Por primeira vez

 Compos e Covadonga enfróntanse este sábado por primeira vez en Santiago. Un partido inédito ata o momento entre un equipo en horas baixas, que sumou un dos últimos seis puntos, e outro que pelexa por saír do máis baixo da clasificación e poder sumar a súa terceira campaña por enriba da Terceira asturiana. 

 No fondo do pozo. 

 O Covadonga, que formou parte da derradeira Segunda B tal como a coñecíamos, parte como un dos equipos que máis complicado ten a permanencia nesta súa primeira presenza na Segunda Federación. Penúltimos na clasificación, só superados por abaixo por unha Arandina que aguantou a pasada fin de semana contra o Compos. 

 Décimo sétimos na clasificación con quince puntos, conseguiron sumar tres vitorias no que levamos de tempada e outros seis empates ademais de dez derrotas, sendo o segundo que máis veces quedou sen puntuar. Trátase dun equipo con dezasete goles ao seu favor, superando a equipos coma Racing Villalbés neste sentido, pero encaixaron trinta e sete, confirmándose como a peor defensa do grupo con case dous goles en contra por partido de media. 

 Fóra de Oviedo só foron quen de sumar un triunfo en Vilalba e rabuñar un empate, sen goles, en Santander. A maiores, nas sete derrotas foron quen de marcar en cinco ocasións repetíndose o 3-1 no marcador en catro oportunidades e quedando sen marcar nas tres últimas saídas. 

 Para todo hai unha primeira vez. 

 Por primeira vez na súa historia, o Covadonga buscará puntuar en Santiago. O cadro asturiano, que visita Galiza por segunda tempada, chegará á capital galega para tentar sacar algo positivo como xa puido facer en Vilalba O Compos, pola súa parte, quere sacar algo mellor que o empate colleitado na primeira volta, en terras asturianas, no que Pep Caballé adiantou aos branquiazuis para despois empatar os locais cun tanto de Vicente a falta de sete minutos para o final do tempo regulamentario. 

 Nos últimos anos, xa na Segunda Federación, varios foron os que pasaron por Santiago por primeira vez sendo o Navalcarnero o último que puido marchar con algo positivo. Ceares, Burgos B, Cristo Atlético e Tarazona chegaron despois pero non foron quen de sacar nada mellor ca unha derrota e unha visita a Santiago. 

 Empate. 

 A pasada fin de semana, o Compos non foi quen de volver cun triunfo da súa visita ao pechacancelas. Un empate sen goles en Aranda na primeira saída do ano fronte a un rival que puxo as cousas difíciles tendo, incluso, mellores ocasións para poder adiantarse no marcador. Con isto, segunda xornada que o equipo de Míchel Alonso non é quen de sumar de tres asinando un punto de seis posibles. 

 Pola súa parte, o Covadonga non aguantou sequera os primeiros intres contra o Zamora. Aos cinco minutos, o conxunto castelán-leonés xa levaba dous goles de vantaxe no marcador acabando o xogo co resultado de 2-0 ante o que pouco ou nada puido facer o equipo ovetense. 

 Catro baixas importantes. 

 Nun Compos no que foron chegando novas pezas nas últimas semanas seguen a caer pezas importantes por lesión. Á xa coñecida de Samu Araújo, que non poderá estar dispoñible nos vindeiros meses, e a de Antón de Vicente, hai que sumar unha vez máis a un Pablo Antas que estará fóra un mes e a Jordan, que non puido estar en Aranda e tampouco o fará o sábado. Tamén é baixa Álvaro Casas por acumulación de amoestacións. 

 Por outra parte, Samu vai collendo minutos despois da lesión, Manu Ramírez podería ser xa da partida e David Grande xa adestrou co equipo, puidendo acompañar a Manu Barreiro na punta do ataque dende o inicio ou partindo dende o banco de suplentes. 

 Bo tempo e bo fútbol. 

 Este sábado, despois duns días con tempo excepcional, teremos a oportunidade de gozar do terceiro partido desta serie de xogos contra rivais da zona baixa antes de dúas saídas consecutivas de alto nivel. Encontro contra o Covadonga que dará comezo ás 17 horas e contradas a un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada. 

 Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario