Entre copas

Logo de facer historia nas Canarias e antes de volver a terras catalás por terceira vez no que vai de ano, o Compos volve ao traballo na competición local coa que será a segunda viaxe consecutiva, nunha semana con tres citas a domicilio. Nesta ocasión, coa intención de manterse no alto da táboa, o rival será un duro Alondras sen sorte ata o de agora sendo un dos catro equipos que aínda non conseguiron puntuar.


Sen gol.
O Alondras chega a esta terceira xornada de campionato despois de dúas xornadas nas que non puideron puntuar nin marcar ningún gol. Por contra, encaixaron un tanto por cita diante de Silva, nun partido que pecharon con nove xogadores, e Paiosaco, no primeiro triunfo da historia do clube larachés na Terceira división.
Ben reforzados, coa chegada do ex compostelanista Yahvé nas últimas horas, buscarán rematar con este mal momento na que podería ser a estrea do vigués así como a volta de Champi e Lezcano despois das ausencias dos dous por sanción na súa primeira saída do campionato.
A nivel individual, contan con homes coma o propio Yahvé, cunha longa carreira na Segunda B, Jesús Varela ou Iván Pérez, tres vellos coñecidos pola afección branquiazul. Ademais, Pardavila ou Lezcano melloran un equipo que está a ter mala sorte nos minutos finais de cada parte recibindo o gol da derrota contra o Silva a dous minutos para o tempo de lecer e contra o Paiosaco a cinco minutos para o final do xogo.

8-0.
Neste comezo de tempada histórico, co pase á segunda fase da Copa do Rei logo de dezaoito anos, hai un dato a ter moi en conta. E é que este equipo, moi reforzado e mellorando ao do ano pasado, non só asegura o gol, con 8 a favor en tres citas, senón que tamén pode presumir dunha gran defensa así como de dous porteiros de gran nivel. Un muro baixo paus que evitou lamentar algún gol nos 270 minutos de fútbol oficial.
A iso hai que engadir que nos dous partidos xogados anteriormente nesta semana, contra Céltiga e Mensajero, o cadro dirixido por Yago Iglesias repetiu o 3-0 no marcador ao final dos 90 minutos. Dous encontros onde o xogo dos nosos foi mellorando malia contar con importantes trocos na última cita.

Un clásico do fútbol galego.
Compos e Alondras enfrontáronse ata en 32 ocasións ao longo da historia, na Terceira galega, dende 1963. Un emparellamento que só deixou tres vitorias para os cangueses, sempre pola mínima. Por contra, si houbo un gran número de empates, 14 en total, co 1-1 repetido ata en 9 ocasións e só unha cita sen goles ao final dos 90 minutos. Por outro lado, os nosos asinaron un total de 15 triunfos con goleadas como un 6-0 hai algo máis de 50 anos ou un 8-3 hai seis cursos.
No Morrazo, as vitorias locais foron un total de 2 mentres que houbo un total de 10 empates. As vitorias branquiazuis pódense contar cos dedos dunha man xa que só 4 citas remataron cos tres puntos camiño de Santiago.
Indo algo máis ao presente, na última visita dos nosos a Cangas, hai case un ano, o resultado foi de empate a 1 gol con Mon anotando o tanto branquiazul e Mauro, a oito minutos para o final, o local.

Experimentada colexiada.
Neste caso, a encargada de impartir xustiza neste encontro será a viguesa Elena Casal Fernández. Con gran experiencia en Preferente e ascendida á Terceira división o curso pasado, será a segunda ocasión na que arbitre un partido do Compos logo de facelo na Grela a comezos do presente ano, nun partido que rematou con vitoria visitante por 1-3. Pola súa parte, estivo tamén na vitoria do Alondras contra o Céltiga no Morrazo e na conseguida polos cangueses no Municipal de Laracha. Será a súa estrea oficial esta tempada.

Aumentan as baixas.
Para esta visita a Cangas, case directos dende La Palma, Yago Iglesias terá unha baixa máis que engadir ás de Rubén e Alberto. Trátase de Aythami, que chega tocado do encontro ante o Mensajero e polo que tivo que retirarse no segundo tempo. Unha mala nova aínda sen confirmación oficial á espera da volta á casa. 

Domingo pola tarde. 
O partido, con horario coñecido antes de saber que haberá que saír de novo entre semana, será o domingo ás 19 horas no Morrazo. Unha cita importante con entradas a un prezo de 10 euros. 
Por contra, quen non poida achegarse ao campo cangués, poderá seguirse a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ademais de facelo no perfil oficial do clube en Twitter. A iso hai que engadir que tamén se poderá ver en directo a través da segunda canle da TVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario