ao que moito hai que agradecer, durante estes catro anos de gran fútbol e que deixan a categoría nun campo incomparable como é Balaídos e o 25 de xullo, que podía saír mal? 

Primeiro tempo sen balón.
Tentando repetir o feito fronte ao Barco, o Compos non buscou tanto a posesión do esférico fronte a un Ourense moi ben en defensa, sen ocos, e con Adri Castro na parte máis adiantada do xogo sendo unha constante ameaza para a zaga branquiazul. Foi, de feito, o dianteiro cedido polo Deportivo o encargado de transformar un centro de Murilo dende a banda. Un bo gol que, na parte positiva, chegou con moito tempo por diante para buscar igualar o resultado.
Co resultado en contra, chegaron un pouco os nervios. O Compos xa buscou algo máis a posesión do esférico pero sen conseguir poñer en perigo a portería defendida por Parra máis alá dun par de intentos de Saro e algún centro de Hugo Sanmartín que non atopou rematador. Non obstante, o Ourense pasou a facer un xogo un tanto máis duro, freando as acometidas branquiazuis e sacando do partido a algún xogador coma Bicho, que recibiu un cartón amarelo por protestar. 

E volveu o Compos. 
Logo do paso por vestiarios, o Compos volveu ser ese equipo que, con balón, domina e non ten case rival. O estilo que chegou con Yago Iglesias a Santiago e que, logo de catro anos, tres deles en fase de ascenso, gañando dúas ligas e cunha pandemia mundial polo medio, nos levou á categoría de bronce. 
A entrada de Brais Abelenda por Hugo Sanmartín serviu para aproveitar as amoestacións dos xogadores do Ourense e darlle máis velocidade ao xogo na banda. De feito, o de Bembibre non precisou máis de un minuto para crear a primeira ocasión, que non foi quen de materializar Bicho na área. 
As ocasións sucedéronse sobre a portería de Parra, con máis ou menos puntería pero cunha alta intensidade no xogo branquiazul. Unhas tarefas ofensivas que puideron ter o seu froito mediado o segundo tempo cun gol de Primo a pase de Jimmy que o asistente do colexiado invalidou por fóra de xogo un tanto dubidoso, que sería por milímetros no caso de ser así.
Superado o gol anulado, só pasaron tres minutos ata que unha nova entrada de Brais Abelenda á área ourensá rematou co extremo no chan por falta de Cassio, que non vería o segundo cartón con esa entrada. E dende os once metros, Pablo Antas, a Fresadora de Monterroso, non o dubidou e asinou o gol do empate. Un gol que valía o ascenso. 
Algo máis de vinte minutos por diante máis o engadido, que foron outros dez a maiores, para asegurar o ascenso. Non sería doado contra un dos mellores rivais dos últimos anos, mais o paso dos minutos, con algunha que outra perda de tempo que supuxo un cartón amarelo para Pato, deixou o camiño máis claro. Hai que dicir tamén que os nervios, como é obvio, estaban ao máximo e deixaron así as expulsións de Soto e Murilo nunha lea formada logo dunha falta sobre Gabri. 

Catro anos de proxecto. 
Catro anos pasaron para que xente como Yago Iglesias e Rodri Veiga levaran a este equipo onde merece. Catro anos nos que pasaron pola Esedé grandísimos xogadores coma Lucas, agora nas filas do Racing de Santander e xa con minutos na Segunda división; Alex Ares, Aythami, Santi Gegunde, Marcos Remeseiro, Róber e unha larga lista de homes na que non poden faltar dúas lendas deste equipo como son Juan Cabrejo e Recoba. Tamén hai que falar de xente cun gran futuro como Ube, Ander, Sobrido, Tomás Abelleira, Mon ou Naveira, aínda cunha boa carreira por diante. 
Catro anos nos que se buscou facer un EQUIPO, un bloque de xogadores cos que conseguir todo e que comezou con Yago, Samu e Saro chegando dende Noia e que, se todo vai ben, serán parte do equipo o vindeiro curso por quinto ano consecutivo. 

Jimmy, talismán. 
Estivo en 2009, ascendendo en Monzón. Estivo en 2013, ascendendo en Cieza. E estivo en 2020, ascendendo en Balaídos. Sen dúbida, Jimmy non é só o xogador con máis partidos da historia do Compos senón que tamén é sinónimo de ascenso, sumando tamén outro anterior á Terceira división. Un lateral, un xogador, un capitán que coñece como ninguén este clube no que, a vindeira campaña, repetirá na Segunda división B onde tantas boas tardes de fútbol ofreceu. 


Estamos na Final!

Primeiro paso dado. O Compos superou ao Barco nun partido igualado onde os valdeorreses levaron o peso do xogo en boa parte dos case cen minutos desputados mentres que os nosos puxeron as ocasións e, sobre todo, os goles. Catro tantos na volta do fútbol á Terceira galega e un merecido pase á Final do vindeiro sábado para os homes de Yago Iglesias logo de saber aproveitar á perfección os agasallos rivais e defender á perfección cada intento de resposta. 

En menos de vinte minutos. 
Por todos era sabido que sería un partido igualado, fronte a un Barco que buscou poñer en problemas a Pato dende o balón parado, sen conseguir facer dano co esférico en xogo. Non obstante, todo o ben que puideron facer de medio campo para diante os valdeorreses, o estragaron en defensa. 
Nin dez minutos tardou o Compos en adiantarse. Carreira de Miki pola dereita, banda na que non tivo rival, e centro á outra banda. Brais lévase ao contrario e apareceu por detrás Jimmy para pegarlle de volea e mandar a pelota ao fondo das redes. Un gran gol do lateral que xa marcara na vitoria da primeira volta no Vero Boquete. 
Con calma, o Compos seguiu buscando a portería contraria. Bicho tentouno dende lonxe e o seu disparo foi directo a córner. Así caeu o segundo da tarde aproveitando outro erro defensivo. Centro ao primeiro pau que prolonga Soto e non perdoa Primo no segundo, libre de marca, anotando a pracer. Golazo do cántabro que servía para deixar ao equipo moi preto da seguinte rolda. 

Oviedo, protagonista. 
Sen dúbida, un dos grandes protagonistas do xogo foi o gardameta do Barco. Oviedo foi un serio problema para o Compos evitando que Primo puidera ampliar diferenzas en varias ocasións e privando a Miki de pechar un gran encontro evitando dous goles do 'lóstrego' de Nigrán. 
Por contra, no segundo tempo, despois de evitar un gol de Baleato, estivo a piques de meter en serios problemas ao seu equipo con dúas saídas da área nas que provocou dúas perdas importantes de balón, que non remataron en nada, e forzando un cartón amarelo por unha falta sobre Bicho evitando así o que podería ser o terceiro gol branquiazul. 

O Barco non se rendiu. 
Co segundo gol no marcador, o Compos deixou de ter a posesión do esférico pasando a mans do Barco. Levaron o peso do encontro mais sen conseguir crear ningunha oportunidade de perigo máis alá dalgunha ocasión a balón parado. Foi, como non, deste xeito como conseguiron meterse no partido xusto antes do final do primeiro tempo cun gol olímpico de David Álvarez. 
Durante toda a segunda metade tiveron a pelota. Dominaron a posesión e toparon cun muro case insuperable formado pola defensa da Esedé, á que engadir a Baleato na última media hora. De todos xeitos, non souberon, ou non tiveron a opción, asinar o gol dun empate que serviría ao Compos para pasar igualmente de fase. 

Os trocos, fundamentais. 
Volta ao traballo logo de catro meses e problemas físicos importantes nos dous equipos. O Barco esgotou os cinco trocos a falta de dez minutos para o final, quince se sumamos o engadido, mentres que Yago fixo o cuarto xa no tempo de prolongación. 
Baleato pasou a ser unha peza fundamental en traballos de contención e iniciación do xogo mentres que Hugo Sanmartín tivo nas súas botas o que puido ser o terceiro. Non obstante, os trocos que decidiron definitivamente o partido foron os de Josiño e Gabri Palmás facendo o terceiro tanto con só tres minutos sobre o terreo de xogo. Asistencia do de Bueu e gol do moañés deixando sen ningún tipo de opción a un Barco que pelexou e por momentos mereceu algo máis. 

Ourense CF e Arosa mediranse este domingo polo outro posto na final do vindeiro sábado. Un partido importante para saber como chegan os outros dous equipos a nivel físico con moito en xogo. O Compos, pola súa parte, ten unha semana para preparar 90 minutos fundamentais. 

Volve o espectáculo

Logo de máis de catro meses, o Compos volve á acción sobre un terreo de xogo. Nunha fase de ascenso diferente ao que estamos acostumados e, por desgraza, contra un equipo galego, o cadro branquiazul buscará este sábado o pase á final onde se mediría ao gañador do Ourense-Arosa. Noventa minutos de gran fútbol fronte a un rival complicado e no mellor escenario posible do fútbol galego. Só faltarán os afeccionados. 


Con menos tempo. 
Se ben o Compos foi dos primeiros en arrincar a súa preparación para esta fase de ascenso post-corentena, o Barco non tivo esa sorte. O equipo, a priori, de menos nivel dos catro que pelexarán por estar nunha Segunda B tamén moi diferente. 
O Centro de Deportes Barco pechou a liga regular na cuarta posición, igualado a puntos co Arosa e con catro puntos máis ca o Choco. Un equipo que, con 47 puntos de 81 posibles, foi quen de clasificarse para a primeira fase de ascenso á categoría de bronce da súa historia. Un equipo que nos seus 27 partidos conseguiu un total de 15 triunfos. Ademais, 2 empates e 10 derrotas, resultados que servirían aos nosos para pasar de rolda para un equipo con tanto acerto de cara á porta como con problemas en defensa. Tal é así que os valdeorreses anotaron e encaixaron o mesmo número de goles, 40, sendo o quinto equipo con máis gol e o sétimo con peor defensa. 
Dentro do feito ata agora, confirmáronse como o terceiro mellor local sobre o verde de Cabalagueiros, conseguindo só o triunfo fronte ao Somozas por máis dun gol de diferenza. Unha sorte que non tiveron a domicilio, conseguindo 19 puntos que o deixan como o sexto mellor visitante da categoría con resultados curtos e demostrando de novo ter ben tomada a medida ao Somozas gañando na Ferrolterra por outros tres goles de vantaxe. 
A nivel individual houbo unha parella que deu máis dunha dor de cabeza ás defensas rivais. Trátase de Juanito Bazo e David Álvarez. Entre os dous anotaron un total de 23 goles, 13 e 10 respectivamente, anotando máis da metade do total do equipo. 

Este ano si. 
Moitos anos pasaron dende que o Compos visitou por primeira vez o campo valdeorrés ata que chegou o primeiro triunfo. Trinta e tres anos, para ser algo máis exactos dende que o equipo branquiazul xogaba por primeira vez en Calabagueiros caendo pola mínima. E tres décadas despois...
A chegada de Yago Iglesias e compañía en 2016 abría en Santiago un novo comezo, unha nova etapa cun proxecto a medio prazo e as ideas claras. Non obstante, durante os seus tres primeiros anos atopouse cunha pedra no camiño chamada Centro de Deportes Barco. E é que nos seis primeiros enfrontamentos, o equipo ourensán foi quen de gañar en tres ocasións, todas pola mínima, e sacar dous empates, ambos os dous a un gol, mentres que o Compos só puido gañar nunha ocasión, grazas a un gol de Brais Abelenda.
Pero este ano foi diferente. Unha das mellores campañas da historia do Compos e que non só incluíu un gol de Jimmy no Vero Boquete para sacar tres puntos de ouro senón que, ademais, chegou en Calabagueiros a vitoria máis importante do curso. Unha goleada, cinco tantos de diferenza, con 'hat-trick' de Primo e que completaron Pablo Antas e Hugo Sanmartín. Dous resultados que ben poderían servir aos nosos.

Catro meses despois.
Hai xa catro meses que rematou a liga por mor da Covid-19 poñendo punto e final tamén a unha mala xeira de resultados do Compos, a peor da tempada, mentres que o Barco encadearía dous resultados que o confirmarían nos postos altos da clasificación. 
Durante toda a tempada, o Compos ocuparía os postos máis altos da clasificación, pelexando pola primeira praza contra un Ourense CF e chegando a sacar un total de catro puntos un mes antes. Non obstante, a visita ao Anxo Carro e, sete días despois, a da UD Ourense ao Vero Boquete, deixaron ao equipo compostelanista sen puntos nas dúas últimas xornadas coa sorte de que o Ourense CF non sería quen de pasar do empate en As Pontes e que perdería na casa fronte ao Silva quedando segundo. 
Pola súa parte, o Barco pasou gran parte do curso pelexando pola terceira posición, a primeira dispoñible por mor do gran ano de Compos e Ourense Clube de Fútbol. Algo irregulares, conseguiron encarrilar ese mal momento nas últimas xornadas encadeando dúas vitorias consecutivas, fronte Rápido de Bouzas e Lugo B. 

Cambian algo as normas. 
Xa non pode quedar ninguén que non o saiba xa pero nunca está de máis recordar certas cousas. Para esta fase de ascenso 'exprés', o Compos, como campión, ten unha vantaxe extra e é que no caso de empate, clasifica para a final ou ascende, no caso do seguinte xogo. Ademais, para evitar problemas físicos duns xogadores que tiveron que pasar máis de dous meses sen poder exercitarse en condicións, poderán realizarse 5 trocos, cun máximo de tres paróns, o número de integrantes no banco de suplentes aumenta e haberá unha pausa de hidratación aos trinta minutos de cada tempo. 

Unha baixa confirmada por equipo. 
Con este final inesperado, a RFEF confirmou que os que foran baixa por sanción na seguinte xornada de liga, ben sexa por cartón vermello ou por acumulación de amoestacións, serían baixa nas semifinais desta fase de ascenso e para esta cita será un xogador por equipo o que non poderá axudar aos seus. 
Por parte do Compos, Pablo Antas non poderá estar sobre o verde. O lugués viu o quinto cartón amarelo e chegaría seguro á final de superar ao Barco. Quen tampouco poderá estar, neste caso no banco, será Yago Iglesias. Foi expulsado contra a UD Ourense e terá que seguir o encontro dende a bancada. Por contra, Álvaro Casas apunta á titularidade malia pasar hai uns días polo quirófano logo de romper un dedo da man nun adestramento.
No lado do Barco será Pisón a única ausencia por este motivo despois de ver o quinto cartón amarelo na vitoria valdeorresa contra o Lugo B. 

Sábado de praia e fútbol. 
Balaídos acollerá tres dos partidos máis importantes para o fútbol galego neste ano en cousa de sete días e comezará co campión. Compos e Barco enfrontaranse o sábado ás 19:30h no estadio vigués. Unha tarde que se prevé calurosa e un partido que non se poderá ver nas bancadas mais si en televisión grazas á TVG, xa que nun principio sería Footters o que ía dar en exclusiva as fases de ascenso tanto á Segunda como á Segunda B.
Quen queira seguir, tamén, o partido con nós, poderá facelo na nosa conta de Twitter onde buscaremos facer un seguimento completo ao que ocorra sobre o verde de Balaídos. 

Balaídos ten a chave

Queda moi pouco para que chegue o desenlace desta tempada, moi lonxe do normal, en Vigo. Balaídos terá a chave da Segunda B para catro equipos que se van citar coa historia entre o 18 e o 25 de xullo no único campo galego da Primeira división. Un campo que o Compos xa coñece ben e onde asinou moi bos resultados nos seus mellores anos. 
En numerosas ocasións, e en diferentes categorías, mediron forzas Compos e Celta de Vigo no campo celeste. Un emparellamento moi igualado, en citas oficiais, e que deixaron moi bos recordos na afición santiaguesa, sobre todo se falamos dos catro cursos no máis alto. Non obstante, a sorte noutras categorías non foi a mesma. 
A primeira cita data de 1980, nunha Segunda B onde se xuntaron cos tres grandes da nosa terra e que anos despois se volverían atopar na Primeira división. Un partido onde se adiantaron os vigueses no primeiro tempo e no que habería ata catro goles nos dez últimos minutos rematando cun contundente 4-1 sendo Julio Prol o autor do único gol branquiazul. Mesma sorte, aínda que cun resultado moito máis igualado habería unha tempada máis tarde, neste caso na Copa do Rei, onde caerían os nosos eliminados pola mínima.
Da Segunda B á Segunda división. En 1992 volverían verse as caras en Balaídos e, de novo, repetindo o 4-1 de anos atrás. Tono faría o gol da Esedé mentres que Cea, en propia porta, e Gudelj, cun 'hat-trick', completarían a goleada celeste. 
E de Segunda a Primeira para verse de novo nunha terceira categoría diferente xa con máis sorte para os nosos xa que sería, en 1994, cando chegaría a primeira vitoria compostelanista en Vigo. Os locais serían quen de adiantarse cun gol de Gudelj mais Pichi Lucas e Ohen darían a volta ao resultado para volver cos tres puntos. Tamén pola mínima, só un ano despois, chegaría un novo triunfo grazas a un único gol de Bellido no segundo tempo diante dun Celta que xogou máis da metade do encontro cun home menos pola expulsión de Merino. Algo máis houbo que pelexar en 1996 para encadear un novo triunfo malia adiantarse os nosos cun gol de Passi, ao que respondería Gudelj e que recuperaría a vantaxe Penev. 
A única ocasión na que houbo reparto de puntos entre ambos os dous conxuntos foi en 1998, na última visita oficial dos nosos a Balaídos e que supuxo que a Esedé tivera que desputar a promoción de permanencia, na que caería fronte ao Villarreal, malia sumar 10 dos últimos 12 puntos en xogo. Tal foi así que o Compos foi quen de poñerse por diante ata en dúas ocasións, na primeira grazas aos goles de Chiba e Lekumberri superando o tanto inicial de Berges e de novo cun gol de Sion logo do empate de Juan Sánchez. Non obstante, Moisés asinaría o 3-3 definitivo xa no tempo engadido. 

Un estadio mundialista.
Na historia de Balaídos atópase incluso un Mundial. Na edición de 1982, que se xogou en España, desputáronse tres partidos da fase de grupos, todos os que xogou nesta fase o combinado de Italia e que empataría nas tres ocasións clasificándose para as eliminatorias como segunda de grupo e que posteriormente sería a campioa. 

Campos profesionais na Terceira galega. 
Obviando que tanto o Vero Boquete de San Lázaro, O Couto e A Lomba foron no seu tempo campos de fútbol profesional e que Abegondo o é no fútbol feminino co Deportivo Abanca, este ano hai que destacar tamén que os tres estadios dos equipos de fútbol profesional galegos viviron, ou vivirán coma no caso de Balaídos, fútbol da Terceira división. 
Riazor acolleu ao Bergantiños no seu partido de Copa do Rei fronte ao Sevilla, onde os carballeses non estiveron tan lonxe de dar a sorpresa, e tamén o enfrontamento entre Fabril e Bergantiños. Pola súa parte, o Anxo Carro recibiu ao Compos na derradeira saída da competición regular e do que os homes de Yago Iglesias volveron sen nada. 

Algo de historia

Se ben é certo que esta tempada foi un tanto diferente ao habitual e que tampouco rematará do xeito ao que estamos acostumados, o Compos xa tivo que vivir moitas cousas do estilo ao longo da súa historia. Porque, ao igual que acaba de vivir unha Terceira atípica, tamén tivo que competir nunha Primeira división con 22 equipos na que foi quen de ser subcampión de inverno. Tamén hai que falar de diferentes formas de ascenso nas que os nosos acadaron o éxito. 

De ascensos directos...
Comezamos isto en 1977. Chegaba a Segunda B e nela estréase un Compos que viña de ser noveno a tempada anterior na Terceira división, polo cal ascendeu directamente á que sería a nova terceira categoría do fútbol español e na que non aguantaría o equipo máis dunha tempada, descendendo na última xornada logo de empatar fronte ao Galáctico Pegaso. O paso pola Terceira división foi curto xa que dous anos despois chegaría un novo ascenso, tamén sen a obriga de pasar pola fase de ascenso, logo de ser campións na última xornada, na que un empate fronte ao Noia sería suficiente. Unha segunda etapa que, agora si, duraría 6 cursos. 
En 1986 volve descender o equipo á Terceira división repetindo, en 1990, o conseguido dez anos atrás xa con Fernando Castro Santos no banco. Un adestrador con experiencia no Pontevedra e Arenteiro, de onde procedía, e que volveu facer ao equipo campión con varias semanas de antelación, conseguindo o ascenso directo á Segunda B. Comezaba a época dourada dun Compos que en 1994 chegaría ao máis alto do fútbol estatal da man do de Poio.

Ás fases. 
Sería en 1991, só un ano despois de chegar á categoría de bronce, cando conseguiría o primeiro fito histórico do clube ascendendo ao fútbol profesional. Quedando terceiro clasificado na liga, perdendo o segundo posto na última xornada en Xetafe, foi preciso pasar por unha fase de ascenso en forma de liga de 6 xornadas onde o Compos superaría a Alavés nos dous partidos, Alcoyano e Badajoz, este na derradeira xornada, conseguindo o ascenso á Segunda división por primeira vez na súa historia. A primeira fase de ascenso, superada. 
Tres anos estaría o Compos na división de prata antes de conseguir un gran terceiro posto que o levaría a unha nova fase de ascenso e, como non, diferente á anterior. Se antes houbo que falar dunha pequena liga, ás portas do máis alto agardaba un Rayo Vallecano que tería a posibilidade de, a dobre partido, salvar a categoría. Non obstante, aquí chegaría unha diferenza que non se daría anos despois. E é que despois de dous empates, habería que xogar un terceiro encontro onde gañaría o Compos, moi superior. 
A diferenza chegaría catro anos máis tarde, en 1998. O Compos acabaría décimo sétimo, en postos de promoción de permanencia e tería que enfrontarse ao Villarreal. Empate sen goles no Madrigal e de novo empate a un gol en San Lázaro. Ascendería o equipo amarelo polo gol fóra da casa en vez de xogarse un terceiro partido como ocorreu anteriormente co noso equipo. 
Tres anos en Segunda división e volta á Segunda B, onde só fixo falta só unha tempada para asinar un novo ascenso á categoría de prata. Sería nun grupo con Mérida e os filiais de Barcelona e Valencia onde se conseguiría o último ascenso ao fútbol profesional, onde puideron aguantar un ano descendendo por temas extradeportivos. 
Logo de catro anos intentando sobrevivir en Preferente, o equipo volveu á Terceira división en 2008 para, xa con Jimmy no once, ascender ese mesmo curso á Segunda B na fase de campións contra o Atlético de Monzón, ao que chegaría Pato posteriormente. Non obstante, ese paso pola Segunda B volveu acompañado doutros problemas que levaron ao equipo, de novo, á Preferente, onde pasarían outros dous anos. 
E chegamos xa á última fase da que falar neste apartado, en 2013. O equipo, que chegaba de ascender á Terceira, non pasou máis dun ano na categoría asinando unha impecable fase de ascenso. Ebro, San Juan e Cieza víronse superados polo equipo de Fredi Álvarez nun mes e medio inmellorable e que abriría as portas do fútbol estatal por outros tres anos.

E chegou Yago. 
Tres anos na Segunda B, cun último do que pouco se pode dicir, acabaron cun descenso de categoría e un cambio radical nun equipo onde só se mantivo a Mon. Ao banco chegou, procedente do Noia, Yago Iglesias acompañado de xogadores coma Saro e Samu, fixos dende o primeiro día. Un adestrador co que se conseguiron, en catro anos, cousas que quedarán sempre na historia. 
O primeiro ano foi de transición. Buscou facerse unha primeira base, onde se manteñen os dous antes nomeados, e o resultado foi un sétimo posto quedando a só seis puntos do Bergantiños, cuarto clasificado. Non obstante, quedou claro o estilo de xogo e os problemas que darían ás defensas rivais os atacantes branquiazuis. 
Foi na segunda tempada cando se demostraría que o equipo ía moi en serio. Chegou o primeiro campionato de liga na 'era Yago Iglesias' e a primeira fase de ascenso no que o Compos non conseguiría o obxectivo. Con dúas finais, a primeira fronte ao Espanyol B, con derrota clara a domicilio, e unha segunda, despois dunha remontada importante ante o Terrassa, contra o Salmantino. 
O equipo reforzouse para un novo curso onde aumentaría o nivel coa presenza do Racing de Ferrol. Non obstante, o equipo acabaría terceiro en liga pelexando na fase de ascenso contra o filial do Alavés, dirixido por Iñaki Alonso. Unha gran campaña realizada polos nosos e que non tivo recompensa por moi pouco. Ademais, conseguíuse, logo de moitos anos, gañar un partido na Copa do Rei. 
E chegamos ao presente. O equipo estaba a facer, antes da pandemia, unha campaña histórica. Só catro derrotas e outros tantos empates. Encadeando case unha volta enteira sen perder, só tres puntos perdidos na casa e batendo un récord de imbatibilidade por parte de Pato. Ademais, coa volta de Primo mellorou o equipo de cara a gol cunha dianteira na que comparten eficacia o cántabro e Brais Abelenda. É, ademais, a primeira vez que un adestrador gaña dúas ligas en categorías nacionais co Compos quedando só por acadarse o ascenso. 

Unha fase atípica. 
Despois de ascensos directos, fases de ascenso contra equipos doutra categoría, ligas a ida e volta entre catro equipos, fases de ascenso a unha, no caso dos campións, ou tres roldas; chega unha fase de ascenso entre os catro equipos do mesmo grupo, onde só ascende un e no que o campión terá como privilexio pasar, ou ascender no caso da Final, con só empatar, algo que tamén terá favorable o Ourense fronte ao Arosa e que tería o cadro arlequinado sobre o Barco nunha hipotética final. 
Ao anterior hai que engadir que a sede do xogo será Balaídos e que depende da Xunta a posibilidade de que haxa afeccionados nas bancadas dun dos estadios máis grandes da nosa terra, permitindo a posibilidade dunha boa cantidade de afeccionados. 

Falemos de ascensos

Queda un mes para que os catro equipos galegos salten ao terreo de xogo de Balaídos na busca dun ascenso á Segunda B logo dunha tempada fóra do normal. Compos, como campión; Ourense, Arosa e Barco medirán forzas e demostrarán que volveron ben do parón obrigado. 
Unha fase de ascenso que, se ben neste caso será moi diferente, coñecen xa varios xogadores que se verán as caras, sendo Jimmy, Catú e Manu Rodríguez autores do último ascenso da Esedé á categoría de bronce. 

Sociedade Deportiva Compostela. 
Seis son os xogadores do Compos que xa coñecen o camiño dende a cuarta categoría do fútbol estatal á Segunda división B no que sería o quinto ascenso branquiazul á categoría de bronce e que suporía a décimo quinta tempada dos nosos no terceiro escalón do fútbol español, categoría que perderá un nivel na tempada 2021/22. 
Ese chimpo dende a Terceira á Segunda B xa o conseguiron varios xogadores do plantel branquiazul entre os que hai que destacar a Jimmy. En 2009 conseguiría o seu primeiro ascenso á división de bronce mentres que en 2013 repetiría tamén con Fredi no cargo de adestrador. Ese mesmo ano, David Soto faría o propio nas filas do Celta B.
No verán anterior, en 2012, Pato formaría parte do plantel do CD Ourense que conseguiría o derradeiro ascenso do equipo vermello volvendo á cidade en 2017 conseguindo o último ascenso ata o momento da UD Ourense, á Terceira división, e asinando a permanencia antes de asinar a súa segunda etapa na capital galega. 
Foi en 2014 cando, despois de saír campións de liga, ascendeu a UD Somozas. Nas filas do conxunto somocense había grandes xogadores entre os que destacar a unha parella no centro do campo que agora buscarán repetir esa fazaña. Baleato e Pablo Antas foron pezas importantes anotando o lugués dous goles na final fronte ao filial do Tenerife. 
Pola súa parte, o último en conseguilo, sendo o único que conta cun ascenso fóra de Galicia, é Primo. Foi en 2017, co Vitoria, meses antes de asinar por primeira vez co equipo da capital galega. O cántabro sería, ademais, o autor do gol co que o conxunto vasco asinaba o ascenso a domicilio fronte ao Atlético Astorga.

Ourense Clube de Fútbol.
Menos foron os que conseguiron o ascenso á Segunda división B e asinaron posteriormente co Ourense CF. Un equipo que quere facer historia e conseguir o primeiro ascenso á categoría de bronce na súa historia logo de asinar o seu mellor posto na táboa. 
O primeiro en conseguir un ascenso á Segunda B foi un vello coñecido pola afección compostelanista. Portela, acompañando a Pato, sería un dos artífices do ascenso do CD Ourense en 2012 e agora volvendo á cidade para defender outras cores. Tamén en terras galegas, o gardameta Diego García, que non se puido facer coa titularidade, foi unha peza chave para conseguir o histórico ascenso do Rápido de Bouzas á Segunda B.
Por outro lado, Iker Revuelta fixo o propio defendendo as cores do Zamudio vasco en 2016 no seu primeiro ano no equipo. 

Arosa Sociedade Cultural.
Nun Arosa con moita experiencia, buscan un ascenso 27 anos despois da última ocasión na que o conseguiron, facendo unha gran fase de ascenso. Foi, ademais, a última vez, ata este ano, na que competiron por ascender á Segunda B. 
Catro dos xogadores neste Arosa saben o que é xogar unha fase de ascenso co Compos pero só dous conseguiron a súa recompensa. Catú e Manu Rodríguez, que un ano antes ascendera á Terceira tamén no Vero Boquete, devolveron ao Compos á categoría onde se estreou o central anos atrás. Os dous conseguiron tal fazaña compartindo equipo con Jimmy. Mais, a maiores, Catú formaría parte do Racing de Ferrol que ascendería logo dun ano en Terceira en Xaén. 
Outros dous que tamén saben o que é asinar un ascenso xuntos son Adrián Gómez e Pedro García. Os dous compartiron vestiario tamén nas filas do Pontevedra que asinou o ascenso en 2015 sendo pezas moi importantes. E se falamos de compartir vestiario, hai que falar de Cotilla e Diego García. O defensa vigués, xunto co xogador do Ourense, foi tamén unha parte moi importante do ascenso do Rápido de Bouzas.
Un caso diferente aos anteriores foi o de Joel Sanabria, chegado en xaneiro a Vilagarcía. O dianteiro participou nos primeiros meses de campionato, o curso pasado, nas filas dun Mérida que ascendería á Segunda B, cando el xa trocara de equipo rumbo ao Móstoles co que xogou tamén a fase de ascenso mais sen premio. 

Centro de Deportes Barco. 
Rematamos a lista cun equipo que encadea cinco tempadas consecutivas na Terceira división e que buscará sorprender na primeira fase de ascenso da súa historia. Será, ademais, o primeiro rival do Compos en Balaídos. Neste Barco atopamos moita calidade e, sobre todo, experiencia neste tipo de partidos. Cinco xogadores saben o que é un ascenso en categorías estatais sumando entre todos un total de once, sendo o equipo dos catro con máis. 
Case a metade destes ascensos foi cousa de David Álvarez, sinónimo de ascenso. O ponferradino estreouse neste caso coa Ponferradina en 2010, tempada na que xogou contra o Compos en liga, ascendendo á Segunda división contra o Sant Andreu. A segunda vez sería en 2013, á Segunda B, nas filas da Cultural Leonesa e sendo peza chave no treito final. Ese mesmo camiño repetiría en 2015 coa Arandina e formaría parte do Palencia, durante a primeira volta, que ascendería tamén ao final de liga, con el xa defendendo as cores do equipo valdeorrés. 
Con David Álvarez coincidiu tamén outra peza importante do cadro ourensán. Ivi Vales tamén participaría naquel ascenso da Ponferradina á Segunda división en 2010 mentres que, no seu caso, o segundo ascenso non chegaría ata 2014 defendendo a camisola do Atlético Astorga.
Outro cun bo historial de ascensos é Moreira. Compartiu vestiario con David Soto en 2013 ascendendo co Celta B á Segunda B. Anos despois pasaría polas filas do Unión Adarve onde repetiría a fazaña, en 2017, e asinaría o seu último ascenso a pasada tempada no Racing de Ferrol onde coincidía con Catú. 
Só un ano pasou Rubén García polo Anxo Carro deixando a súa pisada sendo unha parte importante do ascenso histórico do Clube Deportivo Lugo á Segunda división, alá por 2012. 
E pechamos cun ascenso fóra de Galiza. Paquito, que chegou a Valdeorras en xaneiro, formaría parte en 2016 das filas do CD El Ejido 2012 que, malia rematar cuarto en liga, ascendería á Segunda B. 

Falemos do verde

Coñecidas xa as datas e confirmado de xeito oficial que o Compos é Campión de liga, imos con algo máis que está aínda por confirmarse e que, polo visto, levou a críticas públicas por parte dun dos presidentes afectados. Falamos, como non, do campo onde se xogará esta fase de ascenso á cal na Esedé aínda non confirmou a súa presenza de xeito público logo dun comunicado onde anunciaban que poñen en mans de avogados e persoal sanitario a decisión de se é seguro xogar logo das polémicas condicións impostas pola Real Federación Española de Fútbol obrigando aos clubes a facerse cargo de xeito legal no caso de que alguén se contaxie.

O Vero Boquete.
Non é por ser cansinos, mais non deixa de ser o campo da Terceira galega con mellores condicións e mellor estado. Un estadio grande, preferencia da RFGF para a sede, mais que non é unha sede neutral, algo que dificulta a petición do Compos de xogar a fase de ascenso na capital galega e nun campo que coñecen á perfección. Cunhas dimensións de 105x68 metros e un céspede nun estado inmellorable.

Pasarón. 
Ascendemos unha categoría e atopamos outro dos campos posibles e cuxo nome apareceu dos primeiros. Pasarón, a casa do Pontevedra Clube de Fútbol, é outra das opcións posibles. Cunhas medidas algo inferiores ás de San Lázaro, 105x66 metros, o problema que hai, como xa manifestaron varias persoas, é o estado do terreo de xogo. A parte, levaría sen usarse dende o mes de marzo logo de darse por finalizada a tempada do equipo granate.

Anxo Carro. 
O campo onde rematou a xeira. Un dos estadios favoritos para a Federación Galega como xa manifestou Rafael Louzán, o Presidente, á TVG, e cuxo inconvinte serían as datas, xa que o Clube Deportivo Lugo rematará a liga na casa contra o Mirandés a mesma fin de semana na que comeza a fase de ascenso á Segunda B. Un campo cun tamaño perfecto para o fútbol do Compos, sendo dous metros máis ancho que o Vero Boquete.

Riazor. 
Un campo que xa viviu un partido de Terceira esta tempada, co Fabril-Bergantiños, e que non deixa de ser outra das posibilidades. Non obstante, atopamos o mesmo problema que co campo lugués xa que o Deportivo remata a liga na casa diante do Fuenlabrada a fin de semana do 19 de xullo e xogar tres partidos seguidos na mesma fin de semana podería deixar o campo en malas condicións.

Balaídos. 
E chegamos á última, e se cadra a máis posible, das opcións que se barallan. É a sede favorita para a Federación e os catro clubes non o verían con malos ollos. Ademais, o Celta rematará definitivamente a campaña en terras barcelonesas fronte ao Espanyol polo que non habería problemas nese sentido. Por tamaño, tamén inmellorable para o fútbol dun Compos que parte como favorito para ascender tendo en conta que o conseguiría con dous ascensos. 

A última polémica.
As cousas van mellorando e imos pasando fases. A nova normalidade está cada vez máis preto e para a fin de semana do 18 de xullo, de non haber repuntes, non debía haber ningún problema para que quen queira se poida xuntar cos amigos para ver a fase de ascenso, sempre respetando as medidas de seguridade.
O primeiro en falar foi o presidente do Las Palmas para dicir que pedirán permiso ao Goberno para que se permita a entrada de seareiros no Estadio de Gran Canaria e vivir esta parte final do campionato regular acompañados. A este seguírono xa algunhas directivas de Primeira división, entre as que se atopa o Barcelona, pedindo tamén a entrada dun número reducido de afeccionados aos campos coa entrada na fase 3 da desescalada. 
Con todo isto, queda esperar a ver como vai indo a pandemia en terras galegas e, tendo en conta a capacidade que tería o estadio de Balaídos, opción que podería ser oficial en cuestión de horas ou días, a presenza de afeccionados non estaría tan descartada. 

Temos datas!

Logo de dous meses, agora que todo vai mellorando e gran parte do territorio español pasou á fase 1 da desescalada, os equipos non profesionais poden xa adestrarse de xeito individual. Isto é o primeiro paso de cara á fase de ascenso exprés que se xogará no mes de xullo en cada comunidade, no caso da Terceira división e que medirá ao Compos co Centro de Deportes Barco na primeira semifinal. 

As datas. 
Imos ao importante. Se todo vai polo bo camiño, a idea que fixo pública a RFEF é que se xoguen as semifinais na Terceira os días 18 e 19 de xullo. A Final, sería o sábado 25 de xullo repetindo a sede dos dous partidos anteriores e que todo indica que pode ser Pasarón ou o Vero Boquete, que non é un campo neutral mais non deixa de ser un dos mellores campos do fútbol galego. De horarios, non se coñece nada aínda pero semella que serán sobre as 20 horas e sempre televisados.
Hai que recordar tamén que as eliminatorias serán a 90 minutos e que, en caso de empate, pasa de rolda ou ascende, no caso de ser na Final, o mellor clasificado na liga regular, algo positivo para os nosos.
Por outra parte, sen representación galega, a fase de ascenso á Segunda arrincaría a mesma fin de semana, con dous campións ascendendo na primeira rolda, xogarían unha semifinal o mércores e a final definitiva o domingo 26 de xullo, xa cos 18 primeiros equipos de Terceira ascendidos. 
Hai que falar tamén dunha segunda fase de ascenso á Segunda B, onde se xogarán outras dúas prazas, e que arrincará o 1 de agosto rematando o 9, presumiblemente nunha sede fixa aínda descoñecida. Seis días máis de bo fútbol e no que estarán os campións que non consigan o obxectivo na primeira fase. 

Os adestramentos. 
Xa coa posibilidade de adestrar de xeito individual ao aire libre, falta que as comunidades sigan pasando de fase na desescalada, Galiza todo indica a que o fará o vindeiro luns. Ademais, os integrantes dos clubes terán que pasar os test da Covid-19 e que nos últimos días apareceu información sobre que os costeará a RFEF aos 88 equipos da Segunda B e Terceira, que pasarán meses sen xerar ningún tipo de ingresos. 

A nova Segunda B. 
Aquí chegan as grandes dúbidas. Con 100 equipos na terceira categoría do fútbol español, o número de grupos aumentará a 5 nos que todo indica que serán con reparto xeográfico. Non obstante, aquí chega o lío máis importante e que teremos que esperar moito para saber como será definitivamente: dentro de cada grupo haberá dous subgrupos onde non estarán xa divididos por territorio, complicando derbis como o sempre desexado entre Compos e Racing de Ferrol entre outros.

E a Copa do Rei. 
O Compos, como Campión de liga, estará na seguinte fase da Copa do Rei. Esa nova Copa que deixou sorpresas na pasada edición, entrando case todos os equipos dende primeira rolda e a partido único. Competición á que os nosos volverán e na que se estrearán enfrontándose a un rival da Segunda B, no caso de ascender xogando de local o equipo que primeiro saia no sorteo, aínda que isto queda para máis adiante. 

Dependemos de Sanidade

Finalmente, e despois de case dous meses sen coñecer o que pasaría co fútbol semiprofesional, chegan boas novas. Diferentes reunións entre a Liga, RFEF e o Consello Superior de Deportes concluíron con que o fútbol profesional terá o seu final de tempada sobre o verde mentres que para a Segunda B e a Terceira división só será preciso unha fase de ascenso 'exprés' entre os catro primeiros equipos de cada grupo, polo que ascenderá un equipo por grupo tendo un novo representante galego no fútbol español. Pola súa parte, premio para os que remataron entre os catro últimos de cada grupo, que non descenderán. 
A fase de ascenso terá como data límite a primeira semana de agosto, contando case tres meses dende agora. Nela, o líder do grupo terá que enfrontarse ao cuarto clasificado mentres que o segundo faría o propio co terceiro deixando en semifinais, no noso grupo, un Compos-Barco e un Ourense CF-Arosa. Iso sería nunha mesma fin de semana xogándose ás 20 horas o primeiro partido e posteriormente o segundo, ambos na mesma sede. A final sería na seguinte fin de semana repetindo de novo unha sede neutral.
Como novidade para o anterior, e para quen reclama unha recompensa para o primeiro, chega un premio un tanto especial. E é que no caso de haber empate pasaría á seguinte fase ou ascendería, de darse na final, o mellor clasificado. Ademais, entre os líderes que non consigan ascender haberá dúas prazas máis na Segunda B. 
Non obstante, para todo isto cómpre que Sanidade dea o seu visto bo e, se non hai novidades, serían os clubes os encargados de pagar os protocolos sanitarios dos seus integrantes e non a Federación, mentres que será a Liga o que faga o propio nas dúas categorías do fútbol profesional. No caso de que non se teña o visto bo, a falta de confirmación oficial, ascenderían os líderes de cada grupo e outros dous equipos máis. 

Segunda B 2020/21.
A seguinte tempada daría comezo no mes de outubro cun total de 100 equipos, aumentando considerablemente o número. Non obstante, dividirase en 5 grupos nunha liga algo inferior de tempo á actual e que rematará con outra fase de ascenso un tanto diferente da que non se coñecen aínda detalles. 

Tempada 2021/22. 
E chegamos á polémica. Logo dun ano onde a terceira categoría do fútbol español aumenta, hai un troco significativo. Nacerá unha nova categoría profesional, que estará baixo o mando da Liga, onde haberá 2 grupos con 20 equipos cada un.

Algunhas opcións de futuro

Durante o mes e pico que levamos confinados, apareceron diferentes opcións coas que rematar as categorías do fútbol non profesional. E todo fai indicar que a solución tardará en chegar e non deixará a todos contentos. Imos con algunhas que apareceron en redes sociais e prensa nas últimas datas. 

A Terceira división.
A primeira posibilidade fíxoa pública a RFEF cun comunicado oficial. Só era a primeira proposta mais apunta a ser a definitiva. Nela, falábase, no caso da Terceira división, de que se enfrontarían primeiro contra cuarto clasificado e segundo contra terceiro, dun mesmo grupo, facendo así que haxa un ascenso por grupo. Nese caso as semifinais serían Compos-Barco e Ourense CF-Arosa. Tanto as semifinais coma a final serían nunha sede neutral e a porta pechada, como apunta a ser o fútbol durante moito tempo. A isto hai que engadir que non habería descensos, polo que Paiosaco, Pontellas, Rápido e As Pontes participarían un ano máis na Terceira galega. 
Ante isto e fronte á imposibilidade, por diferentes razóns entre as que se atopan o tempo e os cartos, de completar as 11 xornadas que restan para finalizar a tempada, apareceu unha nova solución que, din, non é máis que outra das moitas ideas dentro da RFEF. Neste caso, o primeiro de cada grupo ascendería de xeito directo e despois habería unha fase de ascenso entre o segundo e o quinto ou o sétimo clasificados, algo que deixaría ao Compos como equipo de Segunda B e que metería a Choco, Arzúa e Fabril na pelexa no mellor dos casos. Esta opción foi asinada polos líderes dos grupos da categoría, entre eles o Compos, e será remitida a Rubiales nas vindeiras datas.
As dúas opcións, ao igual que de Segunda B a Segunda serían a partido único. 

A Segunda B. 
Sen descensos na Terceira e tampouco na Segunda B. Sen ningún equipo galego entre os cinco últimos da categoría de bronce, semella que isto non sería case problema para disfrutar de máis derbis galegos no fútbol español. Non obstante si que hai un equipo que, a catro puntos da promoción de ascenso, reclama a súa oportunidade de probar sorte na pelexa por estrearse no fútbol profesional. É o caso dun Coruxo que, xunto a moitos outros equipos, reclaman a opción de que a fase de ascenso á Segunda división a poidan xogar máis equipos por debaixo do cuarto clasificado. Non obstante, isto non é do que hai que falar. 
Con tantos ascensos que pode haber dende a Terceira división e sen ningún descenso, plantéxase a posibilidade dunha categoría que pasaría a ter un total de 98 equipos ou ben 116. Con isto aumentarían os grupos de 4 ata 6 formados, segundo o exemplo da RFEF, por 16 equipos cada un. Esta reforma sería temporal e daría paso a unha nova categoría profesional, a Segunda B Élite, que deixaría de estar a cargo da RFEF para pasar a mans da Liga. 

Preferente e Estudiantil. 
Sen fases de ascenso, de Preferente ascenderían ata catro equipos. Viveiro e Fisterra, do grupo 1, e Ribadumia e Atios, do 2, están moi preto de conseguir o ascenso á Terceira. Xunto a estes catro atópase o Estudiantil. O que fora filial do Compos hai xa varios anos participou este ano na Terceira Galicia e o vindeiro curso fará o propio na Terceira división, logo de conseguir o ascenso nos despachos. 

O fútbol profesional. 
O que si semella que seguirá é o fútbol profesional. Primeira división, onde o Celta se xoga a permanencia, e Segunda, con Deportivo e Lugo pendentes de coñecer se poderán seguir mantendo opcións de salvarse xa que de rematar a día de hoxe as competicións serían novos equipos de Segunda B.

O que está claro é que as novas chegarán ao longo dos vindeiros días, puidendo ser definitivo o desenlace da nosa campaña esta mesma semana. Poderemos celebrar xa o ascenso ou haberá que sufrir un pouco máis?

Medo ao liderado

Compos e Ourense CF chegaron ao seu baixón na tempada. Sen a posibilidade de que un terceiro interrumpa na súa loita, os dous equipos están a tomarse un descanso nunha campaña tremendamente igualada. É así que suman xa dúas xornadas consecutivas sen gañar, cos nosos incluso sen poder anotar nin puntuar, aprazando algo máis a súa clasificación matemática, sendo xa virtual, para a fase de ascenso á Segunda B. Por outro lado, o terceiro e cuarto posto xa empezan a coller cor con Arosa e Barco distanciándose do resto.
Empezamos o que ocorreu a pasada xornada no Vero Boquete. Un partido difícil, cun Compos en baixa forma e contra outro dos rivais que conseguiu xa na primeira volta superar aos nosos. O Ourense saiu a facer un fútbol ao que xa estamos un tanto acostumados en Santiago. Sen moito que propoñer sobre o verde, aproveitaron un erro na defensa branquiazul para anotar o que sería o seu único gol. A partir de aí, moitas interrupcións, imprecisións e as lesións de Hugo Sanmartín e Miki, a segunda nun máis que posible penalti non sinalado polo colexiado.
E se o Compos perdía o seu primeiro partido como local do curso, o Ourense CF non sería menos. Sen ser quen de aproveitar a derrota branquiazul, os ourensáns sufriron contra un Silva moi ben situado no campo e amosando un bo xogo que freou os intentos locais. E se en defensa lles foi ben, tampouco hai queixa do traballo silvista en ataque anotando o gol do triunfo a sete minutos para o final cun gran gol de Marcos Gómez. 
Con algo máis de sorte atopouse un Arosa que encadea tres xornadas sen perder. E en Vilaxoán, onde non gañan dende hai un mes, tiveron que suar para facerse cos tres puntos grazas a un novo gol de Catú no engadido. Antes, no primeiro tempo, sería Gamallo o autor do gol que daba esperanzas para sumar os tres puntos ao Paiosaco. 
E o único que puido sumar de tres nesta pelexa foi o Barco. Os valdeorreses, que igualan a puntos aos arousáns, conseguiron superar pola mínima ao Lugo B en Calabagueiros. Un gol de David Álvarez mediado o segundo tempo foi suficiente para bater a un filial lugués que de ter gañado este partido podería manter aberta unha gran pelexa.
Catro son aínda os equipos que loitan por manterse vivos na busca dun posto na promoción de ascenso. O Choco superou ao Racing Vilalbés e é xa quinto, aínda que catro puntos menos que o seu obxectivo. Outro que tamén sube algún posto na táboa é un Arzúa que empatou no engadido cun gol de Iker Hurtado fronte o Pontellas en San Campio. E o Fabril volveu caer sumando só 1 triunfo nas 7 últimas xornadas. Pecha esta serie a UD Ourense a 7 puntos do Arosa e do Barco. 

Moito por decidir. 
Chegamos ao último cuarto do campionato e aínda queda moito por decidir. Tal é así que, ademais do grupo galego, ata en sete grupos máis pode haber un troco de líder a vindeira fin de semana, aínda que no caso de dous terán que darse uns casos un tanto especiais. E con eses dous imos comezar.
No grupo 2, de Asturias, o Lealtad non consegue sacar unha clara vantaxe fronte ao segundo, o Llanera, malia non perder ningún partido. Pois ben. Esta fin de semana vanse enfrontar no Pepe Quimarán onde o Llanera tería que gañar por goleada, por máis de 4 goles de diferenza, para poder ser o novo líder. Difícil si, imposible non se sabe. 
Algo máis lioso é o que terá que pasar no grupo 13, o murciano. O Lorca Deportiva é líder con tres puntos máis que o Atlético Pulpileño e na liga acabaron os dous enfrontamentos co mesmo resultado. Con isto, agora mesmo para ser líder o equipo almeriense tería que gañar por 4 goles de diferenza ao Churra mentres que o Lorca debería perder tamén por esa vantaxe fronte ao filial do Cartagena. De novo, moi difícil, mais non imposible. 
E dunha vantaxe de tres puntos pasamos a un empate. No grupo rioxano son dous os equipos que agora mesmo están separados polo triunfo da SD Logroñés en liga no enfrontamento particular. O segundo, o Varea, ten que conformarse con aproveitar algún erro do líder malia contar cunha diferenza de 5 goles sobre o primeiro. 
Tarazona e Teruel compiten por ser campións no grupo aragonés. Hai dúas semanas foi o Tarazona o que se fixo co primeiro posto e esta fin de semana competirán fronte a outros dous equipos da zona media da clasificación polo liderado. A día de hoxe son 2 puntos os que os separan e hai que engadir que o cadro zaragozano suma 8 vitorias consecutivas. 
Tres son os que pelexarán ata o final no grupo estremeño por ser campións. Non obstante, o Cacereño está a día de hoxe a 4 puntos do líder. Encabeza a táboa o Villanovense moi seguido, a só 1 punto, polo Coria. Non obstante, o Villanovense terá unha saída, en principio, doada a casa do penúltimo mentres que o Coria recibirá ao cuarto, o Extremadura B. 
Tres son tamén os que optan ao primeiro posto no grupo vasco. Portugalete e Sestao River encabezan a clasificación con 56 puntos cada un mentres que o Vitoria non perde de vista o primeiro posto con só un punto por debaixo. Esta fin de semana enfróntanse a equipos da zona baixa o primeiro e o terceiro mentres que o segundo recibirá á Real Sociedad C. Máxima igualdade nun dos grupos máis difíciles da Terceira división.
Aínda que se hai que falar de igualdade non se pode evitar o grupo canario. Para moitos, rivais asequibles de cara á promoción de ascenso e a día de hoxe son 4 os equipos que poden asaltar o liderado a vindeira fin de semana. O Tenisca é o novo líder mentres que Tamaraceite e Marino, equipo que perdeu o posto a pasada xornada, están cun punto menos e completa esta parte da táboa o San Fernando con dous puntos por debaixo do primeiro. Moito en xogo e moitas posibilidades de cara á vindeira xornada con varios partidos aprazados da xornada 26 e que poderían cambiar aínda máis as cousas.

140 días

Despois de 4 meses e medio, o Compos volveu caer. Unha xeira inmellorable, histórica, para un equipo que ás ordes de Yago Iglesias segue buscando bater records branquiazuis e que o vindeiro domingo quere superar outro mantendo o seu gran momento como local fronte á UD Ourense. E todo isto chegou nunha xornada onde, malia caer, mantén o primeiro posto da clasificación grazas ao empate no treito final do As Pontes contra o Ourense CF.

Tiña que chegar.
O Compos está a conseguir uns números dignos doutra categoría. Cun fútbol recoñecible e un plantel que ben podería xogar na Segunda B, os homes de Yago Iglesias volveron caer a domicilio fronte a un filial, materia a mellorar nas vindeiras campañas, nun campo historicamente moi complicado para os intereses branquiazuis. Non obstante, malia caer con eses dous goles de Morais, o equipo segue a ser líder cun punto de vantaxe sobre o Ourense Clube de Fútbol.
No Poboado, As Pontes e Ourense CF mediron forzas nun partido cheo de emoción ata o final onde se adiantaron os locais cun gol de Quique e que remontaría, xa no segundo tempo, o cadro ourensán grazas aos tantos de Renan Zanelli e Adrián, que entraría no primeiro tempo substituindo a Rodri Alonso, mancado. Non obstante, igualaría de novo o resultado Alex Cabarcos a piques de cumprirse o tempo regulamentario.
Quen non perdoou foi o Arosa no Viso. Un dos mellores partidos da xornada, onde se medían o terceiro e o sexto e que contou con gran igualdade. Foi tal que o triunfo, a prol do cadro arlequinado, non chegou ata o engadido cun gol de Róber. E o mesmo, tamén pola mínima, para un Barco que tivo que remontar fronte a un Rápido de Bouzas que se adiantou grazas a un gol de Iván Vila. David Álvarez e Juanito conseguiron darlle a volta ao resultado tamén no primeiro tempo pechando o marcador ao tempo de lecer.
E os esvaróns seguen a chegar entre o quinto e o oitavo. O Fabril non puido pasar do empate fronte ao Bergantiños mentres que a UD Ourense, seguinte rival da Esedé, fixo o propio contra o Alondras. Menos sorte para un Choco que caeu co mesmo resultado que os nosos na Grela o domingo pola mañá e o Arzúa, como xa contamos antes, tampouco puido puntuar contra o Arosa.

Boas xeiras.
Freada xa a xeira positiva do Compos, aínda coa de partidos no Vero Boquete moi viva, aínda quedan sete equipos cun longo traxecto sen perder, dous deles incluso dende a tempada anterior. Xeiras que, polo de agora, apuntan á promoción de ascenso. 
Comezamos a lista pola xeira máis curta. Comezou o 1 de novembro, hai 123 días, nunha vitoria pola mínima fronte ao Bezana. Falamos do CD Laredo, líder do grupo cántabro. Suman a día de hoxe 12 vitorias e 4 empates marcando sempre algún gol. Un rival que promete dar guerra na fase de ascenso á que chegarán, se non hai ningunha sorpresa, como campións. 
Dous equipos son os que encadean unha volta enteira sen perder. A SD Logroñés acumula 135 días mentres que o Linares Deportivo 128. 19 partidos sen perder para os dous conxuntos superando na pasada xornada aos últimos equipos cos que caeron. Ademais, ambos os dous conxuntos levan a día de hoxe 16 triunfos e só 3 empates, sendo os dous equipos que menos se repartiron os puntos. Sen dúbida, outros dous líderes complicados. 
A tempada que está a facer o Yugo-Socuéllamos é para enmarcar. O líder do grupo manchego non perde dende o 6 de outubro, hai 149 días, sendo a súa única derrota no que vai de campionato. A partir de aí, 13 triunfos nos que deixou a súa porta a 0 en 9 ocasións e 7 empates. 
Recén descendido, a mans do Celta B na promoción de permanencia, atópase o seguinte desta lista. O Alcoyano é un dos dous equipos que non perde dende que descendeu. 27 partidos con 19 triunfos e 8 empates para o equipo alicantino líder, con moita vantaxe, do grupo valenciano. Un equipo que nun par de semanas podería pechar a súa clasificación matemática para a fase de ascenso á categoría de bronce. 
E chegamos xa aos dous rivais máis importantes desta lista e cunhas xeiras envexables. Comezamos co único equipo das catro primeiras categorías do fútbol español capaz de manter a loita contra o Compos por ser o mellor local. O Poblense non perde dende abril do ano pasado encadeando a día de hoxe 332 días sen perder en liga. 32 partidos con 28 vitorias e 4 empates para o líder destacado do grupo balear.
Máis tempo encadea o Lealtad. Para ser exactos, non perde en liga dende o 13 de maio de 2018 na que foi a súa despedida da Segunda división B, á que loita por volver e da que se quedou ás portas a pasada campaña quedando a un gol do ascenso. 556 días sen perder dende que volveron á Terceira división cun total de 65 partidos repartidos en 43 triunfos e 22 empates. E aínda así son sacan 6 puntos de vantaxe ao cuarto clasificado nunha pelexa polo primeiro posto do grupo 2 que promete moita tensión. 

Goleada á Segunda B

A xornada 25 no grupo 1 da Terceira galega deixou cousas bastante interesantes como, por exemplo, unha nova vitoria do Compos para seguir mellorando unha tempada para o recordo ou a remontada do Ourense CF coa que manter a diferenza co líder unha semana máis. Unha pelexa entre dous equipos que non teñen rival practicamente na categoría e que aventaxan en dous puntos máis aos seus principais perseguidores deixándoos sen posibilidades de loitar polo campionato a dous meses e medio para o final da competición.
O Compos superou sen complicacións ao Rápido de Bouzas no Vero Boquete. Con goles de Primo, Brais Abelenda, Josiño e Miki, o equipo de Yago Iglesias segue sen frear camiño da Segunda B. Un equipo que, a día de hoxe, está un paso por enriba dos seus rivais. 
Só o Ourense CF é quen de seguir a un Compos histórico. O equipo de Fran Justo, que a tempada pasada quedou ás portas da promoción de ascenso, non quere perder as súas opcións de ser campión da Terceira e foi quen, despois de ir por debaixo no marcador ata en dúas ocasións, remontar e superar ao Estradense no Couto. Un partido onde Rodri Alonso se estreou como goleador nas filas ourensás anotando o terceiro e definitivo. 
Menos sorte tivo o Arosa en Vilaxoán para bater ao Racing Vilalbés. Un partido que comezou gañando o conxunto arlequinado cun gol de Catú mais que, no segundo tempo, igualaría o cadro lugués grazas a un gol de Moreda. Resultado, o de empate a un gol, que se repetiría tamén en Calabagueiros con goles de Pisón para os valdeorreses e de Villares para un Fabril que segue sen gañar. E tamén se puido ver en Espiñedo, onde a UD Ourense foi quen de igualar un gol de Fajardo, grazas a Hugo García, pero sendo incapaz de facerse cos tres puntos que o deixarían moi vivo na pelexa pola terceira e cuarta posicións.
Quen si volveu ao camiño dos tres puntos, e terá este sábado unha cita coa historia, foi un Arzúa que goleou sen complicacións a un Paiosaco cun pé na Preferente. E o mesmo, aínda que con menor vantaxe, para un Choco que non perde de vista os postos de promoción de ascenso e que superou ao As Pontes no segundo tempo. 

Dous por partido.
Moitos son os equipos que, a base de goles, están a conseguir o seu obxectivo. Son ata 9 os que, co seu acerto de cara a porta, son líderes dos seus respectivos grupos. Non obstante, son 16 os que, malia sumar máis de 2 goles de media por xogo, non son quen de ocupar ese posto tan importante, con 6 deles que nin sequera conseguen estar entre os postos de promoción de ascenso.
Comezamos esta lista con, como non, o Compos. O equipo de Yago Iglesias, cos catro goles ao Rápido de Bouzas, suma xa 50 goles en 25 partidos sendo o que menos anotou desta lista xunto co Mutilvera, líder do grupo navarro. Por contra, con 64 goles no mesmo número de partidos, atopamos ao Poblense. 2 menos leva outro dos equipos máis nomeados nas últimas datas, un Zamora que suma xa tres xornadas sen gañar e que asinou a súa primeira derrota o domingo e que iguala nesta lista ao único filial líder, o Betis Deportivo, con 62 goles aínda que con 26 partidos, un menos que os casteláns. Completan dita lista equipos coma o SD Logroñés, con 59 goles a favor; o Lorca Deportiva con 58, e o Linares, con 57 goles anotados, e o L'Hospitalet, con 54, todos eles logo de 26 xornadas desputadas nos seus respectivos grupos.
Por outro lado, atopamos a equipos coma o Ibiza Pitiusas, o Atlético Paso ou o Varea que loitan por ser líderes con 52 goles a favor en 25 partidos os dous primeiros e, sendo o equipo máis anotador, con 72 os rioxanos. E máis abaixo, ocupando as outras dúas posicións, equipos coma Covadonga, Europa, Mallorca B, Formentera, Cacereño, Casalarreina e Arnedo.
Mención aparte merecen equipos coma o filiais de Almería e UD Logroñés, Andratx, Cirbonero, Anguiano e Náxara, que malia ser algúns dos equipos máis goleadores de toda a Terceira división, sendo o último ademais o segundo con máis acerto de todo o fútbol español con 70 goles, só superado polo Varea do seu mesmo grupo.

Falemos do outro agasallo

Os primeiros postos da clasificación traen consigo varias cousas máis que positivas e coñecidas das que non está mal falar de vez en cando. Porque, ademais da fase de ascenso, algúns equipos terán a maiores a posibilidade de xogar esta nova Copa do Rei, na que os equipos pequenos teñen algunha que outra posibilidade máis de dar a sorpresa e recibir na súa casa a grandes equipos. Non obstamte, antes, un pequeno resumo do que pasou a pasada fin de semana, que non foi pouco. 
Comezamos en Abegondo, onde dous equipos quixeron dar un bo espectáculo mais apareceu Extremadura Hernández para estragar unha gran mañá de fútbol. Entre un cartón e outro, Losada e Parga adiantaron ata en dúas ocasións aos locais mentres que Bicho, que acabou expulsado, e Primo fixeron os tantos santiagueses cos que igualar o resultado. 
A xornada abriu co Derbi das Burgas. Un bo partido onde o Ourense CF foi quen de levarse os tres puntos grazas aos goles de Josu en propia porta e Martín Lamelas, asinando un dos mellores goles da xornada. Con este resultado, o equipo de Fran Justo metía presión aos nosos quedando, agora xa cos dous partidos rematados, a só dous puntos de diferenza.
Menos sorte tiveron Arosa, Barco e Arzúa. Do terceiro ao quinto ningún foi quen de gañar abrindo aínda máis diferenza con respecto aos primeiros. Na Grela os arlequinados, nas Eiroas os valdeorreses e contra o Somozas no Viso os arzuáns, tres derrotas pola mínima contra tres equipos que a día de hoxe seguen moi preto dos postos de descenso. E atopamos no novo quinto clasificado, o Choco, un dos escasos triunfos na parte alta da táboa. Os redondeláns gañaron na Estrada nun mal partido dos locais. 

Esta Copa si está ben. 
E imos xa cun novo tema que está de moda nas últimas semanas no fútbol estatal. A Copa do Rei mudou de formato e agora os equipos máis humildes contan con máis opcións de ir superando roldas ou, polo menos, recibir na casa a un grande. Non obstante, hai unha pequena diferencia da que falar. 
Primeiro hai que dicir que á Copa do Rei acceden os campións dos 18 grupos da categoría e os 14 segundos con maior puntuación. A partir de aí hai unha diferenza moi importante e é que dependendo de se ascenden ou non o rival e as posibilidades de pasar de rolda aumentan considerablemente. Tal é así que de ascender o equipo pasaría a enfrontarse a un Segunda B, rival da mesma categoría, no campo do que saia en primeiro lugar a bola no sorteo polo que non se aseguraría xogar na casa, ou ben un rival de maior categoría, aínda que neste caso as opcións son moito menores xa que teñen prioridade os equipos de Terceira neste caso para recibir aos teóricos grandes. 
Por outro lado, no caso de non acadar o obxectivo do ascenso, como foi o caso do Bergantiños, aí si que hai que falar dos equipos algo máis importantes, aínda que descartando aos catro que xoguen a Supercopa de España, podendo recibir a algún equipo de competicións europeas como foi o caso dos carballeses co Sevilla en Riazor.
Na segunda rolda, no caso de superar a primeira, si aparecen xa os equipos profesionais e xa se aseguraría o partido na casa do de menor categoría contando coa posibilidade de dar algunha que outra sorpresa como está a facer o Mirandés, equipo de Segunda aínda vivo nas semifinais, ou chegando a oitavos como foi o caso de Badajoz e Cultural Leonesa, únicos representantes da categoría de bronce neste caso. 

Polo bo camiño

O Compos segue polo camiño axeitado directo á Segunda B. O equipo de Yago Iglesias superou ao Bergantiños nun partido moi igualado e tenso no que o equipo de Lemos estivo preto de dar unha sorpresa importante no campo no que, despois de 12 xornadas, aínda non saiu ningún punto no que vai de tempada. 
A clasificación, que segue a liderar un Compos que é ademais o máximo goleador do grupo e o equipo menos goleado das catro categorías do fútbol estatal, ten un novo gran protagonista. E é que agora mesmo é o Arzúa o que marca a clasificación para a clasificación matemática dos nosos para a fase de ascenso sendo o actual quinto clasificado a só 3 puntos do Barco, aínda cun partido menos. 
Coa Esedé sumando en cada partido dende o mes de outubro e gañando sen parar dende a derradeira xornada da primeira volta, o máximo perseguidor segue a ser un Ourense CF con catro puntos menos e que tampouco perdoou este sábado pasado. Dous equipos que xa superan os 50 puntos e que protagonizan a pelexa pola primeira posición. 
Máis equipos son os que loitan pola terceira e cuarta posicións, aínda sen donos e con ata seis equipos que aínda buscan facerse cun oco nos postos privilexiados. Non obstante, tanto Arosa, terceiro, coma Barco, cuarto aínda cun partido menos, sumaron de tres nesta xornada co cadro de Vilagarcía tendo que remontar con ata dous goles de Catú. Por outro lado, o Arzúa xa é quinto grazas á súa cuarta vitoria consecutiva, a UD Ourense quere manter as súas opcións malia encadear tres empates consecutivos e o Fabril, que recibirá aos nosos a vindeira fin de semana, sumou a súa terceira derrota consecutiva. A lista remata cun Choco que non gaña dende a primeira cita do ano e que só asinou 3 dos últimos 15 puntos en xogo. 

Invencibles?
Mirando xa un pouco cara ao futuro, imos botar unha ollada ao resto de grupos. E aí aparecen catro equipos aos que ter moi en conta e que paga a pena comparar un feito que teñen en común: Lealtad, Zamora, Alcoyano e Poblense lideran os seus respectivos grupos con man firme. 
Aínda que sen unha gran vantaxe con respecto ao segundo clasificado, o Lealtad de Villaviciosa segue sen perder ningún partido no que vai de tempada. Non obstante, o caso do cadro asturiano vai máis alá. E é que ás 24 xornadas sen perder deste curso hai que sumar as 38 do pasado, cando remataron cun total de 90 puntos. Por contra, perderían un partido de cada rolda da fase de ascenso e o propio xa no pasado mes de decembro na Copa contra o Cádiz. Con isto, hai que dicir que non perden en liga dende que volveron á Terceira división hai algo máis de ano e medio. 
No grupo valenciano atópase un Alcoyano que quere volver canto antes a unha Segunda B na que participou dende 2004 a excepción da tempada 2011/12, cando puideron volver á Segunda división máis de 40 anos despois. Outro equipo que non perde dende o pasado mes de abril, aínda na categoría de bronce. 
E comezamos xa cos de sempre. O Poblense, con once puntos sobre o Ibiza-Pitiusas, non perde dende o mes de abril fronte ao equipo que este ano non é quen de facerlle sombra pola loita do máis alto da clasificación, sendo só cuestión de tempo que sexan campións de liga e volvan a unha Segunda B que deixaron hai máis de 30 anos. 
Para rematar, o Zamora. O mellor equipo de España, con 69 puntos de 75 posibles, e só comparable con moi poucos equipos a nivel europeo. Con só 3 empates, o último este pasado domingo, o equipo castelán-leonés é dos rivais máis duros de cara á promoción de ascenso sendo un dos tres equipos invencibles na casa no fútbol español. 

Unha semana menos, un paso máis

Pasada unha nova xornada, o Compos xa puso pé e medio na fase de ascenso á Segunda B malia faltar aínda tres meses de xogo. Unha importante goleada fronte ao Barco que deixa aos nosos con tres puntos máis de vantaxe sobre o terceiro clasificado e, engadindo a derrota do Fabril contra o Arenteiro, son xa vinte puntos de diferenza con respecto ao quinto. Sen dúbida, unha xornada bastante boa para os intereses branquiazuis.
Por primeira vez no que vai de tempada, son xa catro vitorias consecutivas dun equipo que está a facer as cousas moi ben. Coa estrea de Bicho ás ordes de Yago Iglesias e a volta aos campos de Primo, con tres goles máis no peto, o equipo suma xa 54 puntos en 22 xornadas sendo, ademais, o equipo con máis gol do grupo cun total de 43 a favor e mantendo o bo traballo en defensa con só 9 encaixados. Unha puntuación á que se tardou en chegar a tempada pasada un total de 29 partidos en 23 hai dúas campañas. A parte, na 89/90 foron precisas 25 xornadas para acadar as 17 vitorias.
Mirando aos principais perseguidores, o Ourense CF tivo que remontar no Baltasar Pujales mentres que o Arosa foi o único dos principais loitadores pola terceira posición que sumou de tres na estrea dos ex branquiazuis Catú e Mon. Unha pelexa da que segue a descolgarse o Barco, nun mal momento, e ao que se suma un Arzúa que quere aumentar a súa historia. Por outro lado, a parte da derrota valdeorresa, tampouco foi quen de gañar o Fabril malia chegar por diante ao tempo de lecer nin a UD Ourense, que sumou un novo empate ao igual que o Choco, con xa catro partidos sen coñecer a vitoria.

Moita solidez.
Unha semana máis que pasa e unha menos que queda para que arrinque esa fase de ascenso tan desexada e que permitirá a un total de 18 equipos chegar á Segunda B. Unha xornada que nos deixa só dous trocos de líder nos 18 grupos da Terceira división e boas vantaxes noutros tantos nunha fin de semana na que o Zamora tivo descanso.
O primeiro novo líder aparece no grupo canario. O Marino, que chegaba segundo, superou ao Tenisca, líder ata este domingo, parar coroarse no máis alto da táboa. Un grupo moi igualado, o 12, cos tres primeiros clasificados separados só por un triunfo.
Outro que tamén foi quen de facerse co primeiro posto do seu grupo foi a SD Logroñés no rioxano. Cuns números semellantes aos do Compos, sufriron para gañar a un Varea que comezaba o encontro cun punto por enriba. Foi un gol a sete minutos para o final o suficiente para facerse con ese primeiro posto polo que loitarán ata o final.
Por outro lado, hai que destacar a líderes coma o Zamora, con 13 puntos por enriba da Gimnástica Segoviana; o Alcoyano, que supera ao Intercity por 11 puntos, e o Linares, con 14 máis que o El Ejido 2012.

Sen filiais polo de agora.
Se hai algo común nas dúas promocións de ascenso anteriores é que ao equipo de Yago Iglesias non se lles dan ben os filiais. O Espanyol B pasou por enriba dos nosos no partido de volta da final de campións de hai dous anos mentres que o Alavés foi quen de, grazas aos goles fóra da casa, deixar fóra do soño a un equipo que tiña na man o pase á segunda rolda cun tanto xa pasados os noventa minutos do tempo regulamentario.
Con isto, hai que falar de que neste curso, non hai filiais que pelexen polo primeiro posto dos seus respectivos grupos ou que, aínda que sexa así, como no caso do Real Murcia Imperial, o seu ascenso pasa polo que faga o primeiro equipo, neste caso aínda lonxe de clasificarse para a fase de ascenso á Segunda división. 
E é que o filial murciano é o mellor situado agora mesmo. Son segundos no grupo 13 igualados a puntos co Lorca Deportiva. Superan así ao filial do Betis que, no grupo 10, ocupan tamén o segundo posto a só 5 puntos do Ciudad de Lucena. Unha vantaxe que queda en nada se a comparamos cos 9 puntos de vantaxe do Poblense sobre o Mallorca B e os máis de dez puntos que deixan case imposible que filiais coma os de Racing de Santander, Villarreal, Leganés, Rayo Vallecano, Numancia, Almería e Zaragoza poidan pelexar polo posto máis alto da clasificación e que dá dereito a unha proba dura, á par que máis especial, na que o gañador só está a 180 minutos da categoría de bronce.

Este ano si

Pasada xa máis da metade do campionato, o Compos está a cumprir unha tempada para a historia. Achegándose aos obxectivos, sendo o da clasificación para a fase de ascenso o primeiro, a unha gran velocidade, o equipo de Yago Iglesias é líder cunha vantaxe de 4 puntos sobre o Ourense CF e 17 por enriba dun Fabril que recuperará a xornada 17 contra o Paiosaco a finais do mes de febreiro. 

Arrinca o 'tourmalet'. 
A vitoria en Pardiñas abriu a porta á parte máis dura do campionato regular para o Compos. Barco, Bergantiños, Fabril, Rápido de Bouzas, Lugo B e Ourense probarán a un equipo que está a facer algo histórico sendo o primeiro do grupo na presente campaña que supera os 50 puntos, con só 63 en xogo, algo para o que a pasada tempada precisaron 27 xornadas. Con estes 51 puntos en 21 datas igualan, ademais, a un Racing de Ferrol que remataría a tempada 2012/13 con 97 puntos. Ambos os dous equipos quedaron un punto por debaixo do Fabril que na 2005/06 asinou un récord de momento imposible de superar. 
Por diante, chega un treito do campionato moi duro e do que o equipo podería saír xa co billete para a promoción de ascenso metido no peto. Algo máis dun mes no que pasarán polo Vero Boquete equipos coma o Bergantiños ou a UD Ourense, únicos capaces ata o de agora de deixar sen puntos aos nosos, e haberá tamén visitas sempre complicadas a Abegondo, que garda un duro recordo da última visita, e Calabagueiros, onde o Compos nunca gañou ao longo da súa historia. 

De 440. 
Imos xa aos números, históricos se os miramos con respecto ao pasado branquiazul, e casi inigualables entre os 440 equipos que militan agora mesmo entre a Primeira e a Terceira división. E é que o Compos está a ser un dos mellores equipos defensivos do fútbol español, algo que o sitúa entre os equipos máis fiables. 
A día de hoxe son só 3 os equipos que contan por vitorias cada unha das súas citas na casa. O Vero Boquete é un fortín inexpugnable para os rivais no que se quedaron os 33 puntos en xogo no que vai de tempada. Un 11 de 11 que tamén asinou o Zamora no Reino de la Plata, sumando unha tempada inigualable a nivel europeo, mentres que é un 10 de 10 o que acumula o Poblense en Sa Pobla. 
Por outro lado, o tema defensivo. E é que dende esta fin de semana xa só son 2 os equipos que encaixaron menos de 10 goles no que vai de liga, menos de 0,50 goles por partido de media e, curiosamente, son tamén dous equipos da Terceira división. Porque, a parte dun Compos que defensivamente é un muro con Pato baixo paus e Álvaro Casas e David Soto no centro da defensa, está o CD Vitoria vasco. O filial do Eibar encaixou tamén 9 goles despois de perder a pasada fin de semana pola mínima fronte á Real Sociedad B. Unha lista da que caeu o pasado domingo o Ibiza-Pitiusas cun empate contra o Portmany. 

Falamos da promoción? 
Para ninguén é ningunha sorpresa que o Compos pelexa por volver á Segunda B despois de dúas caídas fronte Espanyol B e Salmantino na hai dúas tempadas e Alavés B a pasada. E agora, coas chegadas de Primo e Bicho, será moi difícil frear a un equipo que podería clasificarse para a promoción de ascenso chegado o mes de marzo, a falta de mes e medio para o final do campionato. 
Hai que destacar ademais que a Esedé é o equipo con maior vantaxe sobre o quinto clasificado logo de 21 xornadas actualmente, superados, non obstante, por tres equipos cunha xornada xogada máis. O Alcoyano supera en 18 puntos ao Alzira. Mesma diferenza é coa que o Zamora supera ao quinto do seu grupo, a Arandina. Mais a maior vantaxe é que ten o Linares sobre o Jaén con 22 puntos de diferenza, aínda que co equipo xienense cun partido menos. 

E así comezamos unha nova sección do blog que repetiremos cada martes amosando algún que outro dato importante coas vistas postas nunha promoción de ascenso onde estarán os nosos pelexando.