Vencedores na guerra

O Compos mantén o seu pleno de vitorias na liga grazas logo dun partido con moitos goles no Morrazo. Un encontro con numerosas faltas, cartóns e algún erro da colexiada importante que puido afectar no resultado final. Non obstante, os goles de Brais Abelenda, Aythami e Miki Villar foron suficientes para encadear o tres de tres nesta primeira semana atípica e que continuará cunha nova cita importante lonxe da casa, pechando unha serie de tres xogos fóra de San Lázaro en oito días.


Emoción e goles. 
O primeiro tempo deixou, sobre todo, moitos goles grazas á gran efectividade dun Compos que por momentos sufriu para manterse por diante no marcador. Non obstante, se hai que falar ben do traballo no ataque, tamén hai que destacar os problemas en defensa nas oportunidades a balón parado, recibindo así o primeiro tanto en contra do que vai de tempada. 
Con intencións de sorprender, un Alondras moi combativo apareceu sobre o verde mandando un balón ao longueiro, obra dun Iván Pérez que deixou moi boas sensacións diante do seu ex. Mais a resposta branquiazul non tardou en chegar con dúas oportunidades claras lideradas por un Brais Abelenda que non perdoou á terceira, logo dun gran centro de Alex Ares nunha xogada a balón parado. 
A ledicia branquiazul non durou moito nesta primeira ocasión sobre o campo do Morrazo. O equipo local aproveitou nun córner para igualar o resultado en cousa de catro minutos. Un gol de Jonás superando por alto á defensa visitante e que supoñía o primeiro tanto dos nosos no cuarto partido oficial do curso. 

Definición.
Os minutos seguintes ao empate foron unha mostra do que se viría co paso dos minutos. O xogo aumentou a intensidade e, sobre todo, uns nervios que levaron a un bo número de faltas sinaladas por unha colexiada, superada, que rápido botou man dos cartóns amoestando a dous homes dos nosos por cada parte e errando nalgunha que outra xogada que pudio ser chave.
Non obstante, entre toda esta guerra, apareceu a maxia que está a representar a este equipo. Aythami, que se fixo cunha pelota na área rival, enganou a un rival cun caneo e non perdoou ante o porteiro para poñer de novo ao equipo por diante. Un equipo que, só tres minutos máis tarde, asinaba o que podería ser o gol da sentenza, obra de Miki Villar. O de Nigrán só tivo que empurrar a pelota ao fondo das redes logo dunha boísima chegada de Brais Abelenda, moi xeneroso. 

Aumentaron os nervios.
Logo do paso por vestiarios, os nervios aumentaron sobre o terreo de xogo co Alondras buscando manterse metido no partido. Arrincaron o segundo tempo coa entrada de Mauro e un gol de Champi a pase do recén entrado ao terreo de xogo. Un gol co que encoller unhas distancias que se viron insalvables, cos nosos mandando sobre o verde.
Cun gol de diferenza no marcador, o Compos buscou dominar o encontro diante do equipo cangués, no que se estreou Yahvé logo da súa fichaxe esta mesma semana. Sobre o campo, destacable, pouca cousa máis agás un penalti claro sobre Brais Abelenda que a colexiada non sinalou. 

Agora toca pensar xa noutra cita que se antolla histórica coa visita a terras catalás, outra vez, para visitar ao Lleida nun Camp D'Esports onde o Compos xa sabe o que é gañar.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio, Piscu, Casas, Naveira; Mon (Uña, min. 59), Remeseiro; Abelenda, Ares (Santi, min. 26), Miki; e Aythami (Ube, min. 72).
CARTÓNS: Amarelo para Casas, Sergio Pereira, Mon e Santi.
GOLES: 0-1 15' Brais Abelenda, 1-1 19' Jonás, 1-2 29' Aythami, 1-3 32' Miki Villar, 2-3 49' Champi. 
CAMPO: O Morrazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario